Os proxectos eTwinning e AICLE (Aprendizaxe Integrada de Contidos e Linguas Estranxeiras)

Os proxectos eTwinning e AICLE (Aprendizaxe Integrada de Contidos e Linguas Estranxeiras)

Entrevistas

Loli Iglesias, asesora de educación secundaria no Berritzegune de Getxo (Centro de orientación pedagóxica do Goberno Vasco) exponnos os beneficios que lle achegan os proxectos eTwinning ao enfoque CLILL ou AICLE (Aprendizaxe Integrada de Contidos e Linguas Estranxeiras).

Os proxectos eTwinning xurdiron no ano 2005 como unha iniciativa da Comisión Europea para animar os centros educativos europeos a formar asociacións de colaboración utilizando diversas ferramentas TIC.  Ao longo destes dez anos quedou patente que os centros que desenvolven estes proxectos conseguen impulsar non só o uso das TIC senón tamén a consecución das competencias básicas e unha metodoloxía que facilita a aprendizaxe cooperativa e a colaboración entre os docentes.

Desde a miña experiencia como asesora en metodoloxía para a impartición de áreas e materias a través da lingua estranxeira, gustaríame compartir as miñas conclusións sobre os beneficios que os proxectos eTwinning lle achegan ao enfoque CLIL (Content and Language Integrated Learning) ou AICLE (Aprendizaxe Integrada de Contidos e Linguas Estranxeiras).  Por un lado, ningún lingüista dubida de que o enfoque comunicativo é o mellor xeito de aprender unha lingua.

 

scrable_CLILL

A colaboración entre centros de distintos países europeos permítelle ao alumnado usar a lingua para comunicarse e así conseguir levar a cabo tarefas que foron acordadas entre os participantes no proxecto. É dicir, facilítase o uso “real” da lingua que poderiamos definir como aquel que ten lugar nun contexto significativo, nun contorno social e para adquirir información que lle interesa ao falante así como para coñecer diferentes culturas á propia.

Por outro lado, a ineludible colaboración entre docentes dun mesmo centro para a consecución dun traballo colaborativo con outros centros doutros países potencia proxectos interdisciplinares, o que favorece o traballo en equipo, o debate e o consenso no mesmo centro para beneficio tanto do profesorado coma do alumnado. Isto é así para calquera etapa educativa e para calquera área ou materia.

Entre os 130 000 centros que están a participar en proxectos eTwinning hai opcións curriculares moi diversas, desde os proxectos centrados en hábitos alimentarios e tradicións culinarias de distintos países ata aqueles nos que o alumnado transfire os coñecementos adquiridos en materias como física e matemáticas á clase de educación física.

(Este é o caso de Physical Awareness, proxecto que recibiu o selo de Calidade do mes de xaneiro). Acceso ao TwinSpace do proxecto.

 

Physical_Awareness_wordcloud

Cómpre salientarmos que a práctica de CLIL nas aulas é un reto ambicioso e un complexo proceso que pode resultar mais fácil de levar á práctica se se complementa con proxectos atractivos para o alumnado que inciden de xeito claro na motivación para a aprendizaxe da área ou as áreas que o centro decidiu desenvolver en lingua estranxeira. É realmente motivador para os participantes poder utilizar as innumerables ferramentas tecnolóxicas que forman parte da súa vida cotiá, levar a cabo sesións de charlas, videoconferencias, etc. para realizar tarefas relacionadas con materias diversas.

Os centros educativos cos que desenvolvo o meu labor como asesora que se animaron a participar en proxectos eTwinning resumírono dicindo que a experiencia foi moi gratificante porque puideron ver como o seu alumnado “aprende gozando”. Hai algo máis alentador para un docente?

Ilustramos este artigo con outros exemplos de proxectos eTwinning para primaria e secundaria.

Climb a hill with CLIL (ensino primario)

Un proxecto no que os alumnos comparten aspectos socioculturais diversos referidos ás súas vidas diarias, o seu contorno e a súa cultura usando para iso o correo electrónico, charlas, audio e vídeo, presentacións de PowerPoint e álbums de fotografías.

Divídese os alumnos en 5 grupos de nacionalidade mixta que compiten en diferentes xogos e actividades durante todo o ano escolar. Cada equipo ten que subir un outeiro virtual, unha representación da montaña máis alta de cada país. Os equipos eslovacos soben no lado leste (por ser un país de Europa do leste), e os equipos españois soben no lado oeste (por ser un país de Europa occidental). Cantos máis puntos se ganan, máis rápido soben. O ganador é o equipo que alcanza o cume. Os temas dos xogos e actividades baséanse en contidos AICLE impartidos na aula e compartidos polos docentes participantes.

Acceso ao TwinSpace do proxecto.

 

Mountain_climb_hill_CLIL

Spirit of Hope (ensino secundario)

A través da literatura dos países socios, os alumnos investigan e interpretan tradicións comúns atopando similitudes e celebrando a diversidade que atopan ao seu paso. O proxecto preséntase nun formato ao estilo dos Contos de Canterbury no que os alumnos se converten en peregrinos europeos que percorren diferentes rexións e épocas.

Os alumnos reúnense e relacionan achados nos ámbitos da literatura, a arte, a tecnoloxía, a cultura e o deporte. O proxecto proporciónalles deste xeito aos alumnos a oportunidade de desenvolver as súas ideas de forma creativa, mellorar competencias dixitais e lingüísticas e ensínalles a traballar en equipo fomentando un sentimento de cidadanía europea.

Acceso ao TwinSpace do proxecto.

 

Voltaire_Spirit_Hope

Fonte das imaxes: Fotocomposicións a partir de imaxes de uso libre de Freepik.com e imaxes de TwinSpace dos proxectos eTwinning salientados.

 

 

 

Dálle a volta á túa clase con eTwinning

Dálle a volta á túa clase con eTwinning

Ferramentas TIC

Hai unhas semanas celebrouse en Madrid o V Encontro eTwinning de Profesores en Castelán: Proxecta eTwinning. Entre todos os relatorios e obradoiros que se levaron a cabo, tivo lugar un que, polo crecemento e a importancia que está a ter esta metodoloxía, queremos destacar. Trátase do obradoiro impartido por Inmaculada Contreras, “Flipped Classroom. Aprender dándolle a volta á clase”. Cada vez está máis presente o desexo de transformación do sistema educativo; a súa posta en marcha é unha necesidade que cada curso escolar se fai máis patente. Somos conscientes da importancia dun modelo de ensino-aprendizaxe centrado nas actividades que realiza o alumnado e non na memorización dunha longa listaxe de determinados contidos. Esta demanda tivo a súa resposta en novas metodoloxías (ou non tan novas?) cos seguintes puntos en común:

  • Diminución considerable do número de clases expositivas. Isto supón un cambio no rol tanto do profesorado coma do alumnado. Neste sentido, o profesorado deixa de ser un mero transmisor de coñecementos e pasa a ser un facilitador no proceso de aprendizaxe do seu alumnado. Pola súa banda, o alumnado deixa de ser un receptor pasivo e pasa a ser protagonista da súa propia aprendizaxe, desenvolvendo, deste modo, un papel moito máis activo.
  • Realización por parte do alumnado de actividades ou proxectos nos que teñan que aplicar o que aprenderon previamente. Esta relación entre os contidos que se ven na clase e o día a día do alumnado pode espertar a súa curiosidade, estimulando deste modo as súas ganas de aprender. Sabemos que o ideal é que o alumnado non estude para aprobar, senón para aprender e aplicar o que aprendeu.
  • Estreitamente relacionado co punto anterior, está a flexibilidade na aprendizaxe centrada no contexto. O alumnado aprende mediante a práctica, deixando nun segundo plano a memorización de grandes bloques de contidos.
  • Fomento, por un lado, da aprendizaxe autónoma do alumnado; por outro lado, da colaboración. O traballo en equipo facilita esta aprendizaxe entre iguais, pero hai que ter en conta que este proceso ten que estar sempre guiado polo profesorado.
  • O uso de ferramentas TIC vólvese imprescindible, aínda que hai que lembrar que o uso das TIC non supón ningunha mellora se non vai acompañado dun cambio metodolóxico.

Son moitas as metodoloxías que cumpren estes puntos (Aprendizaxe Baseada en Proxectos, Flipped Classroom, Aprendizaxe con Dispositivos Móbiles, e-Learning…), chegando en moitos casos a complementarse unhas con outras. Pero entón, que caracteriza o “flipped learning” do resto de metodoloxías? Que o fai único e especial? Son moitos os espazos, blogs e páxinas especializadas sobre flipped classroom. A finalidade deste artigo non é repetir o mesmo que podemos atopar nestes espazos, senón dar unhas pinceladas moi xerais e espertar a curiosidade, tal e como fixo Inmaculada Contreras na hora e media que durou o seu obradoiro, dos que aínda non saiban que é isto do “flipped learning”, “flipped classroom” ou “clase invertida”. Basicamente, e tal como explicaba esta docente de Plástica, trátase de facer o que se fai normalmente na casa na clase, e o que se fai na clase, facelo na casa. É dicir, ver a teoría na casa e afianzar os coñecementos na clase: a clase maxistral do docente pasa a verse na casa en forma de vídeo ou outro formato; na clase acláranse as dúbidas que puideran xurdir e empézase a traballar en actividades concretas.

 

flipped_classroom_2

As vantaxes desta metodoloxía son practicamente as que se sinalaron arriba: trátase dunha metodoloxía flexible, personalizada e adaptada ao contexto e ás necesidades de cada alumno e alumna. Por outro lado, ao ter a teoría en formato audiovisual, o alumnado pode acceder a ela sempre que queira, parar o vídeo as veces que considere oportuno, tomar notas, volver ver determinadas secuencias o número de veces que necesite, etc.

Pero como todas as metodoloxías, o “flipped learning” ten algúns puntos frouxos. O maior risco desta forma de dar clase é a exclusión do alumnado con menos medios. Temos que ser conscientes de que isto pode pasar e, en consecuencia, poñer os remedios correspondentes para evitarmos esta exclusión: se o alumnado non ten Internet, haberá que ofrecerlle o material nunha memoria externa; se non ten ordenador, facilitarlle un horario no centro escolar para que poida ver os contidos. Outro problema que nos pode xurdir é que haxa alumnos e alumnas que non cheguen a afacerse a esta forma de dar clase, ou familias que non apoien esta metodoloxía. Hai que estar preparados para estes posibles rexeitamentos.

Durante o seu obradoiro, Inmaculada Contreras tamén sinalou unha serie de recomendacións para lle “dar a volta á clase”.  Estes son algúns dos consellos:

  • En primeiro lugar, non pretender un cambio metodolóxico radical. Empezar paseniñamente, seleccionando só algúns grupos, algunhas materias e algunhas clases determinadas.
  • En canto ás producións e os materiais con contidos teóricos:
    • Non nos centrar só no vídeo. Este será a principal forma de mostrar a teoría, pero é conveniente utilizar outros elementos e adaptalos ás TIC (documentos PDF interactivos, por exemplo).
    • Non nos obsesionar coas producións audiovisuais que realicemos. Temos que ser conscientes de que non somos produtores audiovisuais e, polo tanto, non se espera unha calidade profesional nos materiais que creemos.
    • Aproveitar, por un lado, os recursos que se poden atopar na rede. Por outro lado, crear tamén contidos axeitados á nosa forma de dar clase. Pero se temos ao noso dispor multitude de vídeos e recursos que xa están feitos cos contidos que queremos traballar, por que molestarnos en facer uns novos? Tal e como indican Jon Bergmann e Aaron Sams (creadores do flipped learning) neste vídeo, ti como docente tes unha relación cos teus estudantes que ninguén máis ten, e iso non o vas atopar en ningún dos recursos de Internet. Se fas os teus propios contidos, poderás incorporar eses aspectos particulares e crear producións adecuadas á vosa forma de dar clase.
  • Outro aspecto moi importante é difundir o que se fai na aula e compartilo a través, por exemplo, das redes sociais.

 

claqueta

Para rematar, ensinounos as seguintes ferramentas TIC para traballar na aula: para realizar cuestionarios interactivos Kahoot; para crear e almacenar historias e cronoloxías a partir de contidos de redes sociais como Twitter ou Facebook, entre outras Strorify; para a creación de contidos Pinterest; e para crear infografías Piktochart.

Á parte destas ferramentas, aquí propoñemos outras que nos poden ser moi útiles á hora de lle “darmos a volta á nosa clase”: Symbaloo, para organizar os nosos recursos e crear paneis cos enlaces ás páxinas, vídeos e ferramentas que vaiamos utilizar nas nosas sesións de flipped learning; e para a creación de titoriais Screencast-o-matic; ou se o que queremos é crear e editar presentacións interactivas que permitan, entre outras cousas, realizarlle preguntas ao noso alumnado a medida que vaian vendo o vídeo, podemos utilizar Officemix (extensión gratuíta de power point) e EdPuzzle.

Tal e como se veu comentando ao longo deste artigo, unha característica destacable do flipped learning é a considerable redución da memorización de contidos a prol de actividades máis próximas e centradas no ámbito do alumnado. Deste modo, o tempo de traballo na aula optimízase e dedícase na maior parte a aspectos prácticos. Neste contexto, os proxectos eTwinning poden ser unha boa forma de iniciarse no flipped learning. Deixa a parte expositiva para a casa e traballa na aula nos teus proxectos eTwinning. Anímate a darlle a volta á túa clase con eTwinning!   Fonte das imaxes: Banco de imaxes INTEF. Creative Commons Attribution-NonCommercial-ShareAlike 3.0 Unported Pixabay. CC0 Public Domain.

 

 

eTwinning en Erasmus +

Embaixadores

Desde o lanzamento do programa Erasmus+ en xaneiro de 2014, son moitas as consultas que recibimos sobre diferentes aspectos de eTwinning e de Erasmus+. Nalgunhas obsérvase certa confusión nos usuarios ó asignar características dunha acción á outra e viceversa. Aínda que son iniciativas relacionadas (eTwinning forma parte de Erasmus+, Guía do programa Erasmus+), teñen características que se diferencian.. Continuar leyendo

Programación na aula con eTwinning

Programación na aula con eTwinning

Ferramentas TIC

O uso de aplicacións móbiles por todos nós é un hábito cotián. Non poderíamos concebir o noso día a día sen comunicarnos a través da mensaxería instantánea, sen comprobar antes de saír da casa o tempo que vai facer ou o estado do tráfico, sen motorizar a nosa actividade física, ou sen entreternos con ese xogo que tanto engancha.

Continuar leyendo