MAVEN. Premios Nacionais eTwinning 2016

MAVEN. Premios Nacionais eTwinning 2016

MAVEN é un proxecto que promove a aprendizaxe das matemáticas e o inglés dunha forma amena utilizando xogos, creacións de acrósticos, vídeos, relacionando as matemáticas coa xeografía e realizando un calendario con datas de nacemento de matemáticos célebres. Está dirixido a alumnos entre 12 e 15 anos, e participan centros de Letonia, Estonia, Romanía, Polonia, Bélxica, Eslovenia, Bulgaria, República Checa e España. A través de videoconferencias cos socios resólvense diversas cuestións matemáticas. Utilízase como fío condutor unhas mascotas de proxecto que van viaxando aos países socios levando sorpresas como códigos QR, encrucillados, cuestionarios, etc. Cada mes, destácase o traballo dos alumnos que participaron de forma máis activa tanto na área de matemáticas coma na de inglés.

Percíbese unha boa comunicación entre os socios e destacamos unha acertada planificación e distribución de tarefas que van rotando durante o desenvolvemento do proxecto.

Acceso ao TwinSpace do proxecto:

http://new-twinspace.etwinning.net/c/portal/layout?p_l_id=34601361

 O docente Lorenzo Castilla Mora, coordinador do proxecto no IES Diego de Guzmán y Quesada (Huelva) descríbenos os aspectos clave no desenvolvemento do proxecto así como os seus beneficios para o centro e mais os alumnos participantes.

O proxecto. Obxectivos

MAVEN é un proxecto para fomentar a aprendizaxe das matemáticas en inglés a través de videoconferencias, xogos e actividades variadas. Á vez trabállanse transversalmente outros temas do currículo: xeografía, plástica e visual ou TIC usando a metodoloxía CLIL. Coordinado por Alesja Spihala (Letonia) e Tatjana Amerhanova (Estonia) participaron nel nove centros doutros tantos países -Bélxica, Bulgaria, Eslovenia, España, Estonia, Letonia, Polonia, República Checa e Romanía-, doce profesores e máis de cen alumnos de entre 12 e 15 anos.

 

 

Paises y centros MAVEN

Ilustración 2: Países e centros que participan no proxecto MAVEN (http://www.tripline.net/trip/MAVEN_project_-_partners1-5643125271161007B549B9E5410B18E7)

Os obxectivos do proxecto foron varios. En primeiro lugar, preténdese motivar os estudantes para que aprendan matemáticas en inglés con metodoloxía CLIL, o que implica que desenvolvan destrezas de varias disciplinas: inglés, matemáticas e informática. En segundo lugar, mellorar as habilidades de colaboración, comunicativas e as relacionadas coas novas tecnoloxías, non só de alumnos senón tamén de profesores. Finalmente, o proxecto serviu de plataforma para crear e/ou compartir recursos e materiais.

Desenvolvemento do proxecto

O proxecto comezou coa actividade “Getting to Know Each Other na que se presentaron os diferentes centros e países así como os alumnos individualmente a través dun poema matemático.

 

Glogster_MAVEN

Ilustración 3: Glogster de presentación de España. (http://lorenzocastilla.edu.glogster.com/spanish-team/)

Unha vez presentados, os alumnos crearon uns heroes do proxecto que tras as votacións resultaron ser un experto en inglés -Mr. Quick- e outro matemático -Calculator. Concretamente, Calculator foi realizado polos nenos españois. Estes heroes foron enviados por correo postal dun centro a outro coas mensaxes matemáticas secretas (códigos QR, encrucillados, cuestionarios…) que cada centro prepara para o centro receptor. Unha vez no seu destino organízase no centro unha competición matemática para resolver os segredos que trae o heroe e obter os premios que o acompañan.

 [youtube]https://youtu.be/oMQyod6jPoU[/youtube]

Ilustración 4: Chegada de Mr. Quick a España coas tarefas matemáticas e os regalos para os ganadores.

Unha vez ao mes os alumnos escriben un capítulo do libro The legend of MAVEN’s adventures  cuxos protagonistas son os nosos heroes. Nel nárranse aventuras dos heroes polos distintos continentes incluíndo problemas matemáticos, xeroglíficos, etc. Ao final de cada mes, os centros soben ao BoomWriter o seu capítulo e realízase unha votación sen coñecer o autor dos relatos a través desta aplicación. O máis votado é o capítulo definitivo do libro. No caso de España, os capítulos escritos foron os máis votados varios meses.

Ao longo do proxecto houbo outras actividades como é o caso dos vídeos titoriais. As actividades de cada mes están relacionadas cun tema do currículo de matemáticas e un continente. Con ese tema escribíronse os capítulos do libro, debuxáronse ilustracións, organizáronse leccións en videoconferencias entre socios, creado marcapáxinas, calendarios matemáticos, vídeos titoriais, mapas mentais con Pooplet, etc.

 

ThingLink_MAVEN

Ilustración 5: Lección a través de Skype (https://www.thinglink.com/scene/589483141165481984)

Para mostrar as relacións entre a vida real e as matemáticas hai un recuncho “Matemáticas e Inglés en vacacións” onde se mostran celebracións “matematicamente”.

Ademais, nese empeño de motivar os estudantes, o máis activo do proxecto aparece no Hall da Fama cada mes.

 

Resultados

 

O resultado máis interesante do proxecto é o interese que espertou nos alumnos por participar en actividades de matemáticas e poder traballar a materia desde unha perspectiva diferente e cunha metodoloxía máis acorde cos tempos que vivimos. Isto provocou un aumento da motivación dos alumnos tanto polas matemáticas coma polo inglés e a interconexión destas materias con outras como xeografía ou informática. Así mesmo, os profesores tamén conseguiron importantes progresos na forma de usar a metodoloxía CLIL. Os avances no uso das TIC, tanto no alumnado coma no profesorado, foron grandes xa que o seu uso foi continuado no proxecto:

  • Aplicacións ofimáticas para realizar documentos, convertelos a PDF, etc.
  • BoomWriter, para subir os capítulos do libro e votar sen saber a quen corresponde o capítulo.
  • Skype e proxector ou taboleiro dixital para as videoconferencias.
  • Kizoa, para facer presentacións de vídeo ou fotografías.
  • Popplet, para realizar mapas conceptuais.
  • Programas de debuxo (Paint, OpenofficeDraw…).
  • Aplicacións en liña para deseño e presentacións (textspace.net/dynamic_glitter_text/, www.glitterfy.com/animoto.com/www.thinglink.com/…)
  • Google map, para situar xeograficamente os centros participantes.
  • Surveymonkey, para as enquisas de avaliación.
  • Aplicacións para encriptar e desencriptar información en código QR.

 

En canto aos resultados tanxibles, o máis destacado é un libro coas historias vividas polos heroes nos diferentes continentes que contén interesantes retos matemáticos e historias que mesturan as matemáticas con outras disciplinas. Pero non foi este o único resultado físico do proxecto pois tamén se crearon cuestionarios sobre conceptos matemáticos, cuestionarios para traballar as matemáticas en inglés, marcapáxinas con información matemática, titoriais sobre algúns temas traballados, un calendario matemático, … Todo este material é susceptible de ser usado no futuro tanto polos participantes no proxecto coma polo resto da comunidade educativa.

 

Ilustración 6: Libro cos retos matemáticos e as historias dos heroes polo mundo. (https://issuu.com/alesja.shapkova/docs/book_maven_adventure?e=14846280/13058025)

Ilustración 7: Vídeo sobre coordenadas no plano (https://www.youtube.com/watch?v=ojQ51QMzlYw)

Implicación do alumnado

O alumnado que participou no proxecto implicouse bastante. Como mostra, hai que salientar o traballo que fixeron fóra da aula como a gravación dalgún vídeo, a preparación de actividades para as sesións de Skype ou a creación dos heroes con diferentes materiais. Tampouco tiveron problema en facer pequenos traballos de investigación sobre os temas propostos cada mes para escribir o capítulo do libro.

Beneficios para o centro

No noso caso a participación neste proxecto tivo moitas vantaxes. Somos un centro bilingüe de inglés e eu impártolle ao grupo de alumnos que participa no proxecto as matemáticas en inglés. Así que foi unha experiencia moi positiva para os meus alumnos. Non só para o grupo que participou no proxecto senón tamén para o resto do grupo de 2º da ESO ao que pertencen. Por poñermos un exemplo, durante as videoconferencias participa toda a clase como parte do seu ensino de matemáticas en inglés. Os alumnos ven a necesidade e mais a utilidade de aprender inglés e matemáticas en inglés para interactuar con persoas doutros lugares.

Este proxecto tamén serviu para que outros profesores do centro se animen a levar a cabo un proxecto eTwinning con centros doutros países cos que se fan intercambios e colaborar dunha forma máis estreita.

Acertos, erros e dificultades

O balance global do proxecto ten máis acertos ca erros. Foi acertada a elección dos materiais, a secuenciación das actividades do proxecto, o uso dun gran número de ferramentas TIC ou a toma de contacto con outros centros en vivo a través de Skype. Pero isto non quere dicir que todo saíra a pedir de boca. Por exemplo, hai que recoñecer que o elevado número de países participantes fai difícil a coordinación, a repartición de tarefas ou o tempo necesario para consensuar as decisións. Tampouco beneficiou que os profesores non coñecésemos a forma de traballar dos demais pois, en certos momentos, houbo pequenas discrepancias no esforzo que cada un estaba disposto a facer.

Por outro lado, foi difícil pilotar un grupo de alumnos de tan curta idade que descoñecía por completo o que supoñía estar nun proxecto deste tipo e as súas esixencias.

Con todo, como xa se dixo, o balance é positivo e sen dúbida pagou a pena levar a cabo este proxecto.

Recoñecemento persoal

Desde o meu punto de vista, os recoñecementos son sempre benvidos pois animan a seguir traballando. En concreto, os recoñecementos con este proxecto -selo de calidade nacional, selo de calidade europeo, finalista nos premios europeos e ganador dun premio nacional- supúxome unha gran satisfacción, máis aínda sendo este o meu primeiro proxecto eTwinning. Isto comprace a calquera profesional pois é o recoñecemento a un traballo feito con ilusión e coas satisfaccións que produce ver os teus alumnos entusiasmados por aprender.

 

 

 

 

 

 

 

Comparte esta noticiaTweet about this on Twitter
Twitter
Share on Facebook
Facebook
Share on LinkedIn
Linkedin
Premios eTwinning 2015
Reglamento de protección de datos (información básica)

En cumplimiento de la normativa de protección de datos personales, le informamos de que sus datos serán incorporados al tratamiento denominado “eTwinning participación”, cuya finalidad es la participación en el proyecto de colaboración europeo eTwinning.

Puede usted ejercitar los derechos de acceso, rectificación, oposición, supresión (“derecho al olvido”), limitación de tratamiento y portabilidad y a no ser objeto de decisiones individuales automatizadas que sean de aplicación de acuerdo a la base jurídica del tratamiento. Podrá hacerlo en la sede electrónica del ministerio (http://www.educacionyfp.gob.es/servicios-al-ciudadano-mecd/catalogo/educacion/varios/proteccion-datos.html), presencialmente en las oficinas de registro o por correo postal.

Al rellenar y enviar este formulario usted concede su consentimiento inequívoco para el almacenamiento de sus datos en nuestros ficheros tal y como se especifica en nuestras normas de privacidad.

Dejar un comentario

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *