Proxecto Origami. CEIP Les Arenes

Proxecto Origami. CEIP Les Arenes

O proxecto Origami do CEIP Les Arenes (Valencia) resultou gañador do Premio Nacional eTwinning 2017, na categoría de idade 0-11 anos, para proxectos desenvoltos durante o curso escolar 2015/2016.

O pasado día 9 deste mes de maio tivemos a oportunidade de visitar o CEIP Les Arenes, un centro en Valencia cunha importante traxectoria en eTwinning. A representante eTwinning da Comunidade Valenciana, Ana Furio, acompañounos na visita e tamén contamos coa directora do centro, que nos ensinou as instalacións e nos falou sobre o barrio no que está ubicado e o contexto do centro. Tras un percorrido polas amplas instalacións do CEIP Les Arenes, visitamos a aula da coordinadora dos proxectos eTwinning realizados no centro durante os últimos anos, Mª José García Ruano, que tamén  resultou gañadora na última convocatoria dos Premios Nacionais eTwinning co seu proxecto Origami.

Ó entrar á aula de María José, os seus alumnos recíbennos ilusionados e con gañas de contarnos todo o que fan en eTwinning. Sacaron os materiais do seu proxecto Origami do baúl dos proxectos, para decorar á aula e amosárnola tal e como a tiñan durante o proxecto o curso pasado.

 

Alumnos del proyecto Origami

 

 

 

 

 

 

 

 

 

Preguntámoslle a Mª José por Origami e dinos que “é un proxecto eTwinning que realizamos cos nosos socios ucranianos da escola Oleksandriaschool № 9 durante o curso escolar 2015-2016. Nese momento os  meus alumnos estaban en 3º de Primaria e tiñan entre 9 e 10 anos. Para empezar, partimos dos problemas detectados nos nosos alumnos a nivel emocional e do interese por parte do profesorado de saber xestionar esas emocións para obter mellores resultados, tanto académicos como de convivencia nas nosas aulas. Ese foi o noso obxectivo, traballar as emocións cos nosos alumnos, compartindo experiencias cos nosos socios, para o que primeiro nos presentamos e situamos os nosos centros. Xa sabes, é importante coñecerse para abordar as emocións”.  

O punto de partida do proxecto é o vídeo de “Origami”, unha excelente curta de pouco máis de 8 minutos acerca dun adolescente e o seu avó e da súa conexión coas emocións a través dos origamis. A partir de aí, realizaron actividades diversas, como a árbore das emocións, pero a actividade estrela do proxecto tivo que ver coa gamificación e consistiu na creación do xogo das emocións. Mª José cóntanos que o xogo “creámolo as profesoras do proxecto eTwinning de Ucrania e España a través da ferramenta de traballo colaborativo Genial.ly. Contamos cos alumnos desde o principio para que o xogo fora o resultado de todos. Os nosos alumnos encargáronse de facer moitas das probas do xogo, titoriais, elección de imaxes, cuestionarios, e debuxos. O xogo consiste nun tableiro colaborativo creado arredor  das emocións básicas (alegría, tristura, sorpresa e enfado) e para xogalo creamos dous equipos de alumnos de nacionalidade mixta: o equipo da Alegría e o equipo da Tristura”.

 

 

 

 

 

Ademais do xogo colaborativo, outro dos obxectivos era traballar a competencia en comunicación lingüística coa creación dun libro das emocións. Para iniciar o libro, empezaron implicando ás familias e realizaron unha animación lectora dirixida pola nai dun dos alumnos en torno a un conto no cal o medo é o protagonista. O conto foi “Encender la Noche” de RayBradbury da editorial Kókinos, que deu pé a preguntar ós alumnos “E ti, ¿a que tes medo?”, título do libro que crearon despois para contarnos as cousas que lles dan medo, e traballar esta emoción.

Durante a visita á aula, os alumnos, que agora están rematando 4º de Primaria, mostráronnos todas as actividades do proxecto a través do TwinSpace de Origami. María José cóntanos que o proxecto foi moi positivo para os alumnos e que non lle cabe dúbida de que mellorou ostensiblemente a convivencia na aula e os resultados académicos melloraron. Destaca especialmente a implicación dos alumnos nas actividades de ensino – aprendizaxe, incluso aqueles que mostraban menor motivación. Ademais, o proxecto tamén se integrou en dúas actividades do centro, o carnaval das emocións e a Semana cultural do centro.

¡¡Noraboa ós alumnos e ó equipo docente do CEIP Les Arenes por facer posible estas experiencias eTwinning!!

Fonte da imaxe de cabeceira: Pixabay. Liciencia CCO PublicDomain

  • Video Origami: animación creada por ESMA Movies, Joanne Smithies, Eric De Melo Bueno, Michael Moreno, Hugo BaillyDesmarchelier e Camille Turon.

 

Boas prácticas de cidadanía dixital: Construíndo Cidadanía Europea a través da Educación Mediática

Boas prácticas de cidadanía dixital: Construíndo Cidadanía Europea a través da Educación Mediática

Equipos de centro

“Construíndo Cidadanía Europea a través da Educación Mediática. Impacto no IES Sácilis de Pedro Abad (España)”

Carmen Pavón (Coordinadora do proxecto)

Blas Segovia (Asesor do proxecto. Profesor do Dpto. Educación UCO)

Centro escolar

IES Sácilis

Docentes

Carmen Pavón Vázquez, José Carlos López Casado, Silvia Sirena Camarero Martínez, Elizabeth Luna Madueño, Sara Huertas Moreno, Pilar Ortega Moreno, Francisco Jurado Granero, Carlos Ortega Rodríguez, María Jesús Ruiz García.

Localidade

Pedro Abad (Córdoba)

Comunidade Autónoma

Andalucía

Etapa Educativa

Educación Secundaria Obrigatoria

Áreas/Materias

Lingua e Literatura Española, Xeografía e Historia, Inglés, Educación Física, Proxecto Integrado, Música, Educación Plástica e Visual.

Idioma

Castelán e inglés.

Países socios

 

Recoñecemento

Selo de Calidade eTwinning concedido a España e a Hungría. Premio Nacional eTwinning en Hungría. Primer premio no festival FOCO 2016 (Fuente Ovejuna, Córdoba), categoría microdocumentais, á curtametraxe española “El Guernica por la paz”e mención de honor á curtametraxe “Qualifica” do equipo español. Preselección no Festival Internacional Plural +, de Alianza de Civilizacións pola curtametraxe “Deja de mirar,…empieza a ver” sobre o tema inmigración.

Descrición

O proxecto que describimos desenvolveuse durante os cursos 2014 a 2016, dentro do Programa Erasmus+ KA2. Nel estiveron involucrados centros educativos de seis países europeos: o Colegiul National “Iosif Vulcan” de Oradea (Rumanía), o IV Liceum Ogolnoksztalcace im. Dra Tytusa Chalubinskiego w Radomeu de Radom (Polonia), o Pécsi Kodály Zoltán Gimnázium de Pécs (Hungría), o SOUEE “Konstantin-Kiril Filosof” de Ruse (Bulgaria), o Lillesand Ungdomsskole” de Lillesand (Noruega) e o IES “Sácilis” de Pedro Abad (Córdoba/España).

A lingua de traballo foi o español, aínda que tamén se traballou o inglés e, de forma puntual, as linguas de cada país socio. Catro dos centros son seccións bilingües nos que se estuda a lingua española como primeira lingua estranxeira. O alumnado participante  atópase na franxa de idade entre os 14 e 17 anos.

Baseándonos nos obxectivos da “Estratexia Europa 2020” o proxecto desenvolveu liñas de traballo en torno a tres dinámicas interconectadas que se nos antollan fundamentais para abordar os retos da escola europea actual: a alfabetización mediática e informacional (UNESCO, 2011), a educación para a convivencia democrática e a aprendizaxe das linguas.

Durante os dous cursos do proxecto, o alumnado realizou curtometraxes nas que expresou as súas opinións e expresou as opinións doutros mozos europeos respecto ós temas que lles preocupan, difundindo as producións entre os seis socios participantes. Estes intercambios facilitaron a construción do coñecemento relevante para comprender e intervir nas sociedades democráticas, pois o visionado e discusión dos traballos dos outros estudantes permitiulles coñecer outras miradas e outras problemáticas de mozos europeos en situacións personais, profesionais, culturais e educativas diferentes ás propias. Isto  axudou a desenvolver actitudes de respecto e a superar prexuízos respecto a persoas e a culturas doutros países, recolocando a tendencia etnocentrista coa perspectiva das culturas europeas diferentes.

Especial importancia adquiriron as actividades presenciais de cooperación internacional desenvoltas en seis encontros internacionais nos que se realizaron curtametraxes por equipos nas que se integraban estudantes e profesores dos seis países.

Para garantir e favorecer o traballo colaborativo utilizouse a plataforma eTwinning e o espazo de traballo twinSpace como ferramenta de coordinación, traballo e distribución de contidos. O uso da plataforma permitiu mellorar significativamente no alumnado as destrezas relacionadas coas TIC e facilitou o achegamento entre distintos países e distintas culturas. Co uso da plataforma  melloraron a súa motivación e foron partícipes dun proxecto innovador. A nivel xeral permitiu establecer relacións de cooperación de gran valor pedagóxico. O traballo realizado na plataforma eTwinning foi premiado co Selo de Calidade eTwinning en España e en Hungría.  Neste último país, ademais, foi recoñecido co Premio Nacional eTwinning.

 

construyendo ciudadanía_grupo alumnos

Obxectivos e metodoloxía

Os obxectivos do proxecto pódense sintetizar en:

  1. a) Integrar a educación mediática e informacional no currículum do ensino secundario para xerar información e difundila axeitadamente.
  2. b) Reflexionar e expresarse sobre os problemas que afectan á xuventude confrontando as opinións coas doutros estudantes europeos.
  3. c) Coñecer a diversidade cultural de Europa para reducir os estereotipos imperantes.
  4. d) Utilizar e valorar o idioma español e outras linguas europeas como vehículos necesarios para a comunicación interpersoal e desenvolvemento de proxectos internacionais.

Con estes obxectivos e esta metodoloxía desenvolvemos de forma colaborativa unhas actividades que xeraron multitude de produtos  dos que nos sentimos moi orgullosos e que foron moi ben valorados polas distintas comunidades educativas dos centros participantes.

A metodoloxía aplicada integrou no currículo os orzamentos que establece a UNESCO (2011) sobre a alfabetización mediática e informacional (AMI), incluíndo o desenvolvemento da competencia dixital xunto a outras competencias como a lingüística e a social e cívica.

Mediante a creación dos videos potenciouse a expresión dos propios puntos de vista do alumnado, a súa implicación activa na busca de información significativa e o traballo colaborativo, pois as producións enfocáronse seguindo o modelo de traballo por proxectos.

Punto de partida

O IES Sácilis de Pedro Abad, é un centro moi pequeno ubicado nunha localidade con menos de 3000 habitantes e con dous centros educativos (un público e outro concertado). A necesidade de visibilizar o traballo desenvolto e conseguir un aumento de alumnado,  levounos desde fai tiempo a tomar determinadas opcións pedagóxicas novidosas. Unha delas foi a de implicarnos no desenvolvemento de proxectos europeos, que foron moi ben valorados pola Comunidade Educativa do centro (profesorado, alumnado e familias) e que tiveron unha importante repercusión tanto a nivel interno como local. Durante os cursos 2011-2013 coordinamos un proxecto Comenius titulado Human Rights and Digital Literacy for Young Europeans.

Esta situación de partida fíxonos plantexarnos a idoneidade de presentar un proxecto Erasmus+ con centros con seccións bilingües de español pois esta sería a lingua do proxecto. O proxecto foi elaborado con cinco socios de catro países do este de Europa e un do norte, Noruega, que tiñan español como segunda lingua de traballo. Son centros moi diversos pois uns atópanse en grandes cidades como Ruse (Bulgaria), Pécs (Hungría) e Radom (Polonia) ou medianas como Lillesand (Noruega); tamén había importantes diferenzas económicas das familias en función do país.

No instituto todo o profesorado estivo implicado no proxecto.

Actividades realizadas

Ó longo destes dous anos realizáronse multitude de actividades en función dos obxectivos plantexados no proxecto. Dous dos obxectivos foron o da educación para a convivencia democrática e a alfabetización dixital. É por isto que a maioría das actividades  estiveron dirixidas a difundir os valores e principios fundamentais que rixen a nosa sociedade (liberdade, igualdade…) empregando para isto diversas ferramentas TIC. Describimos a continuación as referidas á creación videográfica e outras nas que destaca a cooperación internacional utilizando as TIC.

1.- CURTAMETRAXES.

A actividade fundamental desenvolta durante o proxecto estivo relacionada coa creación, por parte do alumnado, de curtametraxes nas que expresaban as súas opinións e preocupacións con respecto ó mundo que lles rodea.

 

rodando cortrometraje

As curtametraxes realizáronse en torno a dúas dinámicas diferentes:

  1. a) Producións nacionais:

Todo o alumnado de 3ª e 4ª da ESO se organizaba en equipos, dentro da súa aula, decidía un tema que lles interesara, informábanse sobre o mesmo e escribían un guion e o seu correspondente storyboard. Posteriormente filmaban eses guións e editábanos.

As temáticas abordadas nas curtametraxes realizadas en cada país foron:

  • España: o acoso escolar, o incerto futuro laboral de mozos preparados, o maltrato animal e a toma de decisións ante un embarazo non desexado.
  • Rumanía: o embarazo ós 16 anos, as drogas, a violencia doméstica, a falta de tempo libre dos mozos e o perigo das redes sociais.
  • Hungría: o uso excesivo dos teléfonos móbiles e os seus efectos sobre as relacións persoais, a falta de atención dos pais ós seus fillos e os problemas que poden parecer insignificantes pero o seu peso é enorme para as personas que os sufren.
  • Noruega: a presión de grupo nas decisións, a positividade e o non xulgar ás persoas
  • Bulgaria: a importancia da amizade, as drogas e as súas consecuencias, o papel da amizade nas relacións amorosas durante a adolescencia, o seguros que se senten os mozos e a necesidade da familia ante os problemas e como poden ver de forma tan diferente a vida un profesor e un alumno ante unha situación como un exame.
  • Polonia: Violencia doméstica, alcoholismo, as migracións,os campos de traballo ilegal e o comercio de persoas.
  1. b) Producións internacionais:

O alumnado que participaba nos intercambios de alumnos (3 de cada país e 18 en total) organizábase en tres equipos. En cada equipo debía haber un alumno de cada un dos países participantes. O alumnado en cada equipo debía debater sobre un tema que lles interesara especialmente e acordar o seu tratamento. Lóxicamente isto supuña un debate importante xa que había moitos temas comúns pero había outros que non o eran, como por exemplo, o paro para os noruegos. No 2º encontro, o alumnado que participaba (diferente do anterior) debía realizar a filmación. No 3º encontro o alumnado participante editaba o gravado.

 

producciones internacionales

No segundo ano, o proceso foi similar, aínda que no terceiro encontro se optou por realizar un programa de radio internacional, con noticias creadas de forma colaborativa.

As temáticas abordadas nas curtametraxes internacionais realizadas foron:

  • 2014-2015: O problema de fumar a idade temperá; a falta de tempo libre que ten os estudantes de todos os países e o exilio a causa do pouco futuro laboral no país de orixe.
  • 2015-2016: A presión na toma de decisións nestas idades, a influenza psicolóxica dos “gústame” nas redes sociais e o medo ós inmigrantes.

Esta última curtametraxe foi preseleccionada no prestixioso Festival Internacional Plural+, que este ano se centraba no tema das migracións.

2.-OUTRAS ACTIVIDADES REALIZADAS:

Da variedade de actividades realizadas destacaremos tres: Podcast, Trivial Cultural e A Miña Palabra Favorita. O resto de actividades están aloxadas en twinspace e explicítanse na revista publicada como produto final.

  1. a) Podcast. Creáronse dous programas radiofónicos. Un deles elaborouse con aportacións de cada un dos institutos previamente determinadas e nas que debían recoller información dos seis países, por exemplo o tema música foi elaborado polos estudantes do IES Sácilis. O segundo elaborouse nun dos encontros internacionais. Cada grupo, composto por alumnado dos seis países, debía elaborar información para determinadas seccións e gravala. Concluíase cun programa realizado entre os 18 alumnos participantes no encontro. Utilizáronse as ferramentas Spreaker e Audacity. (https://twinspace.etwinning.net/896/pages/page/129290 )
  2. b) Trivial Cultural. O alumnado formulou preguntas de distintos temas acordados previamente e incluíunas no portal de actividades educativas Educaplay. Nun dos encontros internacionais traballouse ese material elaborado coa ferramenta Kahhot. https://twinspace.etwinning.net/896/pages/page/71521
  3. c) A miña palabra favorita. O alumnado de cada país, na súa propia lingua e subtitulándoo en español, elaboraba un vídeo de menos dun minuto no que explicaba cal era a súa palabra favorita. Posteriormente fíxose unha votación a través do Facebook do proxecto e editouse un produto final coas palabras máis votadas en cada un dos países. https://twinspace.etwinning.net/896/pages/page/74126

Fomento do pensamento crítico e reflexivo.

Aínda que a maioría de actividades estiveron relacionadas coas curtametraxes, no proxecto desenvolvéronse outra serie de actividades destinadas ó desenvolvemento do pensamento reflexivo dos estudantes. Podemos afirmar que os procesos foron tanto ou máis importantes que o resultado final pois requeriron dunha busca de información e toma de conciencia sobre os mesmos. Por outra parte, os videos realizados polos socios dos diferentes países tamén foron utilizados para a análise das problemáticas descritas polos mozos por eles mesmos ou polos familiares.

 

pensamiento crítico

Por exemplo, durante a fase da elección do tema a tratar e desenvolvemento argumental o profesorado implicado no proxecto xerou dinámicas para favorecer a reflexión dos estudantes sobre o seu propio mundo, así como a percepción que do mesmo teñen. Este proceso concluíu coa elección dun tema e o seu enfoque de entre outros propostos.

Se observamos os temas desenvoltos podemos observar que no cómputo global se traballaron temáticas sobre problemas sociais como a inmigración, o traballo ilegal ou a violencia doméstica (sete vídeos) e problemas que afectan á xuventude, como redes sociais (tres vídeos), adiccións (tres vídeos),mundo escolar (dous vídeos), relacións interpersonais e familiares (once vídeos). Os vídeos realizados pasaron a ser recurso educativo no IES Sácilis nas sesións de titoría, pois o discurso expresado polos seus compañeiros a través do vídeo resulta moi cercano e motivador para o tratamento de temas importantes para os e as adolescentes.

Tamén podemos destacar como os vídeos foron utilizados polo profesorado na formación con familiares, cos que se realizaron sesións de video-fórum nas que se trataron os temas de interese para as nais e pais (o embarazo non desexado, a inmigración, etc)

Este mesmo formato de actividade realizouse nos encontros internacionais con alumnado e profesorado dos seis países, por exemplo no encontro de Hungría realizouse un sobre as migracións onde os mozos poideron expresar e intercambiar os seus diversos puntos de vista sobre un problema de máxima actualidade.

En canto ás redes sociais  xerouse comunicación, debate e difusión a través do Facebook e do Twitter do proxecto, así como a través do foro de Twinspace, no que participou o alumnado implicado no proxecto (3º e 4º ESO).

Por último, destacamos unha actividade singular indicadora do impacto do proxecto. Durante o encontro internacional en Pedro Abad en xuño de 2015, realizouse un encontro con alumnado universitario da materia de Educación Mediática de grao de maxisterio da Universidade de Córdoba, no que participaron profesores e estudantes dos seis países e se proxectaron algúns vídeos realizándose un coloquio sobre os mesmos. Tamén se realizou outra actividade formativa en 2016 a cargo de alumnado e profesorado do IES Sácilis, na que se explicaron os programas europeos Erasmus+ e a plataforma eTwinning.

¿Como contribuíu este proxecto eTwinning a conseguir os obxectivos da Declaración de París?

A resolución do Consello de Europa sobre o fomento da participación política dos mozos na vida democrática de Europa (2015/C 417/02) plantexa unha serie de obxectivos dirixidos a conseguir unha maior implicación dos mozos na cultura democrática.

Podemos afirmar que o desenvolvemento deste proxecto  favoreceu parcialmente a consecución dos obxectivos da declaración citada, na medida que promoveu o desenvolvemento de competencias sociais relacionadas con valores democráticos e dereitos humanos como a liberdade de expresión e o respecto á diversidade (art. 19) e  puxo en práctica un programa sobre alfabetización mediática que  promoveu a capacidade para analizar a información de forma crítica na sociedade actual do coñecemento, así como programas sobre competencias en TIC dirixidos a desenvolver as competencias tecnolóxicas dos usuarios que permitan acceder, xestionar, avaliar e crear información en liña útil (art. 21).

 

asamblea grupo

Promoción de cidadanía activa e prevención da intolerancia e do racismo.

O desenvolvemento dunha cidadanía activa, desde a nosa óptica,  débese de sustentar nunha educación para a cidadanía que permita na educación obrigatoria coñecer problemáticas que afectan á sociedade europea e reflexionar sobre os diversos problemas sociais que nos afectan á xuventude. Os obxectivos deste proxecto e as actividades realizadas puxeron en marcha estratexias para que os estudantes que participaron no mesmo, en primeiro lugar tomen conciencia dos temas que lles preocupan e a través da creación audiovisual enuncien e expoñan a súa particular mirada sobre esas problemáticas. A necesaria comunicación e a interacción que se desenvolve na cooperación durante o proceso de elaboración do vídeo e a difusión das producións propiciou un debate na comunidade educativa sobre as mensaxes dos propios mozos. Así os textos audiovisuais convertéronse nunha ferramenta que  propiciou en maior ou menor medida o debate sobre temas como a inmigración, a precariedade laboral, ou os riscos das tecnoloxías. Este debate, en ocasións trascendeu os límites da propia institución educativa, pero sobre todo permitiu confrontar as propias concepcións coas de rapaces e rapaces doutros lugares de Europa.

Subíronse á canle de Youtube do proxecto 118 vídeos coas opinións de mozos de seis países, que tiveron un total de 8.070 reproducións. A maioría provén dos países implicados no proxecto, pero tamén aparecen conexións desde EEUU, Portugal, Reino Unido, países de América Latina, Italia, Francia, Alemania, etc. Consideramos que o debate destes vídeos nos centros educativos, coas familias e a repercusión que poidan ter as opinións destes mozos sobre as persoas que visionen os seus traballos, poden axudar a previr o racismo e a loita contra a intolerancia.

Impacto tivo o proxecto no IES Sácilis

O proxecto tivo un importante impacto no Centro tendo en conta os seguintes aspectos:

– Valoración do Claustro e Consello Escolar. O Claustro e o Consello Escolar recibiron un informe trimestral de todas as actuacións que se levaron a cabo no seno do Proxecto, co que tivo unha información puntual e continuada ó longo dos dous anos. Tamén o valorou, sendo en todos os casos unha valoración positiva.

 

– Implicación do profesorado. No IES Sácilis implicouse o 100% do profesorado neste proxecto. Para implicar a todo o profesorado  formáronse dous equipos: o equipo impulsor que se comprometía a asumir responsabilidades e o equipo colaborador, que participaba de forma puntual e tendo en conta a materia que impartía. Tamén se desenvolveron numerosas actividades xerais de centro nas que  participou todo o  profesorado e todo o alumnado: “Bulbos Solidarios”, “Día da Paz”, “Abrazos”…

– Materias. Para a elaboración das curtametraxes nacionais  coordinábase o traballo desde a materia de Proxecto Integrado,  escribíanse os guións en clase de Lingua Castelá, documentábanse os temas en clase de Xeografía e Historia, filmábanse en clase de Educación Física e de Alternativa á Relixión, traducíanse as curtametraxes a inglés  na materia de Lingua Inglesa, os debates  coordinábaos o departamento de Orientación, o deseño de cartelería, as pinturas murais sobre distintos países e a participación en certames de Debuxo de Rumanía coordinábase desde o Departamento de Educación Plástica e Visual, o programa de radio  coordinouse desde o departamento de Música, os datos estadísticos desde o departamento de Matemáticas e de Tecnoloxía, a coordinación de actividades desde o departamento de Actividades Complementarias e Extraescolares, e a coordinación das actividades xerais de centro a través do departamento de Francés e da responsable de Biblioteca.

– Avaliacións. Realizáronse varias avaliacións e autoavaliacións ó longo do proxecto. Con respecto á avaliación da competencia social e cidadá, realizada a través dunha avaliación por rúbricas,  concluiuse que con este proxecto mellorou significativamente esta competencia no alumnado e profesorado. Isto permitiu comprender a realidade social e cidadá de maneira crítica, impulsando o cambio social positivo.

– Cambios metodolóxicos. A metodoloxía activa e inclusiva colaborativa e participativa, utilizada nos proxectos europeos desenvoltos no centro, propiciou tanto a implicación do profesorado como a incorporación de novas metodoloxías e novas liñas de traballo.

-Formación. Ó longo dos dous anos do proxecto, unha importante porcentaxe de profesorado do Centro formouse en eTwinning, realizou cursos específicos de eTwinning, de MOOC, de Traballo por proxectos e de Comunidades de Aprendizaxe.

Sinerxias con organismos locais, asociacións de inmigrantes, de refuxiados, etc.

Destacamos algunhas das máis significativas no caso de España:

– Concello da localidade.-Mantívose unha estreita colaboración co  Concello de Pedro Abad en todo o relacionado co desenvolvemento do proxecto. A alcaldesa ofreceu tamén unha recepción a todo o profesorado e alumnado visitante, ó igual que fixeron todos os alcaldes e alcaldesas das ciudades visitadas. En Hungría, ademais,  recibiunos o director do Instituto Cervantes e o embaixador de España.

– A Facultade de Educación da Universidade de Córdoba.– Profesorado do Departamento de Educación colaborou no asesoramento do proxecto e os profesores e alumnos do IES Sácilis participaron nas materias de Educación Mediática informando sobre as ferramentas tecnolóxicas utilizadas e expoñendo a metodoloxía e traballos realizados.

– Organizacións Non Gubernamentais.– Organizouse unha actividade coa ONG “Maizca”, que traballa para acompañar ó desenvolvemento do pobo guatemalteco (Guatemala). A actividade  denominouse “Bulbo Solidario” e coa ONG Federación Nacional de Mulleres Xitanas “Kamira” unha actividade formativa sobre proxectos europeos.

 

PARA SABER MÁIS:

BIBLIOGRAFÍA

Aparici, R. (eds) (2010) Educomunicación: más allá del 2.0. Barcelona, Gedisa.

Frau-Meigs, D. y Torrent, J. (2009) Políticas de educación en medios: hacia una propuesta global. Comunicar. Huelva, Grupo Comunicar.

Segovia Aguilar, B. (2010). Educación comunitaria y nuevas alfabetizaciones. En R. Aparici (coord.) Conectados en el ciberespacio (pp.217-234). Madrid. UNED.

Segovia, B., Pavón, C. & Racionero, F. (2015). Derechos Humanos y Alfabetización Digital para Jóvenes Europeos. Una experiencia internacional de Educación Mediática en Secundaria. En Fueyo, A., Rodríguez-Hoyos, C & Pérez-Tornero, J.M. (Eds.) Los territorios de la Educación Mediática: experiencias en contextos educativos. Barcelona, UOC.

UNESCO. (2005). Hacia las sociedades del conocimiento: informe mundial de la Unesco. Paris, UNESCO.

UNESCO. (2011). Educación mediática e informacional. Curriculum para profesores. París, UNESCO.

WEBS

https://twinspace.etwinning.net/896/home

https://www.facebook.com/erasmusplus.ciudadania/

https://www.youtube.com/channel/UCELPXvlMCMb5I9PRf-gz5pg

https://twitter.com/CiudadaniaEPlus

Produto final onde se recollen as señas de identidade dos distintos países e algunhas das actividades e resultados máis significativos:

http://www.calameo.com/books/00474690428a0f4adb405

Conmemoración X Aniversario de eTwinning

“Encendamos nuestros deseos para los jóvenes” foi un acto de celebración, unha actividade lúdica e participativa para simbolizar que desde toda Europa é importante a loita polos dereitos dos mozos.

https://twinspace.etwinning.net/896/pages/page/71091

Celebrando a diversidade con eTwinning

No IES Sácilis quixemos sumarnos á campaña de eTwinning co fin de que mozos de distintos países europeos, con situacións e culturas diferentes, poidan coñecer as súas opinións sobre a diversidade.

https://twinspace.etwinning.net/896/pages/page/123892

Reportaxe da TV rumana sobre un dos encontros, onde se ve ó alumnado traballando en twinSpace:

http://www.digi24.ro/video/emisiuni-regionale/oradea/timp-liber-oradea/timp-liber-proiect-erasmus-construind-cetatenie-europeana-prin-intermediul-educatiei-mediatice-322562

 

Cidadanía dixital: B&G=COEDUCATION (BOYS AND GIRLS=COEDUCATION)

Cidadanía dixital: B&G=COEDUCATION (BOYS AND GIRLS=COEDUCATION)

Equipos de centro

Centro escolar

Lucas Rey-Matias Landaburu.

Docentes

Joserra Jiménez coa implicación de todo o profesorado do centro.

Comunidade Autónoma

País Vasco.

Países socios

Italia, Grecia, España e Polonia.

Etapa educativa

Ensino primario.

Áreas curriculares

Cidadanía, Inglés como lingua estranxeira, Historia.

Idioma

Inglés.

Recoñecemento

  • Selo de calidade de todos os países membros do proxecto.
  • Alumnos da escola de Maxisterio do País Vasco pasaron un día no centro escolar español para solicitar información sobre o proxecto para poder realizar un traballo de fin de curso sobre eTwinning e sobre o proxecto de coeducación.

A escola italiana aproveitou o día nacional da tableta (en Italia) para dar a coñecer o proxecto via Skype a outros centros italianos.

Descrición

B&G=COEDUCATION (BOYS AND GIRLS=COEDUCATION) é un proxecto pensado, deseñado e realizado para concienciar as persoas sobre os valores e principios que deben prevalecer na nosa sociedade.

Para iso desenvolvéronse actividades que por unha parte abranguen o contorno persoal e familiar do alumnado (escola, familia, medios de comunicación..) e por outra, que involucre todos e cada un dos organismos próximos aos alumnos-as (organismos locais, comerciais, ONG, etc.).

O proxecto levouse a cabo entre centros escolares de España, Italia, Grecia e Polonia e se ben no Twinspace só participou o alumnado de 6º de primaria debemos destacar que as actividades desenvolvidas implicaron todo o persoal docente do centro e as familias.

O proxecto desenvolveuse durante todo o curso escolar pero os seus efectos segundo pensamos vanse prolongar no tempo.

“Cidadania” é a área que máis se desenvolveu durante o transcurso do proxecto pero non debemos esquecer outras áreas como historia, lingua inglesa e tecnoloxía (uso das TIC)

Enlace ao TwinSpace

https://twinspace.etwinning.net/9840/hom

Obxectivos

O principal obxectivo do proxecto consistiu en poñer en práctica nas escolas o método educativo de coeducación, un método que parte do principio da igualdade entre sexos e a non-discriminación. Coeducación significa non establecer relacións de dominio por razón de sexo senón en incorporar en igualdade de condicións as diferentes realidades. Mediante este proxecto quixemos que tanto o alumnado coma o profesorado así como o resto da comunidade educativa (familias, contorno,…) sexa consciente do papel que os homes e as mulleres desempeñaron ao longo da historia.

 

socios B&G

Como xorde a idea de levar a cabo este proxecto?

A escola Lucas Rey forma parte dun proxecto educativo de tres anos de duración que se denomina “Hezkidetza-Coeducación”.

Pensamos que sería unha grande idea utilizar eTwinning como forma de difusión das diferentes actividades e propostas que a escola estaba a realizar. Desta forma conseguimos implicar máis centros europeos e así o alumnado podía de xeito crítico analizar e comparar o que sobre esta materia se realizaba en diferentes países de Europa.

Cómpre salientarmos o papel da profesora italiana que tivo que sortear diversos obstáculos para levar a cabo o proxecto xa que o seu centro é relixioso e algunhas das actividades non foron nun principio ben vistas polo seu colexio.

 

B&G Logo poll

Actividades dirixidas a difundir os valores e principios fundamentais que rexen a nosa sociedade (liberdade, igualdade,…)

As actividades propostas e desenvolvidas nos diferentes centros escolares europeos estiveron dirixidas a difundir os valores de igualdade e non-discriminación.

A seguir menciónanse algunhas destas actividades:

  1. Enquisa familiar: o alumnado realizou unha enquisa ás súas familias para coñecer o papel que cada un dos seus proxenitores realizaba na casa. Posteriormente analizáronse os resultados e comparáronse entre os diferentes países.
  2. Linguaxe sexista: os alumnos e as alumnas de cada centro percorreron as respectivas escolas en busca de carteis e signos de linguaxe sexista (sala de profesores, aula de alumnos,…) Todo o que puidese resultar discriminatorio por razón de sexo foi substituído por carteis non sexistas feitos polos mesmos alumnos-as. Posteriormente analizaron e compararon con outros países se a linguaxe nativa de cada un deles era sexista.
  3. Celebración do 8 de Marzo: unhas semanas previas ao 8 de Marzo, o alumnado traballou na elaboración de diferentes murais sobre o papel da muller na sociedade. O mesmo 8 de Marzo, e a través de Hangout, os rapaces e rapazas das diferentes escolas europeas explicáronlles os seus respectivos traballos ao resto dos compañeiros-as.
  4. Xoguetes de Nadal: coa chegada do Nadal, os alumnos e alumnas dos diferentes centros analizaron diversos catálogos de xoguetes co fin de coñecer o uso sexista ou non que a publicidade fai sobre este tema.
  5. Uso do espazo escolar: nesta actividade, os centros participantes tiveron a liberdade de traballar o uso que se fai do espazo en relación ao sexo masculino ou feminino.

 O centro español analizou o uso do patio escolar á hora do recreo, os centros grego e italiano analizaron o uso da aula en función do lugar que ocupan os nenos e as nenas.

Contos tradicionais: o alumnado analizou diferentes contos tradicionais utilizando un patrón no que anotar o uso que do papel da muller e os homes se realizou nestas narracións. Posteriormente reescribiron os contos poñendo en práctica o uso do que aprenderon durante todo o proxecto.

 

Actividades que fomentan o pensamento crítico, a reflexión, o xuízo, sobre todo no contexto de Internet e as redes sociais.

Mass Media: rol sexual.

Unha das actividades propostas ao longo do proxecto, e posiblemente unha das que máis éxito tiveron, consistiu en buscar a través de Internet diferentes exemplos de publicidade ao longo dos anos e reflexionar sobre se o uso que a publicidade fai dos estereotipos sexuais variou ou non.

Os rapaces e rapazas tamén utilizaron a ferramenta do foro dentro da plataforma de eTwinning e fíxoselles fincapé nas normas de cortesía á hora de utilizalo (linguaxe utilizada, modais, etc.)

Tamén solicitamos que desde o departamento da Ertzantza uns profesionais veñan dar unha conferencia sobre o uso de Internet (a súa charla está planificada para o segundo trimestre deste ano escolar).

Como contribuíu este proxecto eTwinning a conseguir os obxectivos da Declaración de París?

O proxecto intentou crear no alumnado, profesorado e na comunidade educativa en xeral un pensamento analítico e critico acerca da coeducación. Para iso tanto os alumnos coma as alumnas experimentaron diferentes situacións e realidades próximas ao seu contorno para que poidan coñecer os seus dereitos e deberes.

De que xeito promove este proxecto eTwinning a cidadanía activa e axuda a previr e combater o racismo, a intolerancia, a discriminación no contexto escolar e fóra del?

Todas e cada unha das actividades que se realizaron ao longo do proxecto foron deseñadas e levadas a cabo co fin de difundir os valores da coeducación para previr a discriminación por sexo e para crear no alumnado e nas súas familias un pensamento crítico ante situacións discriminatorias.

Grazas ao proxecto tanto o alumnado coma os seus familiares tiveron a oportunidade de asistir a unhas charlas sobre a violencia tanto física coma sobre todo psicolóxica que sofren moitas mulleres. Estas conferencias foron ofrecidas pola asociación “Mundu bat”.

O centro desenvolveu diferentes unidades didácticas encamiñadas a concienciar o alumnado sobre a prevención e denuncia de aptitudes discriminatorias.

 

8 marzoproyecto B&G

Que impacto tivo o proxecto no claustro? Tomou unha actitude máis activa no proceso de ensino-aprendizaxe dos alumnos para ensinar a aceptar as diferenzas de opinión, de crenzas, a diversidade e a igualdade de xénero, previr os extremismos, a desigualdade, e…?

Desde o comezo do proxecto, todo o profesorado participante tiña moi claro a implicación do claustro e a comunidade escolar no seu desenvolvemento.

Como resultado do proxecto na escola española decidiuse que durante dous días á semana o alumnado non pode utilizar material de xogo que cremos que só é usado por cada un dos sexos (balóns, gomas..) Desta forma observamos que durante eses dous días os rapaces e as rapazas pasan máis tempo xuntos e interrelaciónanse dun mellor xeito.

Por outra banda, todos os centros participantes decidiron nos respectivos claustros “ter coidado” coa linguaxe que se utiliza á hora de lles enviar notas ás familias.

 

videoconferenciaB&G

Outros comentarios destacados sobre o proxecto relacionados co tema (sinerxías con organismos locais, asociacións de inmigrantes, de refuxiados, etc.

Grazas ao proxecto, o centro educativo participou no desenvolvemento de diversas actividades desenvolvidas por organismos e asociacións do contorno:

Fundación Glog: desde o centro solicitámoslles aos pais e mais ás nais do alumnado que trouxesen á escola roupa e zapatos que non utilizan para poder doalos á ONG Fundación Glog.

Tamén temos pendente unha charla que o departamento de Internet da Ertzantza vai dar na escola sobre o tema de seguridade na rede e CiberBullyng.

O alumnado e mais as familias tiveron a oportunidade de asistir a un coloquio sobre a violencia de xénero que desenvolvemos na biblioteca do centro. Esta conferencia-coloquio desenvolveuna a asociación “Mundu bat”.

Durante o proxecto utilizamos moitas frases ou sentenzas relacionadas co tema da coeducación. Unha de elas que sintetiza a esencia e a razón de ser do proxecto é:

“You educate a man; you educate a man. You educate a woman; you educate a generation “.

Brigham Young

 

 

Como docentes, somos conscientes de que a educación en valores debe ser un traballo no que as familias e mais o profesorado debe traballar conxuntamente. Non se trata de convencer senón de facer pensar e reflexionar ante as situacións que consideramos discriminatorias e opostas aos valores que rexen a nosa sociedade. Modestamente penso que co desenvolvemento do proxecto contribuímos a botar unha semente que co tempo ha dar o seu froito.