Química ata na sopa!

Química ata na sopa!

Premios eTwinning 2015

Presentámosvos o proxecto “Química ata na sopa”, ganador nos premios europeos 2016 na categoría de lingua española, que patrocina o MECD. Un bo exemplo na etapa de ensino secundario de traballo en colaboración no que se combina ciencia e mais cociña. Os alumnos, en agrupacións internacionais, intercambian receitas da gastronomía nacional e relatan e filman experiencias persoais na realización destes pratos. O aspecto máis orixinal do proxecto é que neste intercambio tamén achegan un problema de química relacionado coa receita. Desta forma os socios deben resolver o enigma científico aplicándolles principios da ciencia aos pratos. Finalmente comparten resultados nun libro dixital común. As socias fundadoras do proxecto Ángela Lupo (Liceo Lingüístico Isabella D’Este, Tivoli, Italia) e Carmen Hernández (Lycée Chrestien de Troyes, Troyes, Francia) cóntannos como xeraron a idea do proxecto e o impacto en cada centro escolar.

A nosa idea co proxecto “Química ata na sopa”, era que os nosos alumnos desenvolvesen diversas competencias dentro do marco dun proxecto europeo interdisciplinario e colaborativo. Para iso tiñamos como meta a elaboración dun libro de videorreceitas con comentarios, fotografías e sobre todo coa explicación dalgúns fenómenos físicos e químicos que se producen cando se realizan as receitas.

Así pois, os principais obxectivos que nos propuxemos e que alcanzamos con dúas clases de 4º, unha italiana e outra francesa, foron os seguintes:

  • Desenvolvemento de competencias lingüísticas tales como por exemplo comprender as instrucións dadas para realizar unha tarefa específica e tamén describir e explicar oralmente un procedemento relativamente complexo.
  • Desenvolvemento dalgunhas competencias científicas a partir dun cuestionamento simple e relacionado cunha actividade cotiá como a cociña.
  • Desenvolvemento da capacidade de traballo en autonomía e en equipo.
  • Unha maior destreza no uso das TIC grazas aos vídeos que realizaron, ás aplicacións que usaron para presentarse, así como ao traballo de interacción na plataforma eTwinning, e a todo tipo de buscas en Internet.

 

recetario proyecto química hasta en la sopa

O proxecto, que durou tres meses, desenvolveuse de xeito xeral, consonte o que previramos. Parécenos que foi un grande acerto formar grupos de traballo: parellas nacionais e despois grupos binacionais pois sen isto non sería posible lograr un traballo colaborativo en interacción. Para moitos alumnos era a primeira vez que traballaban en equipo nun proxecto longo. Con todo, polo xeral os rapaces respectaron os prazos que lles demos en cada etapa do proxecto. Traballamos con bo ritmo agás en certos momentos en que se amoderou todo debido aos diferentes calendarios escolares.

 Outro acerto foi realizar unha gran parte do traballo na casa dos rapaces, na cociña, e xa que logo contar así coa implicación indirecta dos pais. Foi un xeito de achegármonos a eles tamén.

En canto ás TIC, non foi difícil o uso das aplicacións sobre todo no liceo italiano xa que por ser unha clase de experimentación IPad xa as coñecían. En Francia, a pesar dalgunhas dificultades técnicas que tivemos na sala de informática, logramos acabar a tempo.

Sen lugar a dúbidas o proxecto foi moi ben aceptado desde o principio polos rapaces. A idea de lles mandar receitas e preguntas científicas en forma de vídeo a rapaces doutro país encantoulles. Ademais pareceulles moi divertido gravarse na cociña. O entusiasmo mantívose intacto á hora de recibir as videorreceitas dos socios, pois había que volver á cociña e, de xeito lúdico, tamén á reflexión científica. Puideron así achegarse a outro xeito de vivir a cociña e a alimentación e decatáronse de que os fenómenos físicos e químicos non son algo afastado e abstracto senón que están presentes na nosa vida cotiá.

 

imagen de receta proyecto química hasta en la sopa

 É de valorar tamén que todo o material que aparece no libro de videorreceitas: vídeos, receitas escritas, fotografías, comentarios, preguntas e repostas científicas foi realizado polos alumnos. Ademais da clara implicación dos rapaces, o proxecto contou coa implicación coordinada das profesoras de español, as profesoras de ciencias e as auxiliares de conversación.

 A revista coas súas receitas, preguntas de física e química, os vídeos, está agora ao dispor dos nosos respectivos centros e doutros profesores para levar a cabo actividades pedagóxicas relacionadas tanto coa aprendizaxe do español (léxico da cociña, estruturas gramaticais, comprensión oral, comprensión escrita) coma coa aprendizaxe das ciencias.

 O premio europeo eTwinning categoría ‘Lingua Española’ supuxo unha gran satisfacción polo empeño tanto noso coma dos alumnos.

 

alumnos disfrazados de cocineros

Grazas a esta experiencia ben lograda, nós, as profesoras, tamén melloramos as nosas competencias tecnolóxicas e didácticas. Aprendemos a levar a cabo un novo tipo de proxecto que nos abre outras perspectivas de innovación pedagóxica nas que seguimos e seguiremos xerando novos proxectos para os nosos alumnos.

Opinión dos alumnos:

“O traballo que fixemos con eTwinnig foi complexo de verdade. O produto final é un libro con vídeos e receitas pero o desenvolvemento foi máis complicado: eliximos as parellas e despois italianos e franceses traballamos xuntos, buscando momentos en común para chegarmos a un acordo, eliximos receitas, gravamos o vídeo coa receita, vimos o dos franceses e cociñamos. Todo en tempos fixos.
Aprendemos o léxico técnico das receitas e os proverbios cos alimentos. Ademais aprendemos como facer e explicar unha receita.
 Foi complexo e complicado, pero foi divertido e educativo”! (Rebecca).

“O proxecto foi moi laborioso pero tamén nos divertimos moito cociñando receitas italianas e francesas. Aprendemos cousas sobre a cociña francesa e tamén palabras novas así que o noso español mellorou. Realmente foi un bo traballo sobre todo para a nosa aprendizaxe” (Alice).

Coordinadoras do proxecto en español: Angela Lupo (Italia), Carmen Hernández (Francia)

 Coordinadoras do proxecto en ciencias: Rosa Gómez (Francia), Francesca Salvemini (Italia)

Centros: Lycée Chrestien de Troyes, Troyes, Francia e Liceo Lingüístico Isabella D’Este, Tivoli, Italia

Fonte imaxe cabeceira:School vector designed by Freepik