eTwinning Live

eTwinning Live

XERAL

P:Onde podo atopar información sobre o funcionamento de Etwinning Live?

R: Podes atopar información na sección de materiais de autoaprendizaxe no portal europeo (www.etwinning.net) ou na sección de titoriais de eTwinning Live da páxina do Servizo Nacional de Apoio eTwinning de España; así como na súa canle de YouTube.

Tamén hai unha sección de “Axuda” á que se pode acceder na esquina superior dereita da páxina de eTwinning Live, ao carón das iconas de notificacións e correo.

O perfil eTwinning

P: Como podo ver o meu perfil ou o doutros?

Podes acceder ao teu perfil ou ao doutros usuarios premendo sobre o nome. Premendo sobre o nome, accédese a toda a información do usuario eTwinning: a súa información persoal, actividade, proxectos, eventos, grupos. Podes acceder ao seu enderezo de correo, facerte o seu seguidor ou invitalo a ser parte dos teus contactos.

P: En que consiste a barra de progresión?

A túa progresión en eTwinning está determinada por dous factores: a túa participación en eTwinning e o uso dos materiais de autoaprendizaxe eTwinning. Os dous indican ata onde chegaches na túa experiencia eTwinning. A progresión baseada na túa participación en eTwinning divídese en cinco áreas: elemental, comunicación, cooperación, rede eTwinning e desenvolvemento profesional e calidade. Velaquí temos uns exemplos de accións que aumentarán a túa progresión: Elemental: acceder, escribir a túa idea de proxecto, engadirlle imaxe ao perfil, publicar no teu perfil. Comunicación: facer contactos, seguir outras persoas, escribir mensaxes internas. Cooperación: pertenza a un proxecto, uso do TwinSpace. Rede eTwinning e desenvolvemento profesional: pertenza a grupos, participación en eventos e outras actividades de desenvolvemento profesional. Calidade: organización de actividades, moderación de grupos, selos de calidade. Hai un límite sobre cantas accións da mesma categoría podes realizar para aumentar a túa barra de progresión: despois de escribir varias mensaxes ou publicacións a progresión xa non cambiará! A túa progresión permanece visible para calquera persoa de eTwinning e pode servir como guía para a túa experiencia en eTwinning e para participar activamente.

P: Onde se atopan os materiais de autoaprendizaxe?

Accede a estes materiais a través de eTwinning Live. Entra coas túas claves en eTwinning Live. Accede á páxina da barra de progreso a través do teu perfil e preme sobre a interrogación. Abrirase unha páxina con explicacións e o enlace aos materiais. Lembra que para que as actividades de autoaprendizaxe computen na túa barra de progreso debes iniciar a sesión desde eTwinning Live.

P: Que diferenza hai entre seguir un docente ou invitalo a ser parte dos teus contactos?

Segues un usuario eTwinning cando che interesa seguir a súa actividade na plataforma. Invitas un usuario eTwinning a ser parte dos teus contactos cando queres realizar un proxecto con ese usuario.

P: Que debo facer se cambio de centro de traballo?

Se cambias de centro de traballo, non debes cambiar os datos do centro anterior. Tes que engadir o novo centro ao teu historial de centros. Para iso, debes acceder ao “teu perfil”> “modificar conta”> “Centros escolares”. Atoparás unha funcionalidade na parte superior “ENGADIR UN CENTRO ESCOLAR”.

P: Como podo borrar o meu perfil eTwinning?

Se desexas borrar a túa conta eTwinning, escribe un correo a delete@etwinning.net desde a conta de correo que usaches para te inscribir na plataforma eTwinning informándoos de que queres que se borre o teu perfil.

P: Que debo facer se non quero que o meu perfil sexa público?

Podes seleccionar distintos criterios para que o teu perfil non sexa público e non apareza nunha busca de internet. Selecciona a opción que prefiras no apartado de “Privacidade e seguridade” no teu perfil eTwinning.

P: Que debo facer se non quero iniciar ningún proxecto?

Se non queres iniciar un proxecto en eTwinning, na sección “INTERESES”, podes indicar a túa dispoñibilidade no teu perfil eTwinning, marcando NON:

Estou dispoñible para un proxecto eTwinning (SI/NON) Estou dispoñible para un proxecto etwinning Plus (SI/NON) Deste xeito, non aparecerás nos resultados das buscas de socios que outros usuarios fagan. P: Pódense modificar os datos do perfil?

Podes modificar os datos persoais do teu perfil así como cambiar a configuración de privacidade cando o desexes.

P: Como podo atopar persoas ou centros escolares?

Existe un buscador na pestana “PERSOAS”. Podes buscar persoas polo nome ou por centros escolares. Tamén podes optar a unha busca avanzada que che ofrece distintos campos.

Pestana “Eventos”

P: Que son os eventos eTwinning?

Os eventos eTwinning son encontros presenciais ou en liña entre usuarios eTwinning con distintos obxectivos. Estes eventos poden ser organizados por calquera usuario da plataforma. Contan con ferramenta de audio e videoconferencia con capacidade para 100 participantes, foro para debater antes e despois da sesión de videoconferencia e un espazo para arquivar documentos. A natureza destes eventos admite moitas posibilidades: obradoiros, sesións de formación, presentacións de centro, presentación de proxectos, sesións de busca de socios.

P: Cando podo participar nun evento?

Existen eventos públicos que permiten a opción de participar. Nos eventos privados non existe ningunha posibilidade de acceder se non te invitaron cando organizaron o evento.

Pestana “Proxectos”

P: Que información podo atopar na pestana Proxectos? A pestana “Proxectos” é o espazo onde poderás crear o teu proxecto.

Ademais, atoparás a listaxe de todos os teus proxectos pendentes, abertos e pechados. Debaixo de cada proxecto, atoparás unha listaxe de accións relacionadas.

Tamén atoparás unha ferramenta que permite a busca de proxectos.

P: Que accións relacionadas con cada proxecto se poden facer?

Accións relacionadas coa xestión de socios: engadir novos socios, eliminalos, xestionar os perfís.

Accións relacionadas co proxecto: modificar a información do proxecto, engadir imaxes que o representen, abrir e pechar o proxecto.

Solicitude do selo de Calidade Nacional ou Europeo. Solicitude de participación en premios europeos. Descargar os certificados relacionados co proxecto.

P: Fundei/ aceptei formar parte dun proxecto. Por que non se xera o TwinSpace?

O protocolo para aprobar un proxecto leva o seu tempo. Se xa pasaron 15 días desde o inicio do proceso, daquela as causas poden ser varias:

O teu socio non aceptou a invitación.

O teu proxecto está pendente de ser aprobado polo representante eTwinning da túa comunidade autónoma e polo SNA eTwinning.

O teu proxecto está aprobado por parte de España, pero falta que o aprobe o SNA do outro país implicado.

Solución:

Informa o teu socio de que ten que abrir as notificacións e aceptar a invitación do proxecto para que se inicie o protocolo para aprobar o proxecto.

Comproba que a notificación para dar o visto e prace lle chegou ao director do teu centro educativo e que, seguindo as instrucións, llo remitiu ao responsable eTwinning da túa comunidade.

Se por parte de España xa está aprobado, avisa o teu socio de que é o seu Servizo Nacional de Apoio o que falta por aprobar o proxecto.

 

P: Como se engaden socios a un proxecto?

Débeslles solicitar aos futuros socios que sexan parte dos teus contactos. Deben aceptar. Despois, invítaos ao proxecto. Preme aquí para ver o titorial.

 

P: Por que non podo invitar a un proxecto un docente que xa teño entre os meus contactos?

 

As causas máis habituais son:

Non se habilitou a dispoñibilidade para traballar en proxectos en xeral no perfil do docente. Nese caso, o teu socio debe habilitar a opción “Estou dispoñible para un proxecto eTwinning” na sección “Intereses” do seu perfil para que che permita seleccionalo. (Ver imaxe)

Se o teu socio pertence a un dos países de eTwinning Plus. Entón, non se habilitou a opción de traballar en países de eTwinning Plus. Debes asegurarte de que habilitaches dúas opcións:

a primeira, no teu perfil: “Estou dispoñible para participar en proxectos eTwinning Plus” e a segunda, na pestana de proxectos no menú de accións “Modificar”: seleccionar permitir asociarse con países de eTwinning Plus ao proxecto. Nese momento aparecerá para ser seleccionado de entre os seus contactos:

 

P: “Como podo atopar socios”?

Atopar un socio para unha colaboración efectiva leva o seu tempo. Hai distintos espazos e formas de atopar socios. Atoparás suxestións neste artigo da web: Buscar socios de carne e óso

 

Pestana “Grupos”

P: Que son os grupos eTwinning?

Os grupos de eTwinning son plataformas privadas que lles permiten aos seus membros conversar e traballar xuntos sobre un tema específico. O obxectivo é que as persoas que participan en eTwinning compartan exemplos, debatan métodos de ensino e atopen apoio para o seu desenvolvemento profesional. Os grupos son espazos excelentes para o desenvolvemento de traballo en colaboración entre profesores a longo prazo.

P: Podo crear un grupo?

Calquera usuario eTwinning pode solicitar a creación dun grupo, pero ten que pasar o filtro do Servizo Central de Apoio que é o que en última instancia decide se aproba a solicitude.

P: Podo participar en calquera grupo?

Existen grupos pechados e abertos. Calquera usuario eTwinning pode unirse ou saír dun grupo aberto ou público. Os grupos pechados non ofrecen esa posibilidade. Só poderá acceder se o invitan.

P: Cales son os grupos creados polo Servizo Central de Apoio eTwinning?

Existen grupos moderadores eTwinning, cada grupo prepara actividades e tarefas para debater acerca delas e realizalas. Os temas van desde o ensino de idiomas ou o espírito emprendedor na educación ata as ciencias, tecnoloxía, enxeñaría ou as matemáticas. Para apuntarse a un grupo eTwinning é moi sinxelo, abonda con entrar no teu escritorio eTwinning, ir á sección «Grupos» e acceder desde alí. Podes acceder aos grupos desde o escritorio eTwinning en calquera momento. Preme aquí para acceder á listaxe .

Pestana “Foros para Colaborar”

P: Que obxectivo teñen os foros para colaborar?

Os foros para colaborar están pensados para deixar/atopar socios para realizar futuros proxectos, colaboracións ou asociacións.

P: Para que serve o buscador?

O buscador permíteche facer buscas nos foros de posibles socios, utilizando palabras clave que reflictan os teus intereses (CLIL, STEM…) e os filtros que aparecen na busca avanzada: idade, idioma, país…

P: Como podo atopar socios?

Se partes cunha idea clara, para dar a coñecer a túa idea de proxecto, utiliza os foros en eTwinning Live. Tamén podes facer unha busca avanzada utilizando o buscador de posibles socios, utilizando palabra claves no cadro que reflicta os teus intereses (CLIL, STEM…) e calquera outro filtro que aparece na busca avanzada.

Cando atopes un docente que pode ser afín ao que queres facer tes dúas opcións:

  • Deixar un comentario respondendo á súa publicación no foro.
  • Escribir unha mensaxe privada. Para iso preme sobre o seu nome, e na páxina do seu perfil premes na icona con forma de sobre para enviarlle unha mensaxe.

Tamén podes seguilo coma noutras redes sociais. Premendo na opción “Seguir” no seu perfil.

P: Que consideracións debes ter en conta antes de fundar/ unirte a un proxecto?

Antes de que te unas a un proxecto, aconsellámosche que te comuniques ben e con calma cos socios. É importante comprobar se todos os socios queredes o mesmo ou, no seu caso, negociar e consensuar ideas. Desde que chegas a un acordo e decides asociarte a un proxecto xa fundado ou decides crear o teu propio proxecto, debes seguir uns pasos de carácter técnico. O voso proxecto pode basearse en paquetes de proxectos publicados ou pódeste inspirar en proxectos feitos por outros…

Primeiro debes solicitar formar parte dos contactos do teu socio ou viceversa. A persoa que é invitada, ten que aceptar a invitación. Entón pódela seleccionar como socio da túa listaxe de contactos. A persoa debe aceptar a invitación ao proxecto. O proxecto ten que ser aprobado polos servizos nacionais dos socios fundadores cando reciben o visto e prace do director. No caso de España, a través do representante eTwinning das comunidades autónomas. Unha vez que se aproba o proxecto, xérase un espazo dixital privado para traballar cos alumnos.

Pestana “Desenvolvemento Profesional””

P: Que ofrece a pestana Desenvolvemento Profesional?

Neste espazo atópanse as oportunidades de desenvolvemento profesional virtuais que ofrece eTwinning en toda Europa.

P: Que modalidades de formación en liña nos ofrece?

As modalidades de formación en liña son dúas: os encontros didácticos e os seminarios. Os encontros didácticos son cursos intensivos e dinámicos que serven para presentar un tema, estimulan a creatividade, axudan a desenvolver habilidades e non requiren un compromiso a longo prazo. Os seminarios en liña son sesións de videoconferencia dunha hora nos que poderemos aprender, falar e debater acerca de distintos temas.

P: Que debo facer para apuntarme?

Para te apuntares nestas actividades preme no nome da actividade e sigue as instrucións. Normalmente aparecerá o prazo de solicitude: apertura e peche. Cando abra o prazo, atoparás instrucións para facer a solicitude. Aconsellámosche que esteas moi pendente porque adoita haber bastante demanda.