Cidadanía dixital: Better eSafe than Sorry

Cidadanía dixital: Better eSafe than Sorry

Equipos de centro

Cidadanía dixital (tamén denominada cibercidadanía ou e-cidadanía) defínese como as normas de comportamento que lle concirnen ao uso da tecnoloxía. A Cidadanía dixital supón a comprensión de asuntos humanos, culturais e sociais relacionados co uso das Tecnoloxías da Información e a Comunicación (TIC), así como a aplicación de condutas pertinentes a esa comprensión e aos principios que a orientan: ética, legalidade, seguridade e responsabilidade no uso de Internet, as redes sociais e as tecnoloxías dispoñibles.

Título do proxecto:

Better e-safe than sorry

Centro escolar:

IES SAN JOSÉ (Villanueva de la Serena, Badaxoz)

Docentes:

Francisco Miguel García Barroso (Inglés)

Francisco Manuel Cano Arroyo (Tecnoloxía)

Comunidade Autónoma:

Estremadura

Países socios:

  • Sint Michael College, Koog aan de Zaan, Países Baixos
  • Hristo Smirnenski Primary School, Rakovski, Bulgaria
  • Herskind Skole og Børnehus, Galten, Dinamarca
  • Longdean School, Hemel Hempstead, Reino Unido
  • Collège Paul Gauguin, Cordemais, Francia

Etapa educativa:

3º ESO

Áreas /Materias:

Inglés, Tecnoloxía

Idioma:

Inglés e español

Recoñecemento:

Este proxecto obtivo o selo de calidade nos Países Baixos, Dinamarca, Francia e España

Descrición:

As TIC convertéronse nunha parte integral da nosa vida cotiá. Usamos Internet para unha gran variedade de tarefas: comunicármonos cos demais, mercar en liña, traballar, etc. Nos centros educativos intentamos seguir o ritmo destes novos avances pero en moitas ocasións non temos unha preparación sólida e actualizada para sabermos como axudar os nosos alumnos a entender os seus perigos e implicacións. A nosa pregunta principal é se sabemos como utilizar Internet de forma segura e responsable. O obxectivo / resultado do noso proxecto é fundamentalmente educar os nosos alumnos nun uso responsable das TIC tanto dentro coma fóra do centro educativo e sensibilizar os estudantes sobre a súa seguridade en liña, dándolles a oportunidade de atopar respostas a través da investigación colaborativa en varios temas relacionados co uso seguro de Internet.

 

alumnos trabajan competencias digitales

Enlace ao TwinSpace:

https://twinspace.etwinning.net/4386/home

Obxectivos:

  • Promover o uso das novas tecnoloxías sobre todo no referido á seguridade dixital dos usuarios de Internet.
  • Mellorar o uso das linguas estranxeiras.
  • Aumentar as capacidades do alumnado para realizar traballos en equipo.
  • Contribuír a mellorar a identidade dixital de todos os membros da comunidade educativa mediante protocolos e plans de actuación.
  • Coñecer outras culturas, compartir hábitos de vida e sobre todo respectar as opinións dos demais.
  • Saber actuar en caso de ciberacoso ou manipulación de datos en Internet.
  • Realizar protocolos de intervención en problemas derivados do uso de Internet e prover os centros cunha serie de documentos que regulen o uso e mais o acceso ás novas tecnoloxías.

Como xorde a idea de levar a cabo este proxecto/actividades?

Este proxecto parte dunha das necesidades do noso centro detectada nas reunións de titores que tiveron lugar durante o curso 2014-2105. Nese ano o noso plan de acción titorial sumouse a varias iniciativas promovidas polas autoridades locais e pola Consellaría de Educación que tiña por obxectivo alertar os adolescentes sobre o uso de Internet e as aplicacións en liña. Esta campaña de sensibilización estaba dirixida a toda a comunidade educativa xa que tanto pais coma profesores tamén debían estar ao tanto dos riscos que supón usar Internet sen unhas nocións básicas de ciberseguridade, non só polo seu propio ben senón para que deste xeito tivesen máis recursos á hora de axudar os alumnos ante calquera incidente.

Aínda que as actividades foron coordinadas polo departamento de orientación e o departamento de tecnoloxía, foron os titores dos cursos aos que ía dirixida esta información (2º e 3º de ESO) os que se encargaron de usar as horas de titoría cos seus respectivos grupos para explicarlles o tema da seguridade en liña e os riscos que implican os dispositivos móbiles, sobre todo o uso descontrolado de teléfonos móbiles que tan estendido está entre os mozos. Ao noso centro acudiron expertos para falar cos alumnos e ensinarlles que debían facer en casos de ciberacoso ou de fraude en liña para reforzar o que xa se aprendera durante as titorías.

 

trabajo en equipo- proyecto esafe

Debido aos bos resultados, para o ano 2015-2016 o noso plan de acción titorial quixo continuar con este labor sobre a seguridade dixital dos alumnos e para iso propuxéronse outra serie de actividades que non só implicasen os titores senón o maior número posible de membros da comunidade educativa. Como o noso centro é moi activo en proxectos de colaboración, suxerín empezar un proxecto eTwinning sobre o tema da seguridade dixital que ademais de cumprir cos obxectivos do noso plan de acción titorial incorporase un punto de vista máis internacional ao implicar outros centros europeos interesados en traballar sobre o mesmo tema.

Así foi como grazas aos meus contactos en eTwinning atopei uns profesores que estaban a buscar máis socios para elaborar un proxecto sobre seguridade dixital. Eles xa tiñan un proxecto aprobado que contiña un bo plan de traballo que se adaptaba ás nosas necesidades cunha repartición de tarefas equitativa e uns resultados esperados realistas e adecuados.

Actividades

  • Actividades dirixidas a formar os alumnos como cidadáns dixitais (uso responsable dos dispositivos e a rede, pautas de comportamento en Internet -especialmente nas redes sociais-, respecto aos usuarios, dereitos e responsabilidades nun medio virtual)
  • Actividades que fomentan o pensamento crítico, a reflexión, o xuízo, sobre todo no contexto de Internet e as redes sociais.

Establecemos un plan de actividades ao longo de todo o curso pero ademais das que pertencen ao proxecto en exclusividade, cada centro educativo realizou outras dentro do seu ámbito local que logo compartiu no proxecto cos outros socios. Todas as actividades están rexistradas no TwinSpace ou nas ligazóns externas que incluíron os centros educativos na plataforma.

Para levarmos a cabo este proxecto tivemos en conta a aprendizaxe baseada en proxectos e a cooperación entre os alumnos. Os profesores distribuímos os alumnos en grupos de traballo transnacionais e logo eles usaron o foro e o seu servizo de mensaxaría do Twinspace para establecer contacto entre eles e saber máis sobre os compañeiros cos que ían traballar. A partir de aí os alumnos tiveron que traballar xuntos nun proxecto de investigación sobre un dos aspectos de seguridade en liña e uso de aparatos tecnolóxicos. Nós escollemos o uso de teléfonos móbiles, o ciberacoso e os videoxogos. A partir de aí, os alumnos tiveron que traballar de xeito colaborativo usando os documentos en Google Docs para profundar no tema que tiñan que desenvolver e expoñer ante os demais. Para iso contaron cunha serie de recursos como por exemplo as fichas de traballo dispoñibles en www.webwewant.eu grazas ás cales puidemos traballar sobre temas como os dereitos e deberes dos internautas, netiqueta, redes sociais, privacidade e copyright. Tamén participamos no Safer Internet Day (SID) 2016 grazas ao apoio proporcionado pola plataforma www.chaval.es cunha serie de actividades de tipo lúdico coa aplicación SmartPrivial e realizando blogs de aula na clase de tecnoloxía. Para saberen como os seus compañeiros europeos do proxecto utilizaban a rede, os alumnos usaron sobre todo os cuestionarios en liña colaborativos que puxemos ao seu dispor desde o TwinSpace e que foron o documento de referencia para despois elaborar as presentacións finais. Tamén participamos na iniciativa promovida pola Consellaría de Educación “Foro Nativos Dixitais” para concienciarmos os adolescentes sobre o uso responsable das TIC e Internet e grazas á cal seleccionamos alumnos titores no noso centro que se encarguen de lles transmitir os seus coñecementos sobre seguridade dixital a outros alumnos. O noso proxecto integrouse nesta actividade na que participaban máis grupos pero foron os nosos alumnos de eTwinning os que lograron o seu nomeamento de “alumnos titores internacionais”, un título que recoñecía o seu labor de difusión tanto no proxecto de nativos dixitais coma no de eTwinning.

 

collage cyberbulling

Por outra banda, os profesores que formamos parte do proxecto realizamos unha segunda liña de traballo na que trazamos de forma consensuada un “Plan de acción dixital” no cal se resumen os aspectos máis importantes da ciberseguridade nos nosos centros. Para elaborarmos este plan en común o primeiro que tivemos que facer é unha análise das necesidades en canto ao tema do proxecto. Despois contamos cunha serie de recursos para que cada centro puidese valorar, de acordo coas súas necesidades, que aspectos deben mellorarse ou en cales podemos achegar unha experiencia positiva para os demais. Ao longo do proxecto vimos cales eran os puntos fortes e débiles da política sobre esafety dos nosos centros e foi así como elaboramos este “Plan de acción dixital” para todos que poida ser tomado en conta como documento de funcionamento de centro e permita activar protocolos en casos concretos que deriven do uso das novas tecnoloxías. Para a elaboración destes documentos contamos cos materiais e recursos que hai na páxina www.esafetylabel.eu. Esta plataforma outorgounos o certificado de seguridade dixital na categoría de prata polo noso esforzo e interese en facermos o noso centro máis seguro e promover bos hábitos de uso das novas tecnoloxías.

Que papel tivo o centro escolar/ o claustro/o/os profesor(es) no proxecto conducente a educar os alumnos para formar parte dunha cidadanía responsable (p. ex. ensinando a previr riscos na publicación de datos persoais, en comentarios…)?

Como xa dixen antes, este proxecto está directamente relacionado co Plan de Acción Titorial do noso centro e co programa “Foro Nativos Dixitais” dirixido a toda a comunidade educativa. O equipo directivo e o departamento de orientación axudou moito á hora de organizar as charlas tanto a alumnos coma a pais por parte de persoal experto en materia de ciberseguridade (policía, asesores TIC,…) e á hora de difundir e darlles visibilidade aos resultados obtidos. Moitos profesores sumáronse á experiencia de usar aqueles recursos citados anteriormente nas súas clases de titoría e aceptaron de bo grado que haxa un protocolo de actuación en caso de incidencias relacionadas coa seguridade dixital. O departamento de Tecnoloxía ampliou a presenza de recursos e indicacións sobre o bo uso das novas tecnoloxías na páxina web do centro http://iessanjosevillanueva.blogspot.com.es/p/blog-page.html e os profesores titores encargados de promoveren aspectos básicos da cidadanía dixital teñen agora ao seu dispor máis recursos e mellor formación para lles impartir as clases sobre cidadanía dixital aos alumnos.

De que xeito promove este proxecto eTwinning a cidadanía dixital? Que espazos e ferramentas da plataforma contribúen de forma máis eficaz a formar na cidadanía dixital? Hai algunha diferenza no trato deste tema nos países dos teus socios europeos con respecto a España? Que diferenzas, semellanzas?

Este proxecto promove a cidadanía dixital entre mozos europeos mediante o uso de certas ferramentas TIC e o TwinSpace que é onde ten lugar todo o proceso de intercambio de materiais, opinións e ideas. Mediante unha aprendizaxe colaborativa tanto alumnos coma profesores profundan no coñecemento dos riscos que implica o uso de Internet e realizan protocolos de actuación válidos para un ámbito escolar. Estes protocolos quedan fixados en dous niveis: o primeiro é o de lles dar difusión aos resultados obtidos polo traballo de investigación no que se ofrece unha visión europea dun problema ligado ao uso de Internet/novas tecnoloxías e posibles solucións por parte dos alumnos; o segundo nivel é o plan de seguridade dixital elaborado polos profesores de xeito conxunto que marque as pautas que debe seguir cada centro educativo e axude a solucionar posibles incidencias como o ciberacoso, roubo de datos persoais en liña ou non respectar a privacidade de terceiros. Este marco de actuación non só suxire que facer en tales casos senón que tamén orienta o persoal do centro educativo marcando unhas pautas claras que se deben seguir para conseguir que todos fagamos un uso responsable das novas tecnoloxías. Estas suxestións están recollidas en dous documentos que cada centro pode engadir ao seu Plan Xeral Anual: o Regulamento de Uso Aceptable do Persoal e o Regulamento de Uso Aceptable do Alumno.

 

recomendaciones esafe

Unha parte moi interesante do proxecto é a que compara varios países entre si quedando así patentes as diferenzas que hai entre os mozos europeos á hora de usaren Internet. Grazas a Google Docs puidemos elaborar unha serie de cuestionarios cuxos datos incorporamos máis tarde ás presentacións. Puidemos comprobar que case todos os mozos europeos usan o teléfono para case os mesmos propósitos e que pasan a mesma cantidade de tempo en Internet. As redes sociais ás que teñen acceso son sobre todo Facebook e Twitter aínda que o uso desta última non estaba moi difundido nos alumnos españois que usaban moito máis o Whatsapp. Con respecto ao uso dos móbiles foi revelador para moitos deles o feito de que durmisen co móbil no cuarto, algo que lles parecía normal pero que grazas a sucesivos debates na clase non tardaron en se decatar de que esa actitude demostraba que non desconectaban nunca do teléfono e que necesitaban telo sempre preto. Outro exemplo é o ciberacoso, un problema do que todos os alumnos do proxecto xa sabían algo deste tema e ata coñecían alguén que o sufrira. Despois da súa participación no proxecto, os alumnos souberon máis cousas sobre netiqueta e saber como comportarse en Internet para non dar lugar a malentendidos e situacións comprometidas. Tamén aprenderon a saber que facer ante un caso de ciberacoso e que medidas se poden adoptar.

Os resultados dos cuestionarios e as presentacións están dispoñibles no noso TwinSpace. a competencia que tamén estivo presente en todo o proxecto é a dixital. Dentro do marco DIGCOMP traballamos os seguintes aspectos da área 4 sobre seguridade:

4.1 Protección de dispositivos: o alumno xa sabe como protexer de xeito básico os seus dispositivos electrónicos e os dos demais.

4.2 Protección de datos persoais e identidade dixital: o alumno é consciente dos perigos que entraña o uso de Internet. Móstrase respectuoso coa privacidade doutros e é quen de poñer en marcha un protocolo de actuación en caso de ciberacoso.

4.3 Protección da saúde. O alumno sabe como evitar riscos para a saúde derivados do uso da tecnoloxía dixital que ameacen a súa integridade física e psíquica.

 Como contribuíron as familias dos alumnos á formación destes como cidadáns activos? Nunha escala de 1 a 10, e en termos xerais, que lugar ocuparía “o grao de cidadán dixital” destas familias? Teñen algunha formación neste tema?

As familias tamén estiveron moi implicadas neste proxecto. Para empezar tiven que poñerme en contacto con elas para explicarlles que era un proxecto eTwinning e que iamos facer na clase. Dado a temática do proxecto, pedinlles colaboración ás familias sobre todo para usar material audiovisual no que aparecesen os seus fillos e que lles permitisen usar Internet para realizar buscas sobre o proxecto. Tamén lles pedín a súa colaboración para axudar os seus fillos desde a casa, conectándose con eles a Internet e proporcionando as súas opinións como pais sobre os temas que tiñan que investigar.

Un exemplo da boa colaboración e a implicación das familias é a charla que impartiu o profesor Francisco Manuel Cano Arroyo sobre a dependencia do móbil e mais as súas consecuencias. Esta interesante intervención estivo promovida pola Asociación de Pais e Nais do noso instituto que desde o primeiro momento quixo sumarse ao proxecto e participar nas actividades de difusión. En charlas coma esta e mediante unha serie de entrevistas quedou patente que o grao de coñecemento das familias das novas tecnoloxías e os seus perigos é moi diverso. Case todos os pais e nais coñecían o ciberacoso e eran conscientes do uso do móbil e das redes sociais dos seus fillos, pero moi poucos sabían como administrar unha devasa ou establecer contrasinais de seguridade. Este tipo de formación nas familias é pois tan necesario coma entre os alumnos e é algo que quedou patente grazas a proxectos coma este e ao interese das familias por participar. Na escala proposta as familias situaríanse entre un 5 ou un 6, xa que moitas delas limítanse por exemplo a establecer horas de uso do móbil, as videoconsolas ou Internet pero moi poucas saben como controlar os contidos aos que os seus fillos teñen acceso.

Cambiou a idea que o alumnado tiña, antes e despois de facer o proxecto/actividades, sobre as regras de comportamento na rede?

  • COMUNICACIÓN (móbiles, gramática, textos, abreviacións, modismos,…
  • RESPONSABILIDADE (descargas, copyright, música, copias, imaxes, …)
  • DEREITOS (sobre as súas propias publicacións…)
  • ERGONOMÍA (danos físicos, forzar a vista, mala postura, ….)

Participar nun proxecto eTwinning pode converterse nunha experiencia de aula moi produtiva, con moitos beneficios para o alumnado e mais os profesores. No noso caso, temos que destacar o alto grao de implicación dos alumnos por realizar as tarefas do proxecto e por demostrar os seus coñecementos adquiridos do traballo de investigación ante os seus compañeiros. Os alumnos non só saben máis sobre a ciberseguridade e o uso do móbil, por exemplo, senón que se decataron de que o traballo en grupo e o intercambio de ideas ou experiencias son moi importantes á hora de ver a realidade que nos rodea desde unha perspectiva máis ampla. Agora xa coñecen como usan os dispositivos móbiles os seus compañeiros europeos e que teñen a capacidade de intervir en conflitos e saber como se poden solucionar. Convertéronse en “alumnos titores” cuxa misión é axudar os demais a usar as TIC de xeito responsable, denunciar os abusos e saber reaccionar a tempo ante un posible problema. É o labor dos profesores que participaron neste proxecto facer que ‘Better Internet tan Sorry‘ se converta nun proxecto sostible que inspire máis persoal e se impliquen de xeito activo en facer o noso instituto un lugar máis seguro para todos.

Que impacto tivo este proxecto/actividades (ou a temática do proxecto, ou algunha actividade en concreto) no claustro? Hai unha maior sensibilización cara ao comportamento na rede? Tómanse máis precaucións, de que tipo? Corríxense malas actuacións? Establecéronse protocolos novos? Cambiou a disposición do mobiliario da aula de informática, p.ex.?

O impacto do proxecto tamén se pode medir no claustro de profesores aínda que será este ano cando de verdade poidamos avaliar se todo o material que realizamos é útil. Como xa dixemos, un dos nosos logros como equipo transnacional é a publicación dun Regulamento de uso aceptable do persoal, un conxunto de normas que cada docente ten que comprometerse a seguir para lograr un uso aceptable das TIC e garantir así un ámbito seguro de traballo e ensino. O Plan de Seguridade Dixital, que cada centro elaborou segundo as súas circunstancias e características, quedará integrado na documentación de funcionamento do centro e axudará tanto á integración das TIC no plan xeral anual coma no plan de acción titorial.

 

certificado de seguridad digital

Coa recepción do certificado de seguridade de prata por parte de www.eusafetylabel.eu o noso centro débese comprometer a manter certos estándares en consonancia coa categoría que esta plataforma nos outorgou, e puxemos como obxectivo para o presente ano seguir co noso labor en canto a ciberseguridade e cidadanía dixital para conseguir a seguinte categoría e termos así un recoñecemento ao noso esforzo e traballo.

Francisco Miguel García

IES SAN JOSÉ (Villanueva de la Serena, Badaxoz)

 

Ciudadanía digital y uso de medios digitales en educación

Ciudadanía digital y uso de medios digitales en educación

Talleres de desenvolvemento

Este elemento non está dispoñible no idioma solicitada. Desculpe. For the sake of viewer convenience, the content is shown below in the alternative language. You may click the link to switch the active language.

Durante los días 1, 2 y 3 de abril de 2016 ha tenido lugar en la ciudad de Chasseneuil du Poitou (Francia) un evento formativo eTwinning dedicado a la ciudadanía digital y uso de medios digitales en educación (Digital Citizenship and Media Education). Continuar leyendo