Premios eTwinning

content-image.php

Proxecto Origami. CEIP Les Arenes

Proxecto Origami. CEIP Les Arenes

O proxecto Origami do CEIP Les Arenes (Valencia) resultou gañador do Premio Nacional eTwinning 2017, na categoría de idade 0-11 anos, para proxectos desenvoltos durante o curso escolar 2015/2016.

O pasado día 9 deste mes de maio tivemos a oportunidade de visitar o CEIP Les Arenes, un centro en Valencia cunha importante traxectoria en eTwinning. A representante eTwinning da Comunidade Valenciana, Ana Furio, acompañounos na visita e tamén contamos coa directora do centro, que nos ensinou as instalacións e nos falou sobre o barrio no que está ubicado e o contexto do centro. Tras un percorrido polas amplas instalacións do CEIP Les Arenes, visitamos a aula da coordinadora dos proxectos eTwinning realizados no centro durante os últimos anos, Mª José García Ruano, que tamén  resultou gañadora na última convocatoria dos Premios Nacionais eTwinning co seu proxecto Origami.

Ó entrar á aula de María José, os seus alumnos recíbennos ilusionados e con gañas de contarnos todo o que fan en eTwinning. Sacaron os materiais do seu proxecto Origami do baúl dos proxectos, para decorar á aula e amosárnola tal e como a tiñan durante o proxecto o curso pasado.

 

Alumnos del proyecto Origami

 

 

 

 

 

 

 

 

 

Preguntámoslle a Mª José por Origami e dinos que “é un proxecto eTwinning que realizamos cos nosos socios ucranianos da escola Oleksandriaschool № 9 durante o curso escolar 2015-2016. Nese momento os  meus alumnos estaban en 3º de Primaria e tiñan entre 9 e 10 anos. Para empezar, partimos dos problemas detectados nos nosos alumnos a nivel emocional e do interese por parte do profesorado de saber xestionar esas emocións para obter mellores resultados, tanto académicos como de convivencia nas nosas aulas. Ese foi o noso obxectivo, traballar as emocións cos nosos alumnos, compartindo experiencias cos nosos socios, para o que primeiro nos presentamos e situamos os nosos centros. Xa sabes, é importante coñecerse para abordar as emocións”.  

O punto de partida do proxecto é o vídeo de “Origami”, unha excelente curta de pouco máis de 8 minutos acerca dun adolescente e o seu avó e da súa conexión coas emocións a través dos origamis. A partir de aí, realizaron actividades diversas, como a árbore das emocións, pero a actividade estrela do proxecto tivo que ver coa gamificación e consistiu na creación do xogo das emocións. Mª José cóntanos que o xogo “creámolo as profesoras do proxecto eTwinning de Ucrania e España a través da ferramenta de traballo colaborativo Genial.ly. Contamos cos alumnos desde o principio para que o xogo fora o resultado de todos. Os nosos alumnos encargáronse de facer moitas das probas do xogo, titoriais, elección de imaxes, cuestionarios, e debuxos. O xogo consiste nun tableiro colaborativo creado arredor  das emocións básicas (alegría, tristura, sorpresa e enfado) e para xogalo creamos dous equipos de alumnos de nacionalidade mixta: o equipo da Alegría e o equipo da Tristura”.

 

 

 

 

 

Ademais do xogo colaborativo, outro dos obxectivos era traballar a competencia en comunicación lingüística coa creación dun libro das emocións. Para iniciar o libro, empezaron implicando ás familias e realizaron unha animación lectora dirixida pola nai dun dos alumnos en torno a un conto no cal o medo é o protagonista. O conto foi “Encender la Noche” de RayBradbury da editorial Kókinos, que deu pé a preguntar ós alumnos “E ti, ¿a que tes medo?”, título do libro que crearon despois para contarnos as cousas que lles dan medo, e traballar esta emoción.

Durante a visita á aula, os alumnos, que agora están rematando 4º de Primaria, mostráronnos todas as actividades do proxecto a través do TwinSpace de Origami. María José cóntanos que o proxecto foi moi positivo para os alumnos e que non lle cabe dúbida de que mellorou ostensiblemente a convivencia na aula e os resultados académicos melloraron. Destaca especialmente a implicación dos alumnos nas actividades de ensino – aprendizaxe, incluso aqueles que mostraban menor motivación. Ademais, o proxecto tamén se integrou en dúas actividades do centro, o carnaval das emocións e a Semana cultural do centro.

¡¡Noraboa ós alumnos e ó equipo docente do CEIP Les Arenes por facer posible estas experiencias eTwinning!!

Fonte da imaxe de cabeceira: Pixabay. Liciencia CCO PublicDomain

  • Video Origami: animación creada por ESMA Movies, Joanne Smithies, Eric De Melo Bueno, Michael Moreno, Hugo BaillyDesmarchelier e Camille Turon.