Premio Nacional eTwinning 2019: “Staying´alive-First Aid for Everyone”

Premio Nacional eTwinning 2019: “Staying´alive-First Aid for Everyone”

O proxecto “Stayin´ Alive First Aid for everyone” foi galardoado co Premio Nacional eTwinning 2019, na categoría 4 de maiores de 15 anos, modalidade B Novel e todo o profesorado participante recibiu o Selo de Calidade Nacional e o Selo de Calidade Europeo.

No curso académico 2017-2018 participamos no programa europeo eTwinning co proxecto “Stayin´ Alive First Aid for Everyone. As docentes participantes fomos: Alicia Sánchez Ortiz, Carmen Suárez Algar e Mª Mercedes Martínez Garriga, do CIPFP Ciudad del Aprendiz (Valencia) xunto con Jasna Šojer, Josipa Bajan e Saša Lautenbach da escola de obstetricia “School of Midwifery” de Zagreb (Croacia).

A orixe deste proxecto xorde da invitación de Jasna Šojer, profesora e bibliotecaria da escola de obstetricia “School of Midwifery” de Zagreb (Croacia) a Alicia Sánchez xefa de estudos e profesora do departamento de sanidade no CIPFP Ciudad del Aprendiz, Valencia. E, ela rapidamente fainos partícipes da invitación a Carmen e a Mercedes, a cal aceptamos.

Decidimos traballar conxuntamente a temática dos primeiros auxilios xa que ambos os dous centros educativos imparten formación sanitaria. Co proxecto tratamos de concienciar a mozos e adultos sobre a importancia dos primeiros auxilios, e ensinar os protocolos de actuación en diferentes situacións, como por exemplo: paradas cardiorrespiratorias, atragoamentos, ataques epilépticos etc. Para aplicar correctamente estes protocolos temos que actuar dun xeito rápido e con calma, partindo da premisa “Primum, no nocere”, o primeiro é non facer dano, se queremos axudar a salvar unha vida ou reducir as posibles consecuencias derivadas dun accidente.

En canto ao título do proxecto “Stayin´ Alive First Aid for Everyone” correspóndese co título dunha canción moi coñecida nos anos 80, do grupo Bee Gees. E que se utiliza para marcar o ritmo das compresións na técnica de reanimación cardiopulmonar (RCP), para a súa aplicación correcta.

Fomentouse a interacción entre ambos os dous centros educativos, coa consecución dos obxectivos específicos e xerais formulados previamente á posta en marcha do proxecto, todos realizados en inglés como lingua vehicular.

Estes obxectivos quedan plenamente xustificados como consecuencia da situación actual de mortalidade e accidentabilidade, en especial, a mortalidade infantil en idades comprendidas entre 1 e 14 anos. Xa que o 15% destes accidentes infantís sucede en centros escolares. Por iso, é de vital importancia que os primeiros auxilios formen parte do contido curricular desde o comezo da nosa formación académica.

Os obxectivos específicos quedaron plenamente satisfeitos, xa que os nosos alumnos e alumnas conseguiron investigar sobre a historia dos primeiros auxilios, convertéronse en investigadores realizando un estudo sobre a súa evolución ao longo da historia. Ademais, o alumnado elixiu por votación a canción máis idónea para marcar o ritmo das compresións, quedando como gañadora, a canción española “La Macarena”; aprenderon a diferenciar entre as formas de actuación correctas e incorrectas en diferentes escenarios onde era requirida a realización de técnicas de primeiros auxilios como no caso de persoas inconscientes, hemorraxias, queimaduras, traumatismos, atragoamentos, convulsións ou epilepsia e en alerxias ou anafilaxe.

En canto aos obxectivos xerais que se alcanzaron foron de tipo académico, lingüístico, informático e social. Favoreceuse a aprendizaxe interdisciplinar e dinámica entre os equipos educativos dos centros participantes no proxecto eTwinning, xa que o alumnado aprendeu dun xeito dinámico (p. ex. elaborando vídeos, contestando cuestionarios, realizando fotografías e un glosario de conceptos relacionados cos primeiros auxilios, entre outros.). Utilizando o inglés para a realización dun libro electrónico, mellorando o seu vocabulario específico en materia dos primeiros auxilios e as súas destrezas lingüísticas e comunicativas, con carácter xeral.

Ademais, familiarizáronse co uso de novas aplicacións e dispositivos TIC que antes non utilizaban (p. ex.: Padlet, Movie Maker, Socrative, Book Creator etc.) e ampliaron o uso das xa coñecidas ao ámbito educativo (edición de vídeos de presentación (Movie Maker), mensaxaría no TwinSpace, colaxes (picCollage), presentacións (Google Slides) etc.).

De xeito simultáneo, fomentamos o traballo en equipo de forma colaborativa e cooperativa e de forma implícita desenvolvéronse habilidades sociais e comunicativas como a asertividade, a empatía, a escoita activa e a mellora do autoconcepto. E non podemos esquecer o fomento da creatividade, a participación solidaria, a aprendizaxe sen fronteiras físicas e multiculturais, o esforzo persoal, a paciencia, a disciplina e a importancia de propoñerse obxectivos persoais.

O profesorado dos centros educativos croata e español implicámonos desde o inicio do proxecto. Xa que cumpría un consenso previo nos obxectivos, os contidos conceptuais e procedementais que se ían traballar; e, polo tanto, nos diferentes módulos ou materias dos currículos de ambos os dous centros.

Pero tamén foron moi necesarias as competencias adquiridas con cada materia ou módulo do ciclo formativo de Emerxencias Sanitarias. Por exemplo: no módulo de FOL traballan na unidade dos “Primeiros Auxilios”; no módulo de Inglés consolidan o vocabulario específico de emerxencias sanitarias; no módulo de Evacuación e traslado de pacientes practican as técnicas máis axeitadas para manexar, mobilizar e trasladar os pacientes nas padiolas, cadeiras etc., e no módulo de Asistencia Sanitaria Inicial aprenden as técnicas de reanimación, que despois aparecen nos vídeos.

Pero a colaboración, no noso caso, foi alén do profesorado dun curso académico que pertence a departamentos diferentes como sanidade, FOL e inglés, e implicou outros departamentos alleos ao CFGM de Emerxencias Sanitarias, como por exemplo, o Departamento de Imaxe Persoal que contribuíu ao maquillar e caracterizar o alumnado para a realización dos vídeos de presentación ou os dos protocolos de actuación en diferentes situacións de emerxencia (p. ex. queimaduras, fracturas etc.); o Departamento de Artes Gráficas que nos axudou na realización do póster, o roll-up e os panfletos, que presentamos en diferentes xornadas de difusión e na impresión dos diplomas eTwinning para o alumnado e dos certificados para o profesorado que participou no proxecto e, ademais, o equipo directivo que nos axudou especialmente na difusión do proxecto no centro educativo. Xa que nos deixou o salón de actos, e nos facilitou o traballo na medida do posible. Por iso, o noso centro obtivo recentemente o recoñecemento de eTwinning School.

O noso alumnado participou dunha forma activa e satisfactoria. Por unha banda, as súas actuacións foron imprescindibles dentro e fóra da aula para preparar vídeos, realizar fotografías, cuestionarios, glosarios, presentacións en Google Slides etc. Foron os verdadeiros protagonistas durante o desenvolvemento de todo o proxecto e nas xornadas de difusión que tiveron lugar en CIPFP Ciudad del Aprendiz dentro do programa Erasmus + e na “I Jornada de Erasmus +: experiencias en la Comunidad Valenciana” organizada polo CEFIRE de Valencia, no Auditorio de Paiporta, onde estiveron atendendo o público asistente.

Durante o día de convivencia informaron o alumnado interesado en realizar novos proxectos eTwinning durante o curso actual. E, ademais, no salón de actos realizouse o acto de entrega de diplomas eTwinning aos alumnos e de certificados ao profesorado participante.

A raíz dos seus testemuños incrementouse o número de alumnado e de profesorado que desexa participar nos próximos proxectos eTwinning.

En relación aos beneficios que se xeraron pola nosa participación no proxecto “Stayin´ Alive First Aid for everyone” superaron abondo as nosas expectativas iniciais. E, ademais, foron moi notorios e diversos para o alumnado, o profesorado e o centro.

Para o profesorado que participamos supuxo un cambio nos nosos criterios metodolóxicos. Este proxecto como docentes implicou unha coordinación constante entre equipos educativos para alcanzar os obxectivos nos tempos consensuados e na impartición dos contidos axeitados; o recoñecemento da eficacia da comunicación formal e informal entre docentes; a necesidade das TIC no proceso de ensino-aprendizaxe;  un intercambio de roles constante na aula, xa que o alumnado mediante a realización de materiais convértese en instrutor de destrezas e habilidades para atender persoas que sufran atragoamentos, paradas cardiorrespiratorias, fracturas, cortes, queimaduras, alerxias, ataques epilépticos etc., e a importancia dos valores no proceso de ensino-aprendizaxe (colaboración, respecto, compañeirismo etc.).

Por outra banda, obtivemos un resultado tanxible e uns recursos educativos ou materiais didácticos de excelente calidade que poden ser reutilizados e que están no twinSpace e na web do instituto.

Para o alumnado supuxo a aprendizaxe de destrezas de carácter profesional, lingüísticas, sociais e persoais. Ademais de aprenderen técnicas ou habilidades necesarias para exercer a súa actividade profesional, concienciáronse dos beneficios que implica a superación das fronteiras físicas, da cidadanía europea, a multiculturalidade e das oportunidades que che brinda o coñecemento doutro idioma.

Por outra banda, a participación en eTwinning motivou que o alumnado poida participar noutros programas europeos, xa que varios alumnos realizaron parte das súas prácticas formativas en Vasto (Italia) a partir dunha bolsa de mobilidade do programa Erasmus +.

Para o centro educativo supuxo unha maior concienciación á hora da aplicación correcta dos procedementos de primeiros auxilios nos casos de emerxencia, cuxos resultados se ven reflectidos nun produto final ou libro electrónico que pode ser utilizado por toda a comunidade educativa e mesmo por docentes e alumnado doutros centros.

A experiencia sumou en positivo, puidémosllelo comunicar a outros colegas a través da presentación do póster do proxecto no “II Congreso Red Interdidac”, que se celebrou en IFEMA, Madrid, na semana da educación o 29 de marzo de 2019, onde contamos as nosas experiencias en eTwinning coa presenza do noso director Juan Cuenca Adam. Supuxo un recoñecemento público do esforzo realizado por todos os participantes.

A nivel persoal, coincidimos en que a nosa participación no proxecto significou un maior esforzo no traballo diario que se viu recompensado cos resultados obtidos, a implicación positiva que xurdiu entre o alumnado e as docentes, e os premios obtidos, en especial o premio Nacional eTwinning 2019 do que nos sentimos moi orgullosas. Como froito desta experiencia, impulsounos a involucrarnos nun novo proxecto eTwinning “Good communication improves your well-being” durante o curso académico 2018-19.

Ligazón ao Twinspace do proxecto: https://twinspace.etwinning.net/50290

Artigo redactado por Alicia Sánchez Ortiz, Carmen María Suárez Algar e María Mercedes Martínez Garriga.

Fonte das imaxes: elaboración propia

Comparte esta noticiaTweet about this on Twitter
Twitter
Share on Facebook
Facebook
Share on LinkedIn
Linkedin
Premios eTwinning 2019 Premios Nacionales Uncategorized
Reglamento de protección de datos (información básica)

En cumplimiento de la normativa de protección de datos personales, le informamos de que sus datos serán incorporados al tratamiento denominado “eTwinning participación”, cuya finalidad es la participación en el proyecto de colaboración europeo eTwinning.

Puede usted ejercitar los derechos de acceso, rectificación, oposición, supresión (“derecho al olvido”), limitación de tratamiento y portabilidad y a no ser objeto de decisiones individuales automatizadas que sean de aplicación de acuerdo a la base jurídica del tratamiento. Podrá hacerlo en la sede electrónica del ministerio (http://www.educacionyfp.gob.es/servicios-al-ciudadano-mecd/catalogo/educacion/varios/proteccion-datos.html), presencialmente en las oficinas de registro o por correo postal.

Al rellenar y enviar este formulario usted concede su consentimiento inequívoco para el almacenamiento de sus datos en nuestros ficheros tal y como se especifica en nuestras normas de privacidad.

Dejar un comentario

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *