Fairy Yoga. Premios nacionais eTwinning 2016

Fairy Yoga. Premios nacionais eTwinning 2016

Premios eTwinning 2015

Fairy Yoga é un proxecto eTwinning no que o ioga para nenos serve de inspiración para o traballo e as actividades na aula de Educación Infantil. No proxecto participan centros escolares de España, Italia, Turquía, Eslovaquia, Polonia e Xeorxia. A práctica do ioga preséntase como unha actividade lúdica na que o alumno, a través de diversas posturas asociadas a sons e nomes de animais, mellora a flexibilidade e a coordinación. Apréciase unha boa comunicación entre os socios de proxecto, o que permite un traballo ben planificado e uns resultados que cumpren cos obxectivos iniciais propostos. Destacamos a participación no proxecto de expertos no ámbito do ioga que asesoran e traballan de forma directa coas docentes participantes. Tamén subliñamos o papel activo das familias, que comparten actividades do proxecto cos alumnos e gravan as prácticas na casa. Todos os produtos finais son accesibles desde o TwinSpace de proxecto, unha páxina en Facebook e a propia páxina do centro escolar. Finalmente, destacamos a exhaustiva avaliación final de proxecto que inclúe enquisas, cuestionarios e arquivos de son para os profesores e fichas para colorear para os alumnos.

Fuensanta León Moreno, coordinadora do proxecto na Escola Barrufet (Sant Boi de Llobregat) descríbenos os obxectivos e mais os resultados do proxecto no seu centro escolar e achega interesantes opinións de alumnos, pais e compañeiros do centro que participaron activamente nesta experiencia.

Sobre os obxectivos e os resultados do proxecto

Os obxectivos que nos formulamos cando iniciamos este proxecto foron os seguintes:

  • Iniciar os nenos/as no ioga e divertirse facéndoo
  • Ofrecer un método de autodescubrimento e axuda para desenvolver as súas capacidades
  • Favorecer as habilidades sociais
  • Fomentar a creatividade e a imaxinación
  • Mellorar a autoestima
  • Explorar novas metodoloxías
  • Axudalos/as a que empecen a sentir a lingua inglesa como instrumento importante de comunicación
  • Potenciar a participación das familias compartindo actividades de ioga cos seus fillos/as
  • Utilizar as TIC como vehículo de comunicación familias/ outros centros

Os resultados foron moi positivos a todos os niveis.

Os nosos alumnos/as puideron compartir sesións de ioga con nenos/as doutros países.

 

Fairy Yoga sesión Skype

Experimentaron con diferentes linguaxes (plástica, musical, corporal, audiovisual, matemática,…) fomentando así a súa creatividade e a imaxinación. É moi gratificante ver que son quen de cantar cancións e coñecer e dicir o nome en inglés das posturas que se traballaron.

foto collage 1 fairy yoga

Tamén valoramos positivamente que as familias participaran activamente e que en todo momento apoiaran este proxecto.

 familia_fairy_yoga

Conseguiuse un maior coñecemento e autonomía persoal dos nosos alumnos/as, unha mellor dinámica de grupo, puidemos experimentar con novas metodoloxías, habituándonos ao uso das TIC e iniciándonos no traballo colaborativo, sen esquecer divertirnos todos/as xuntos practicando ioga.

fairy_yoga_juego_peluche

O desenvolvemento do proxecto en termos de acertos, erros e dificultades

Unha das primeiras dificultades que atopamos cando iniciamos o proxecto era que na actualidade existen poucas experiencias onde se realice ioga nas aulas. Era algo pioneiro que nos levou a buscar bibliografía existente en referencia á práctica do ioga con nenos/as e axudounos moito todo o material que compartiron os outros socios europeos. Atopar eTwinning permitiunos iniciar o proxecto e intercambiarmos experiencias.

 

fairy_yoga_asamblea

A colaboración foi un elemento necesario para o bo funcionamento do proxecto. Todas achegamos algo para que funcionase e que se cumprisen os obxectivos. Tivemos que realizar moitas reunións extras para organizar as sesións, os recursos persoais e técnicos, realizar a avaliación, etc. Outro dos retos foron as videoconferencias xa que nalgunha delas houbo problemas técnicos que fomos solucionando coa axuda do noso coordinador TAC e mais coa nosa experiencia.

Por primeira vez no noso ciclo pedíaselles ás familias que participasen nun proxecto achegando vídeos ou fotografías, aspecto que non tiñamos moi claro que fose funcionar e que resultou ser todo un éxito. Gustaríame salientar que sempre atopamos un grande apoio por parte do equipo directivo e polo equipo de educación infantil.

Sobre o impacto global do proxecto no centro escolar

“Fairy Yoga” é un proxecto sostible que causou un impacto importante nas metodoloxías das escolas implicadas. Conseguiu os obxectivos formulados con actividades facilmente integrables no currículo de calquera centro. Participar neste proxecto permitiu propoñer a inclusión do ioga no currículo de educación infantil da escola como actividade habitual nos seguintes cursos, este ano xa se está realizando en P4 e o próximo realizarase en P5.

fairy_yoga_practice

A temática utilizada (animais de peluche, xogo de cartas Eduyoga, a nosa fada do ioga) facilitou a motivación polas actividades e por coñecer novo vocabulario en inglés. Os nosos nenos e nenas viñan moi contentos/as ás sesións de ioga e conseguimos que aprendan as primeiras palabras e cancións en inglés.

As videoconferencias e actividades para facilitar a comunicación permiten que exista a interacción entre iguais. Os nosos alumnos gozaron moito durante todo o proxecto pero en especial nos momentos das videoconferencias onde podían ver, falar e realizar os exercicios de ioga cos seus amigos europeos.

 

sesión Skype Fairy Yoga

A introdución de ferramentas TIC en cada actividade achegounos un amplo abano de posibilidades para investigar e colaborar e reflectiuse nunha mellora clara dos procesos de ensino-aprendizaxe. Os alumnos aprenderon de xeito diferente, integrándoas naturalmente na práctica diaria.

Conseguimos que unha gran maioría de familias participe no noso proxecto e realizasen ioga cos seus fillos/as na casa.

 

Fairy_yoga_en_familia

Compartiu connosco o seu saber facer e mais a experiencia a profesora de ioga Aurora Fernández Gutiérrez, unha persoa externa á nosa escola, que cada ano vén pechar o noso proxecto facendo ela a clase de ioga cos nosos nenos/as. Ela foi tamén a que durante este curso veu realizar sesións de ioga con todo o claustro.

Aurora_Fairy_Yoga

Para rematar, querería transmitir que na actualidade existe unha inquietude xeral de todo o claustro que ten moi claro que a educación mellora mediante a colaboración, o intercambio e a aprendizaxe mutua: entre alumnos/as, entre mestres/as e entre sociedades.

Yoga con el claustro

Sobre o recoñecemento deste proxecto como premio nacional eTwinning 2016

Foi unha experiencia moi positiva onde me estreaba como usuaria desta gran plataforma que é eTwinning. A título persoal o recoñecemento deste proxecto supuxo unha grande alegría e ver cumprido uns dos meus soños profesionais de poder incluír o ioga nas nosas aulas. E desta forma conseguir que paseniñamente se vexa o ioga como un elemento de cambio educativo positivo que axuda os nosos alumnos/as a desenvolver as súas capacidades dentro dun marco baseado no respecto, a tolerancia e a comprensión.

 

fairy yoga_actividad_grupal

É o recoñecemento a un traballo feito con moita ilusión, un traballo en equipo onde se empregaron moitas horas de descanso persoal nun momento onde os recortes orzamentarios aínda non mingúan a capacidade de ilusión de moitos profesionais que aman e gozan da súa profesión.

Opinións

Derek Martínez Boch (3 anos)

A min gustoume moito facer as posturas do león e mais o can.

Paula Molina Martínez (3 anos)

O que máis me gustou son as sorpresas que traía a Fada do ioga.

 

Fairy Yoga Hada

Souad Bobouh (nai dun neno de P3)

É unha actividade que vexo positiva xa que permite traballar o corpo e a mente, proporciona máis flexibilidade, reláxaos e cálmaos. Fai que os nenos e as nenas sexan máis creativos. Na casa o meu fillo Akram pídeme que fagamos ioga e facemos algunhas das posturas, gústalle moito.

Javier Huertas e Ana Castro (pais dun neno de P3)

Este primeiro ano na escola supuxo para os nenos e as nenas o descubrimento dunha morea de cousas, emocións, xogos e as clases de Fairy Yoga foron un destes grandes descubrimentos. Concretamente, para Gerard supuxo unha forma máis de bailar, aprendendo animais, psicomotricidade e unha cousa moi diferente: o inglés.

Gerard está moi motivado, o feito de acompañar esta aprendizaxe do idioma con música e ioga, cremos que foi a clave principal, que conseguiu que palabras como “butterfly” estean dentro do seu vocabulario habitual e que tamén perdera o medo a falar con palabras que inicialmente non coñecía. A día de hoxe o noso fillo non ten ningún medo en intentar cantar cancións en inglés, intentando imitar os sons e pronuncias que escoita. Nós consideramos que foi un éxito total.

Eugenia Fernández Rodríguez (directora da Escola Barrufet)

Xa hai tempo que desde o equipo directivo pensabamos que era importante introducir a Educación Emocional de xeito transversal no currículo da escola. Despois da experiencia de Fairy Yoga constatamos os seus beneficios e sentímonos moi orgullosas dos resultados obtidos.

Esther Rodríguez Serradilla (mestra de Inglés e compoñente do Proxecto)

“Fairy Yoga” foi un reto e unha oportunidade. Grazas a eTwinning puidemos facer ioga e introducir vocabulario en inglés e escoitar outras linguas. Valoro especialmente decatarme de que xuntas podemos facer cousas que xamais cremos posibles: motivar cambios na escola pero sobre todo axudar a que os nenos e as nenas sexan máis felices.

Esperanza Hernández Burcio (mestra de P3 e compoñente do Proxecto)

Compartir a experiencia na aula con outra mestra é enriquecedor e moi positivo xa que hai poucas ocasións onde se poidan compartir situacións coma as que vivimos.
O alumnado gozou e como consecuencia fixeron colaborar as súas familias. Estou encantada de poder continuar facendo Fairy Yoga.

Enlaces a resultados do proxecto

-TwinSpace

http://twinspace.etwinning.net/2114/home

-Blogger

http://estherrsbcn.blogspot.com.es/

-Revista despois de Fairy Yoga

http://www.calameo.com/read/0045765221cab1509faea

-Continuidade en P4:English and Yoga in P-4

https://sites.google.com/a/xtec.cat/barrufets-english-zone/general-activities/englishandyogainp-4

-Vídeo resumo

https://vimeo.com/168655717

-Artigo Revista dixital “E-eduquem” (páxina núm. 23)

http://plataformaeduca.es/revista/otono2015/eduquem_otono_2015_hoja.pdf

 

PROXECTO “FAIRY IOGA”

Escola Barrufet (Sant Boi de Llobregat)

Educación Infantil

Esther Rodríguez Serradilla

Esperanza Hernández

Fuensanta León Moreno