Outras

 

Outras

XERAL eTWINNING

P: Que é eTwinning?

R: eTwinning é a Comunidade de centros escolares de Europa. Os profesores de todos os países participantes pódense inscribir e utilizar as ferramentas da web eTwinning para atoparse, coñecerse virtualmente, intercambiar ideas e prácticas, formar grupos, aprender xuntos nos encontros didácticos e participar nos proxectos na web. Preme aquí para ver un vídeo que explica de xeito claro o programa.

P: Cales son os primeiros Pasos en eTwinning?

Para que te poidas beneficiar das posibilidades que che ofrece eTwinning, o primeiro que cómpre facer é darse de alta en eTwinning e crear un perfil. Aquí atoparás recomendacións para facelo: http://bit.ly/2d9msS4. A partir de aí é posible contactar con outros docentes europeos que queiran facer o mesmo que queres ti e compartan intereses similares.

P: Como podo profundar en eTwinning?

 1. A través de actividades de formación:

  •  Participa nalgunha das diversas oportunidades de formación eTwinning que ofrece o SNA eTwinning en España ao longo do curso escolar: MOOC eTwinning en aberto, Curso en liña Proxecta eTwinning, MOOC Open eTwinning, diversos NOOCS. Consulta a páxina do SNA eTwinning: http://etwinning.es/formacion/?lang=es.
  • Participa en eventos de formación eTwinning organizados pola túa comunidade autónoma. Preme aquí para contactar co representante eTwinning da túa comunidade: http://etwinning.es/inicio/representantes-etwinning-en-las-comunidades-autonomas/?lang=es 

2. A través de recursos e materiais:

3. A través do contacto con comunidades de docentes:

  •  Únete ao Grupo Virxilio en eTwinning Live, creado para axudar a dar os primeiros pasos na plataforma. Ver: http://etwinning.es/grupo-etwinning-virgilio/?lang=es
  • Contacta cun embaixador eTwinning da túa comunidade. Ver: http://etwinning.es/listado-de-embajadores-etwinning-20152016/?lang=es
  • Únete a un grupo onde podes atopar outros docentes cos teus mesmos intereses: http://etwinning.es/gente-con-recursos-unida-para-organizar-saberes-grupos-etwinning/?lang=es
  • Participa en actividades de formación e desenvolvemento profesional que ofrece eTwinning (imaxe)

4. Para empezar, recomendámosche estes tres vídeos sobre aspectos xerais do programa:

P: Que é un proxecto eTwinning?

R: Os distintos centros educativos poden colaborar entre si e crear un proxecto utilizando ferramentas TIC. Para crear un proxecto cómpre que se asocien polo menos dous centros educativos distintos.

Atención: co fin de optar a selos de calidade europeos ou premios eTwinning, os proxectos deben contar con centros educativos de dous países distintos, como mínimo.

P: Que podo facer nun proxecto eTwinning?

R: Podes traballar co teu socio sobre calquera tema. Os proxectos deben repartirse equitativamente entre o uso das TIC e as actividades da clase, así como adaptarse aos programas escolares nacionais dos centros que participan no proxecto.

P: Teño que ser un experto en TIC para participar?

R: Non! para nada. Un dos obxectivos de eTwinning é mellorar os coñecementos das TIC entre os profesores, e facer delas parte da vida normal na aula. eTwinning adáptase a calquera nivel de coñecemento das TIC.

Ademais sempre poderás contar co asesoramento do Servizo Nacional de Apoio a través do correo asistencia @etwinning.net ou utilizando as tarxetas de proxecto.

P: Como podo participar?

R: Podes aproveitar as posibilidades de desenvolvemento profesional e contacto que brinda eTwining Live. Tamén podes ir un paso máis alá e fundar un proxecto eTwinning que poden levar a cabo dous ou máis profesores, equipos de profesores ou departamentos, bibliotecarios, directores de estudos e alumnos de todos os centros escolares de Europa. O tema que se vai desenvolver utilizando as TIC pode ser dunha mesma materia ou multidisciplinar.

Todos os centros de preescolar, primaria, secundaria e bacharelato poden participar (alumnos de idades comprendidas entre os 3 e os 19 anos).

P: Que países forman parte de eTwinning?

R: eTwinning diríxese a todos os estados membros da Unión Europea: Alemaña, Austria, Bélxica, Bulgaria, Chipre, Croacia, Dinamarca, Eslovaquia, Eslovenia, España, Estonia, Finlandia, Francia, Grecia, Holanda, Hungría, Irlanda, Italia, Letonia, Lituania, Luxemburgo, Malta, Polonia, Portugal, Romanía, o Reino Unido, a República Checa e Suecia. Ademais, tamén poden participar os denominados países “eTwinning Plus”: Albania, Antiga República Iugoslava de Macedonia, Bosnia e Herzegovina, Islandia, Liechtenstein, Noruega, Serbia e Turquía.

 REXISTRO EN ETWINNING

P: Quen se pode rexistrar en eTwinning?

R: En eTwinning pódense rexistrar docentes e asesores de todos os niveis educativos anteriores á universidade sempre que estean a traballar nun centro educativo oficial.

P: Como se rexistra un docente en eTwinning?

R: A inscrición realízase no portal europeo www.etwinning.net. Para iso, debes premer sobre unha funcionalidade en cor laranxa na que pon “Rexístrate”. O rexistro faise en dúas fases. Primeiro, introduces os datos persoais, claves e correo electrónico. Entón, o sistema enviará unha mensaxe cun enlace para continuar co rexistro á conta de correo que introduciches nos datos persoais. Con isto, preténdese verificar que a conta de correo que proporcionaches é correcta.

P: Que pasa cando me inscribo en eTwinning?

R: Recibes un usuario e un contrasinal que son as claves que che permiten acceder á plataforma eTwinning Live (ver as preguntas frecuentes de “Ferramentas”) onde tes ao teu servizo moitas ferramentas para atopar socios, comunicarte con outros centros escolares e empezar un proxecto.

P: Cales son as fases de inscrición?

R: O proceso de inscrición consta de tres pasos: preinscrición, verificación do enderezo de correo electrónico e rexistro.

  1. Accedemos á web do SCA de eTwinning, http://www.etwinning.net/ e prememos en “Inscrición”. Aparece a pantalla de preinscrición, onde nos piden unha serie de datos persoais básicos, todos eles obrigatorios: nome, apelidos, enderezo de correo electrónico, un nome de usuario e un contrasinal. É importante que lembremos o nome de usuario e mais o contrasinal, xa que se utilizarán frecuentemente.
  2. Confirmación da preinscrición: unha vez que se prema no botón ‘Enviar’, os datos da preinscrición quedan almacenados e o sistema envíanos unha mensaxe de correo electrónico ao enderezo de correo electrónico que acabamos de introducir. Esta mensaxe contén un enlace para confirmar a preinscrición.
  3. Cando se preme no enlace que mandou o sistema por correo electrónico, aparece unha ventá onde hai que encher varios formularios, entre eles debemos incluír os datos do centro escolar. Se o centro foi rexistrado previamente, seleccionarémolo dunha listaxe.

P: Cal é o proceso de rexistro en España?

Unha vez que un docente se rexistra, o representante eTwinning da comunidade autónoma á que pertence o centro contacta co director/a do centro educativo para que verifique que actualmente o/a docente forma parte do claustro de profesores do centro. Por todo iso, cómpre que figure que os datos do director do centro estean actualizados no perfil do centro escolar en eTwinning Live.

Unha vez que o representante eTwinning reciba o visto e prace do director procederá a validar o rexistro do profesor.

P: En que consiste a validación de rexistros?

Cando te rexistras por primeira vez en eTwinning, o teu rexistro pasa por un proceso de validación que consiste nunha comunicación por unha notificación que o representante eTwinning da túa comunidade envía ao correo do director do teu centro escolar para confirmar a veracidade dos datos facilitados. O director do centro educativo, seguindo as instrucións do correo electrónico, débelle contestar ao representante da comunidade para que aprobe o rexistro. Unha vez que o rexistro estea aprobado, o SNA eTwinning validará o rexistro na plataforma.

Ata que o rexistro do profesor non estea validado, non se poderá unir a ningún proxecto. Unha vez que estea validado aparecerán, en lugar desta mensaxe, as opcións para aceptar ou rexeitar esa invitación ao proxecto.

P: Que idioma teño que utilizar?

Cando te inscribes no Portal eTwinning podes utilizar calquera idioma xa que se traduce toda a información. Con todo, para tratar a túa idea de proxecto, utiliza un idioma de uso común (como o inglés, o francés ou o alemán) ou máis dunha lingua. Esa información xa non se traduce, co que depende de ti facela máis ou menos fácil de entender para os outros centros escolares europeos.

P: Como podo recuperar as claves de acceso se non as lembro?

Para recuperar as claves de acceso, debes premer sobre a pregunta Esqueciches o contrasinal? O sistema pedirache que introduzas o correo que usaches cando te rexistraches para enviarche as claves de acceso.

Se con este procedemento non podes recuperar as claves, informa o Servizo nacional de Apoio a través do correo asistencia@eTwinning.es

P: Por que bloquearon o meu perfil? Que debo facer?

Un perfil pode aparecer bloqueado por distintas razóns de índole administrativo ou técnico. No caso de que o teu perfil estea bloqueado, ponte en contacto co teu Servizo Nacional de Apoio eTwinning. No caso dos docentes españois poderano facer a través do correo asistencia@etwinning.es

 P: Que pasa se non podo acceder á plataforma?

Se no prazo de dous anos non entras na plataforma, o teu perfil volverase inactivo. Se pasan tres anos sen acceder, o teu perfil desaparecerá de eTwinning.

P: Como podo saber se o meu centro está rexistrado?

Fai unha busca na sección de Contacta que se atopa na páxina pública do portal eTwinning.net. En “Busca centros escolares, persoas, proxectos” poderás utilizar as ferramentas dispoñibles para comprobar se o teu centro xa está rexistrado na plataforma.

P: Pódense inscribir os alumnos en eTwinning?

En www.eTwinning.net só se poden rexistrar docentes ou asesores educativos. Os alumnos inscríbeos o seu profesor no TwinSpace que se xera cando se participa nun proxecto.

P: Onde podo atopar máis información sobre as ferramentas de eTwinning?

Consulta as sección de ideas no noso portal www.eTwinning.es onde se ofrecen ferramentas, suxestións e minititoriais. Tamén atoparás unha sección con guías e ferramentas no portal europeo www.etwinning.net

Por último, podes consultar co Servizo Nacional de Apoio a través do correo de asistencia@etwinning.net e utilizar as tarxetas de proxecto para que o Servizo Nacional de Apoio poida facerche recomendacións pedagóxicas e técnicas sobre as mellores ferramentas segundo o obxectivo da actividade.

 

RECOÑECEMENTOS EN eTWINNING

P: Hai algún tipo de recoñecemento pola realización de proxectos eTwinning?

Existen distintos tipos de recoñecementos eTwinning para proxectos e docentes: Selo eTwinning, Selo de Calidade Nacional, Selo de Calidade Europeo, Premios Nacionais, Premios Europeos. Este tipo de recoñecementos, nalgúns casos, tradúcese en recoñecemento administrativo por parte dalgunhas comunidades e cidades autónomas. Neste enlace atoparás cal é a situación para cada caso: Enlace a recurso.

P: Que é o Selo eTwinning?

Cando un proxecto é aprobado e empeza a funcionar, xérase automaticamente o Selo eTwinning, que está en formato electrónico e pode descargarse desde o propio escritorio do profesor. Trátase dun recoñecemento ao docente.

P: Que é o Selo de Calidade Nacional?

Os profesores pódenlles solicitar aos seus servizos nacionais a concesión dun Selo de Calidade. Este outórgaselles aos proxectos que alcanzan un determinado nivel de calidade. Todo o proceso faise desde o escritorio do usuario. Hai unha serie de criterios comúns para todos os países participantes, que son os que aparecen no formulario en liña. Pode ver eses criterios e mais a concreción que fai o SNA español nunha serie de artigos que atopará na sección de Recoñecemento sobre a Rúbrica. A rúbrica tamén é unha guía útil para profesores que vaian empezar un novo proxecto premendo aquí. A avaliación dun proxecto para Selo de Calidade realízaa o SNA en colaboración coa comunidade autónoma correspondente. Trátase dun recoñecemento individual ao docente, non ao proxecto.

P: Que é o Selo de Calidade Europeo?

Cando un proxecto recibe, polo menos, dous Selos de Calidade Nacional de dous países distintos, e ademais é proposto por un deles para Selo de Calidade Europeo, este outórgaselle automaticamente. Trátase dun recoñecemento individual ao docente, non ao proxecto.

P: En que consisten os Premios Nacionais?

Anualmente o SNA español convoca os Premios Nacionais eTwinning. Os criterios son similares aos do Selo de Calidade pero, neste caso, o número é limitado (normalmente prémianse 10 proxectos). Normalmente convócanse tres categorías de idade (de 4 a 11 anos; de 12 a 15; de 16 a 19) e, dependendo do ano, inclúense outras categorías como premios para profesores noveis, premios para equipos de centro, e outros. A convocatoria publícase no Boletín Oficial do Estado, no portal do Ministerio de Educación, Cultura e Deporte, en eTwinning Live e na páxina web do Servizo Nacional de Apoio eTwinning. Trátase dun recoñecemento ao proxecto e son galardoados aqueles participantes no proxecto que contan con Selo de Calidade Nacional na data da convocatoria da solicitude do Premio Nacional.

P: En que consisten os Premios Europeos?

Cunha periodicidade anual, o Servizo Central de Apoio convoca os Premios Europeos eTwinning. Convócanse tres categorías de idade (de 4 a 11 anos; de 12 a 15; de 16 a 19). Ademais, pode haber outras categorías especiais. Selecciónanse dous proxectos por categoría. O premio é a asistencia dos profesores finalistas e ganadores á cerimonia de entrega de premios en Bruxelas, convidados polo SCA. Para que un proxecto poida optar a estes premios é requisito indispensable que obtivese previamente un Selo de Calidade Europeo. Trátase dun recoñecemento ao proxecto e son galardoados aqueles participantes no proxecto que contan con Selo de Calidade Europeo na data da convocatoria da solicitude do Premio Europeo.

P: Que é o proxecto do mes?

Na web do SNA publícase mensualmente un artigo mostrando un proxecto que destaca por algún aspecto de calidade: innovación, utilización adecuada de ferramentas TIC, colaboración, … Non se trata dun recoñecemento administrativo oficial, pero supón un recoñecemento ás boas prácticas realizadas polos alumnos, docentes e os centros implicados.

 DESENVOLVEMENTO PROFESIONAL DOCENTE

P: Que son os Seminarios de Desenvolvemento Profesional? Como podo participar?

A información acerca dos Seminarios de Desenvolvemento Profesional de eTwinning atópase na páxina web de eTwinning. Estes obradoiros presenciais organízanse en distintos países europeos e o seu obxectivo é presentarlles os proxectos eTwinning aos profesores e axudalos a atopar socios no estranxeiro.

En España ábrese unha convocatoria pública cada ano. As bases publícanse no Boletín Oficial do Estado.

P: Que é a Conferencia anual eTwinning?

A Conferencia eTwinning anual reúne máis de 500 docentes de toda Europa. Esta conferencia proporciona a oportunidade de que os seus participantes se coñezan e poidan establecer redes de docentes, desenvolver actividades profesionais, poñer en común metodoloxías e casos prácticos, así como sentirse parte dunha comunidade viva.

P: Que son os seminarios en liña?

Os seminarios en liña de eTwinning constitúen unha oportunidade para acceder ao desenvolvemento profesional permanente en liña. Son seminarios en liña, en directo e nos que contaremos coa oportunidade de aprender, debater e conversar acerca de diversos temas.

Cómpre inscribirse para participar. A fase de inscrición de cada actividade ábrese arredor dunha semana antes do comezo do seminario. O enlace á inscrición atoparalo no portal eTwinning europeo ou na páxina inicio de eTwinning Live. Tras cada seminario en liña, publicarase a súa gravación no portal eTwinning.

P: Que son os encontros didácticos?

Os encontros didácticos son actividades formativas virtuais curtas e intensivas que tratan sobre diferentes temas. Están dirixidos por persoas expertas e ofrecen un traballo dinámico con debates entre profesores de toda Europa. Os encontros didácticos parten da idea de que un curso curto e intensivo, a xeito de introdución para un tema concreto, estimula as ideas e axuda a desenvolver competencias. Ademais non require comprometer moito tempo a longo prazo. Tamén se deseñan para que sexan unha experiencia de aprendizaxe amena e atractiva. Cada encontro dura entre catro e cinco días de traballo activo, xunto con debates, seguidos doutros catro ou cinco días de reflexión e traballo persoal. Todos os materiais están na rede, e pódese acceder a eles en calquera momento. O enlace á inscrición atoparalo no portal eTwinning europeo ou na páxina inicio de eTwinning Live.