Premio Nacional eTwinning 2019 “All different, all the same”

Premio Nacional eTwinning 2019 “All different, all the same”

O proxecto “All different, all the same” levado a cabo polas docentes Gema Sánchez García e Comba Gallinas Rodríguez do CEIP Serrano Clavero de Requena (Valencia) e Esther González Guerrero e Mª Angustias Molina González do CEIP Abencerrajes de Granada foi gañador do Premio Nacional eTwinning 2019 na categoría 1 de 0-6 anos.

Desenvolvido xunto con docentes europeas de Finlandia, Italia, Eslovenia e Chipre, o proxecto está baseado na inclusión do alumnado con diversidade funcional a través do traballo colaborativo cos distintos centros europeos participantes. Difundíronse actitudes de respecto e tolerancia á diversidade a través das actividades desenvolvidas, concienciando o alumnado da sociedade na que viven e formándoos como cidadáns europeos comprometidos.

Grazas ás novas tecnoloxías e utilizando diferentes técnicas artísticas puidemos compartir información, reaccións do noso alumnado e participamos na elaboración de produtos finais colaborativos, realizados en equipos internacionais.

O obxectivo fundamental era valorar a beleza e importancia de ser diferentes. A través de contos, o alumnado aprendeu e afianzou valores como a tolerancia, o respecto ás características e singularidades de cada persoa ou a aceptación das súas propias peculiaridades, enriquecendo así a súa autoestima.

A maioría de docentes participantes xa traballaramos conxuntamente en anteriores proxectos e tiñamos claro que o eixe central de “All different, all the same” sería a inclusión e a súa aplicación práctica no noso alumnado. A decisión foi unánime posto que era un tema que tiña unha gran relevancia en todos os nosos centros e, ademais, dábase a circunstancia de que estabamos no ano europeo da inclusión. Algúns centros máis que estaban interesados en participar uníronse, entendéndonos perfectamente ao longo de todo o proxecto.

Estamos de acordo en que o mellor xeito de alcanzar o noso obxectivo principal era mostrando e traballando co noso alumnado a comunicación pictográfica, isto é, o sistema de símbolos utilizado polos nosos estudantes con TEA ( Trastorno do Espectro Autista). A través das actividades realizadas e traballando este código conseguimos que tanto o alumnado dos nosos centros españois coma o dos nosos socios europeos se familiarizase con este modo de comunicación.

Os estudantes comezaron interactuando co alumnado dos centros socios a través dunha actividade colaborativa de presentación na que debían resolver crebacabezas con mascotas e descubrir a que colexio europeo pertencía cada crebacabezas.

Presentáronse as cancións e mais os contos adaptados con pictogramas, elaborados polas docentes participantes, sobre inclusión. Con eles traballáronse tanto os aspectos fonolóxicos e conceptuais coma os contidos. Tamén realizamos xogos de memoria e de emparellamento de pictogramas coas accións vistas nas historias.

A través de distintas actividades e programas nos nosos centros, o alumnado de primaria colaborou nas actividades eTwinning do proxecto lendo estes contos adaptados ao alumnado de educación infantil.

Destacamos unha das actividades finais colaborativas realizada en equipos internacionais: “We all laugh”. Nesta actividade, o alumnado dun centro debíalle enviar ao doutro centro unha serie de instrucións, dadas tanto en linguaxe oral (inglés) coma gráfica (pictogramas). Estas instrucións enviábanse en formato vídeo e nelas pedíase realizar unha acción concreta nun lugar determinado da escola. Tanto as accións coma os lugares que se ían ensinar foron elixidos democraticamente polo noso alumnado. Utilizando a ferramenta Linoit mostráronse todas as interaccións obtendo, como resultado final, unha actividade moi lúdica e comunicativa. Ligazón a todo o proceso na seguinte imaxe.

Outra das actividades finais colaborativas foi “Elmer’s Party”, na que se elaboraron grandes elefantes como o do conto Elmer, todos eles enchidos con imaxes, en branco e negro, de todos os alumnos e docentes socios que posteriormente foron coloreadas seguindo unha orde preestablecida en equipos internacionais. Estas imaxes compartíronse para formar grandes elefantes. O resultado final de cada equipo  mostrouse nun taboleiro dixital colaborativo “Padlet”. Ligazón ao produto final nesta imaxe.

Coa actividade “Elmers abroad”, os participantes socios dos distintos centros europeos preparamos obsequios sobre Elmer e enviámolos a outros centros socios. Todo o noso alumnado mostrouse moi ilusionado con esta actividade e moi agradecido polos traballos manuais que se realizaron.

Outra actividade moi destacable e relevante cun grande impacto na comunidade educativa dos nosos centros, e que á súa vez serviu como actividade de difusión, foi a participación do noso proxecto na celebración do Día Mundial do Autismo. Para este día preparouse un mercado solidario cos traballos manuais realizados polo alumnado para recadar fondos para asociacións locais con este fin. “All different, all the same” tamén tivo o seu espazo cun posto onde se venderon traballos manuais con pictogramas e parte dos obsequios recibidos por outros centros sobre Elmer. O noso propio alumnado encargouse de lles explicar a aquelas persoas que se achegaban ao posto en que consistía eTwinning e a razón principal do noso proxecto. Ninguén mellor ca os propios protagonistas desta “historia” para difundiren o seu traballo e o fermoso fin de todas as actividades que se realizaron. Foi moi enriquecedor ver como familias, docentes e alumnado se interesaban e informaban. Ese día tamén contamos coa visita das autoridades locais, que mostraron moito interese por coñecer o programa e o traballo realizado.

O impacto do proxecto nos nosos centros foi palpable. O alumnado de infantil e primaria participante mellorou o inglés, as súas habilidades dixitais e desenvolveron unha actitude respectuosa cara a persoas con diferentes capacidades, aprenderon que somos diferentes pero, o máis importante, que somos iguais. As familias proporcionáronlle ao alumnado a oportunidade de continuar coas actividades en liña na casa e seguiron o proceso do proxecto a través das redes sociais, blogs dos centros e a actividade do mercado solidario. Toda a comunidade educativa introduciuse na dimensión europea, a través das actividades eTwinning, ao utilizar e coñecer o material elaborado polo alumnado de distintos países socios participantes. É relevante, tamén, facer alusión á estimulación que supuxo para o alumnado a introdución das novas tecnoloxías como medio de levar a cabo o desenvolvemento do proxecto, para que todo este traballo colaborativo e a comunicación fora posible e se fixese chegar a centros que están a centos de quilómetros noutros países europeos.

A difusión deste premio foi e está a ser extensa, houbo unha repercusión moi importante a nivel de centros, localidades e provincias a través de xornais dixitais e medios de comunicación locais. Así mesmo, difundiuse a través das redes sociais, Facebook, Twitter e distintas plataformas educativas.

Obxectivos, metodoloxía, creatividade, comunicación, interacción, difusión, colaboración entre os centros socios, implicación de varias áreas, uso das novas tecnoloxías, produtos finais colaborativos e a mellora das competencias clave son elementos que forman parte do noso proxecto e leváronnos á consecución do noso obxectivo final e principal: a inclusión de todo o alumnado participante.

“Se os ensinamos a aceptar a diversidade como algo normal, non cumprirá falar de inclusión senón de convivencia”.

O feito de recibirmos os Selos de Calidade Nacional e Europeo e sobre todo, o galardón de Premio Nacional foi inesperado e excepcional, considerámolo como o recoñecemento ao traballo de varios anos dentro deste apaixonante mundo eTwinning. Para nós sempre é gratificante o traballo realizado e máis aínda se é recoñecido externamente como aconteceu neste caso.

Ligazón ao Twinspace do proxecto: https://twinspace.etwinning.net/47247/home

Ligazóns aos contos adaptados con pictogramas, Susan Laughs e Elmer.

Artigo escrito por Gema Sánchez García, Comba Gallinas Rodríguez, Esther González Guerrero e Mª Angustias Molina González.

Fonte das imaxes: elaboración propia

Premios eTwinning 2019 Premios Nacionales Uncategorized
Reglamento de protección de datos (información básica)

En cumplimiento de la normativa de protección de datos personales, le informamos de que sus datos serán incorporados al tratamiento denominado “eTwinning participación”, cuya finalidad es la participación en el proyecto de colaboración europeo eTwinning.

Puede usted ejercitar los derechos de acceso, rectificación, oposición, supresión (“derecho al olvido”), limitación de tratamiento y portabilidad y a no ser objeto de decisiones individuales automatizadas que sean de aplicación de acuerdo a la base jurídica del tratamiento. Podrá hacerlo en la sede electrónica del ministerio (http://www.educacionyfp.gob.es/servicios-al-ciudadano-mecd/catalogo/educacion/varios/proteccion-datos.html), presencialmente en las oficinas de registro o por correo postal.

Al rellenar y enviar este formulario usted concede su consentimiento inequívoco para el almacenamiento de sus datos en nuestros ficheros tal y como se especifica en nuestras normas de privacidad.

Dejar un comentario

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *