Uso de mapas mentais para estruturar a información

Uso de mapas mentais para estruturar a información

Ferramentas TIC

Un mapa mental é un diagrama que se usa para representar as palabras, ideas, tarefas e debuxos ou outros conceptos ligados e dispostos radialmente arredor dunha palabra clave ou dunha idea central. Os mapas mentais son un método moi eficaz para extraer e memorizar información e son unha forma lóxica e creativa de tomar notas e expresar ideas que consiste, literalmente, en cartografar as súas reflexións sobre un tema. (fonte: Wikipedia).

Esta forma de pensar axuda a estruturar a información, permitindo que se poida analizar correctamente a información e se sintetice en caso de ser necesario. Tamén é unha excelente forma de resumir e xerar novas ideas durante a xestación dun proxecto eTwining.

Realizar mapas mentais permite que o noso cerebro se involucre na planificación, aproveitando as habilidades cognitivas dos nosos alumnos.

Seleccionamos algunhas ferramentas que vos poden axudar a xestionar o voso proxecto, para usar cos vosos socios ou cos vosos alumnos.

Freemind

É unha ferramenta sinxela para crear mapas mentais, ademais é completamente gratuíta. Por outro lado, FreeMind pódese usar completamente sen utilizar o rato.

Un dos beneficios máis grandes do uso de FreeMind é que nos permite facer moitos retoques, por exemplo, podemos usar etiquetas de cores para situar determinados nodos nos mapas, usar tamén códigos de cores para agrupar ideas que son similares, etc. Tamén podemos exportar os mapas en diferentes formatos.

 

freemind_mapas_mentales_2015

Fonte da imaxe:

https://play.google.com/store/apps/details?id=com.qdvsoftworks.schematicmind

Buubl.us

Ferramenta que nos permite realizar esquemas ou mapas conceptuais dunha forma sinxela e atractiva, tamén poden ser despois exportados en HTML ou XML para logo incrustalo no noso TwinSpace. Ten unha versión gratuíta que che permite realizar ata 3 mapas mentais.

 

bubbl.us_mapasmentales_2015

Fonte da imaxe:

https://mrsmichalsky.wordpress.com/2011/05/20/bubbl-us/

Freeplane

Está definida como unha ferramenta para facer mapas mentais, pero tamén para realizar brainstorming ou chuvia de ideas.

En Freeplane podemos tomar notas que toman o aspecto de Post Its e que se agregan aos nodos, podemos organizar ideas en diferentes xerarquías, clasificar nodos a través de atributos en forma de metadatos e aplicar diferentes estilos para que o mapa teña un aspecto máis agradable visualmente.

 

Freeplane_mindmap_2015

Fonte da imaxe:

http://sourceforge.net/projects/freeplane/

MindMeister

Ferramenta que se caracteriza pola súa sinxeleza. Pódense sumar novos nodos para facelo cada vez máis completo, podemos modificar o tamaño da fonte e engadir algunhas cores, pero algunhas destas funcións só están activas na versión de pagamento.

Pode ser unha gran ferramenta para os proxectos eTwinning, xa que permite usala de forma colaborativa. Permite revisar as antigas versións do mapa e compartilo cos vosos socios.

 

mindmeister_mindmap_2015

Fonte da imaxe:http://www.mindmeister.com/blog/2014/01/09/meet-the-all-new-mindmeister/

Mind42

Ferramenta web que pode ser usada de forma colaborativa á hora de realizar os mapas mentais.

É unha ferramenta que ten a gran vantaxe de non ofrecer limitacións á hora de crear mapas mentais, pero ao ser unha versión gratuíta teremos que ver a publicidade que nos aparece mentres realizamos os mapas.

Conta coa vantaxe de exportar os mapas a outras ferramentas como Freemind.

 

mind42_mindmap_2015

Fonte da imaxe: http://mind42.com/public/fc08512e-737e-4116-8b86-71f2fec61d11

Recompilamos algúns usos que lles podes dar a estas ferramentas na vida do teu proxecto eTwinning:

Brainstorming. Pregúntalles aos teus alumnos que queren facer no seu proxecto eTwinning e realiza un mapa con estas ideas para ao final elixir cales se poden implementar e finalmente recoller que ideas se levaron a cabo.

Recompilación de actividades. Cos teus socios podes xerar unha árbore de ideas para ir recompilando as actividades que ides desenvolver, é unha forma clara de expoñelas.

Temporalización. Podemos usalo para facer unha cronoloxía das actividades e presentárllelo aos nosos alumnos.

Para traballar cos alumnos. Eles son os protagonistas do proxecto e polo tanto poden crear e sintetizar a información. Poden crear mapas mentais nalgunha actividade do proxecto, despois pódese incrustar no TwinSpace.

Para realizar difusión dos resultados. Cun mapa mental vese de forma sinxela e clara, o antes, o durante e o despois dun proxecto eTwinning.

Para presentar os resultados da avaliación. Á comunidade docente, ao equipo directivo e aos pais dos nosos alumnos gústalles estar informados, podes presentar estes resultados cun mapa mental ou esquema para que poidan velo dunha forma máis sinxela.

Hai moitas máis opcións que podemos usar como Map Myself, que permite inserir imaxes e ten un deseño moi atractivo, outras como Semantik, Wise Mapping, Laberynth, Vym, Mindomo, LucidChart, Coogle, Popplet, etc; como vedes as opcións son variadas e numerosas, depende das nosas necesidades elixir unha ferramenta ou outra, pero o que seguro imos conseguir usando este tipo de ferramentas é que os nosos alumnos teñan unha visión en conxunto do que van traballar e que eles poidan á súa vez analizar e sintetizar a información.

Desde o SNA eTwinning animámoste a que utilices estas ferramentas e se tes máis ideas de como usalas na clase podes facer un comentario debaixo deste artigo.