AIMS (Alternatives for Innovative Math Study)

Proxectos destacados

Título do proxecto: AIMS (Alternatives for Innovative Math Study)

Coordinadora do proxecto: Valentina Cuadrado Marcos

Centro: IES Alonso de Madrigal (Castela e León)

Categoría de idade: de 12 a 15 anos

 

 

 

 

AIMS é un proxecto eTwinning-Comenius cuxo obxectivo fundamental é motivar os alumnos no estudo das matemáticas investigando sobre intelixencias múltiples (MI) de Howard Gardner. O proxecto está deseñado para traballar na sección bilingüe de inglés do centro escolar a través dunha metodoloxía AICLE na que se integra a área de matemáticas.

Destacamos o intenso traballo desenvolvido polos alumnos e mais os docentes no proxecto que resulta nun extenso catálogo de produtos finais que se presentan, a orixinalidade e diversidade das actividades e os diferentes formatos e soportes usados. Tamén subliñamos a creatividade desenvolvida polos alumnos na resolución de problemas, a creación de poemas, a estética das presentacións, as representacións teatrais, as revistas, a produción plástica, etc.

Dámoslle a palabra a Valentina Cuadrado Marcos, coordinadora do proxecto no IES Alonso de Madrigal (Ávila) para que sexa ela a que nos conte como foi o desenvolvemento deste proxecto e o impacto que tivo no seu centro escolar.

AIMS é un eTwinning-Comenius levado a cabo por 7 centros de secundaria: Romanía, centro coordinador, Francia, Holanda, Italia, Polonia, Grecia e España. Non é a primeira vez que os equipos de profesores traballan xuntos, o que supón un valor positivo para o proxecto en canto ao nivel de esixencia e compromiso.

 

partners_AIMS

A pesar de que aínda non rematou xa xerou numerosos produtos finais e unha gran variedade de actividades que se atopan noTwin Space.

Descrición, obxectivos, resultados e implicación

AIMS, tal e como o seu título indica, traballa na busca de alternativas innovadoras para o estudo das matemáticas explorando a teoría sobre intelixencias múltiples de Howard Gardner co fin de descubrir e desenvolver os intereses, necesidades e habilidades particulares dos estudantes.

Neste sentido o equipo de profesores diferencia e adapta o seu sistema metodolóxico a estas particularidades.

 

flower_AIMS

O obxectivo principal do proxecto é aumentar a motivación e mais o interese polo estudo das matemáticas entre os participantes, especialmente entre aqueles cuxos resultados están por debaixo da media.

[youtube]https://www.youtube.com/watch?v=7l6Cpr9PynU#action=share[/youtube]

Por outra parte, trátase de estimular a curiosidade e o espírito investigador dos participantes conectando as matemáticas coa vida real, traballando colaborativamente en equipos transnacionais e utilizando unha gran variedade de ferramentas TIC. Búscase promover a autonomía e as habilidades de aprendizaxe independentes, co que se xera un clima de autoestima entre os estudantes.

Os acertos principais fundaméntanse no deseño de actividades específicas para cada unha das intelixencias e na distribución de tarefas entre os centros asociados.

Todos os centros realizan actividades para cada unha das intelixencias, tales como encrucillados, crebacabezas, vídeos, cancións, buscas do tesouro, mapas conceptuais, flipped lessons, gráficas, fotografías con elementos de matemáticas, etc.

Por outra banda, cada centro asume unha tarefa central dentro do proxecto.

España encárgase da creación dun DVD que forma parte dun Kit ou Guía para Profesores, onde se inclúe unha selección das actividades que desde o punto de vista dos resultados e da metodoloxía son consideradas máis útiles para cada intelixencia. Este material está publicado no blog.

 

blog_AIMS

A maior dificultade do proxecto vén dada pola gran variedade de subtemas que traballa, xa que cada unha das intelixencias require un tratamento diferente. Dada a diversificación de actividades non é fácil que todas elas teñan o mesmo nivel de aceptación e participación entre os participantes, aínda que se constata que tal como Gardner propón atender os distintos tipos de intelixencia favorece a aprendizaxe. Esta posibilidade de diferenciar sistemas serve para superar os obstáculos.

O nivel de implicación e participación activa entre os participantes, tanto estudantes coma profesores, é moi positivo. Trabállase nos obradoiros de inglés da sección bilingüe de inglés, en clases de matemáticas e tecnoloxía impartidas en inglés. Por iso os resultados non só son positivos en matemáticas senón tamén en inglés.

 

O carácter multidisciplinar do proxecto supón un incremento das colaboracións entre os departamentos implicados directamente como con outros que son colaboradores necesarios. Por exemplo o departamento de Lingua e Literatura desde o obradoiro de Publicidade e o departamento de Debuxo.

 

museo_di_metaponto_AIMS

Por outra parte mellora as relacións académicas e sociais entre os participantes xa que se traballa en tres cursos da sección bilingüe, poñéndose en valor a metodoloxía CLIL. Finalmente, pero non menos importante, a participación no proxecto achégalle riqueza e visibilidade ao centro.

 

Os materiais elaborados no Kit do produto final Guía para Profesores co seu DVD, publicados no blog xunto cos que se mostran no TS poden ser adaptados para a súa utilización por outros centros. Ademais, ao subilos tamén ao portal de EST teñen un uso máis xeneralizado.

Recoñecemento persoal

No ámbito profesional, o recoñecemento do traballado realizado no proxecto AIMS con este Premio Nacional 2015 é para min moi entrañable, especialmente neste ano no que eTwinning cumpre 10 anos.

Levo traballando en eTwinning desde que naceu e xa noutra ocasión mencionei que a viraxe que estaba a dar a miña carreira docente supoñía un éxito na miña busca de novas metodoloxías.

Por outra parte e dado que AIMS é un traballo de matemáticas supuxo para min, profesora de inglés, un gran reto. Só superado co traballo colaborativo de todos os meus compañeiros e estudantes do IES Alonso de Madrigal e dos profesores dos centros asociados, especialmente da coordinadora Comenius Irina Vasilescu.

 

ICMAT_AIMS

O noso centro xa conseguiu varios premios nacionais e un europeo, dos cales me sinto moi orgullosa. Con todo, este Premio Nacional 2015 ten un valor especial xa que se me concede o ano no que dou por rematada a miña carreira docente.

Moitas grazas polo apoio e mais as oportunidades.

 

 

Fonte das imaxees: TwinSpace e blog do proxecto.

Planificación de un proyecto eTwinning con Google Docs

Planificación de un proyecto eTwinning con Google Docs

Ferramentas TIC

A planificación dun proxecto eTwinning é un dos aspectos básicos nas primeiras etapas de traballo co socio e determina en boa parte o éxito na coordinación e resultados do proxecto. Juan F. Peñas Viso, Embaixador eTwinning e docente de Primaria no CPEIP San Babil (Navarra) cóntanos cómo abordar esta fase de proxecto usando Google docs.
Continuar leyendo

Coido o meu medio

Proxectos destacados

Título do proxecto: Coido o meu medio

Coordinador do proxecto: Juan F. Penas Viso

Centro: CEIP San Babil (Ablitas, Navarra)

Categoría de idade: 4 a 11 anos

Enlaces aos materiais do proxecto:TwinSpace do proxecto

 

 

 

“Coido o meu medio” é un proxecto eTwinning que pretende analizar a conduta dos alumnos e das súas familias con respecto ao seu medio, e reflexionar sobre as medidas que cada un pode tomar para mellorar o medio natural. As actividades propostas contribuíron á reflexión, a crítica e a toma de conciencia dos alumnos con respecto ao medio natural. Juan F. Penas Viso, coordinador do proxecto no CEIP San Babil relátanos aspectos do desenvolvemento do proxecto.

O proxecto eTwinning “Coido o meu medio” tiña a finalidade de analizar a conduta do alumnado e das súas familias con respecto ao seu medio e reflexionar sobre as medidas que cada un pode tomar para mellorar o medio natural.

A través da enquisa inicial e final puidéronse coñecer as diferentes maneiras en que o alumnado dos distintos centros se relacionaba co seu medio, así como os cambios que tiveron lugar nos seus comportamentos despois do desenvolvemento do proxecto. Coas “Propostas de mellora” derivadas da enquisa inicial, o alumnado empezou a incrementar a responsabilidade cívica que se viu potenciada coas actividades realizadas nas fases “Predica co exemplo”, “A túa voz é a túa forza” e “Comunicando”, onde se traballou colaborativamente e se compartiron as ideas para mellorar o medio natural partindo da  nosa contorna, utilizando o español como lingua común do proxecto o que nos permitiu traballar a competencia lingüística en cada un dos países segundo as necesidades de cada un.

A maior dificultade do proxecto foi atopar tempo común para poder realizar videoconferencias con todos os grupos participantes. Isto supliuse coa participación en diferentes foros e nalgunha “quedada” no chío do Twinspace. Os distintos calendarios escolares tamén nos ocasionaron un maior traballo de coordinación que, aínda que as actividades se planificaran con flexibilidade no tempo, algúns centros remataron as clases antes de finalizar a última parte do proxecto. O feito de sermos cinco países participantes permitiu que a ausencia temporal dalgún deles non minguase o desenvolvemento do proxecto.

A participación do alumnado e profesorado integrantes do proxecto foi moi satisfactoria. Dado que o profesorado dos demais países ensinaba español, non contaron con outros compañeiros dos seus centros. No meu caso, o proxecto integrouse na área de educación para a cidadanía que impartía en dous grupos do meu colexio, polo que tampouco foi necesaria a participación doutros docentes.  Si que se tratou de implicar as familias do alumnado a través deles mesmos, colaborando nas respostas dalgunhas preguntas da enquisa e axudando na realización dalgunhas actividades. Gustaríanos ter implicado máis o concello da localidade ou outras entidades, pero o tempo co que contabamos para o desenvolvemento do proxecto non nos permitiu facer máis. Iso si, unha vez rematado o proxecto, fíxose unha xornada de difusión para o alumnado e mais o profesorado do colexio nunha sesión e para as familias, ex-alumnos e público en xeral noutra.

 

predica_ejemplo_cuido_mi_entorno

Non sendo a primeira vez que no meu centro hai un premio nacional por un proxecto eTwinning, o feito de compartilo nunha xornada de difusión previamente permitiu entender mellor o recoñecemento do traballo realizado e viuse incrementado o sentimento de satisfacción de pertenza á nosa comunidade escolar, dado que, novamente, o CP “San Babil” de Ablitas (Navarra) está nos medios de comunicación por un premio nacional eTwinning.

Mais o maior resultado e beneficio segue sendo a motivación do alumnado coa participación nun proxecto eTwinning. Como mestre, permitiume mellorar as estratexias metodolóxicas tendo en conta as achegas das miñas socias, e fíxome ser máis creativo á hora de propoñer tarefas para un alumnado con diferentes idades e etapas educativas. Para os meus alumnos, o feito de realizaren un proxecto con compañeiros doutros países facilitoulles a concepción de cidadán europeo e fíxolles ver as cousas desde outras perspectivas, desde outros ámbitos cuns puntos en común e outros diferentes.

 

DIFUSION-CUIDO-MI-ENTORNO-Cartel

Os materiais elaborados (textos, fotografías, vídeos, slogans, cómics…) fóronnos útiles para darmos a coñecer o traballo realizado na xornada de difusión do proxecto e, sobre todo, para potenciar no alumnado participante (e no presente na difusión) un cambio de comportamento a mellor no coidado do noso contorno máis próximo.

Como comentei antes, non é o meu primeiro premio nacional, pero é o que máis satisfacción e alegría me deu polo feito de ser elixido entre numerosos proxectos con selo de calidade, desenvolvidos todos eles por profesores moi competentes que incrementan aínda máis o valor deste premio. Sen dúbida, este recoñecemento dáme maior impulso e ilusión para seguir desenvolvendo máis proxectos eTwinning co meu alumnado e con outros profesores do centro e, ademais, vaime axudar a seguir difundindo eTwinning como embaixador que son.

 

Jornada_Difusion_-_Cuido_mi_entorno

Fonte imaxes: TwinSpace do proxecto Coido o meu medio

 

Booky’s Books for you

Proxectos destacados

Título do proxecto: Booky’s Books for you

Coordinadora do proxecto: Maite Elejalde

Centro: CEP Virgen de la Guía (Portugalete-Biscaia)

Categoría de idade: 4 a 11 anos.

Enlaces aos materiais do proxecto:TwinSpace do proxecto.

 

 

 

Booky’s Books for you é un proxecto de animación á lectura para alumnos de primaria de 10 a 12 anos. O proxecto persegue o desenvolvemento de competencias lingüísticas e o fomento do traballo colaborativo en liña. Espertar no alumnado o interese polo seu propio proceso de aprendizaxe, por descubrir outras realidades do ámbito europeo e desenvolver plenamente as súas capacidades creativas, o pensamento crítico e o uso de medios dixitais como soporte para a comunicación e presentación de materiais. Este proxecto foi elixido proxecto destacado do mes de marzo de 2014, incluímosvos os enlace.

A coordinadora do proxecto no centro socio español, Maite Elejalde, descríbenos o desenvolvemento do proxecto.

Cando empezamos a esbozar o proxecto, a idea principal era que o alumnado de 5º e 6º cos que iamos traballar escribisen libros para os seus compañeiros de cursos inferiores. Como profesoras de inglés (Anna, a miña compañeira polaca, tamén é profesora de inglés) pensamos que a actividade sería interesante, xa que normalmente non hai libros de lectura en inglés para os máis pequenos. Por iso decidimos empezar por aí, con libros de vocabulario básico que puidese ler o alumnado de 1º e 2º de primaria, que se inicia na lectura. Para o segundo ciclo realizaríanse cómics, e para o terceiro ciclo narracións e unha obra de teatro. Desta forma veriamos distintos tipos de textos ao longo do curso, esta vez en inglés, e non só en castelán, éuscaro ou polaco, que é ao que os alumnos estaban habituados.

O primeiro paso para empezar a traballar foi comparar os currículos dos dous colexios para ver que tiñan en común e traballar sobre iso. Puidéronse decatar de que non eran tan diferentes. Unha vez decididos os temas empezaron a traballar en temas básicos de 1º e 2º de primaria como as cores, os números, a casa, o colexio, … Estas primeiras actividades realizáronas coa ferramenta Drawitlive que permite o debuxo colaborativo.

 

bookysbooks_historias_paddlet_2015

Os cómics realizáronse con ToonDoo e as narracións con Padlet. Finalmente, o teatro escribírono en Titanpad. Gravamos con Audacity, Voicethread, os vídeos subíronse con Youtube, Vimeo e fixéronse libros con ISSUU e Calameo. Todas as actividades realizáronse en grupos internacionais xa que un dos obxectivos principais do proxecto era que aprendesen a traballar en equipo, colaborando uns con outros e, que mellor que facelo con nen@s doutro país.

Enlace ao voicethread ganador:

[youtube]https://youtu.be/m-5gvo9I8zc[/youtube]

Enlace ao vídeo coas historias realizadas en Paddlet.

Ademais de melloraren o inglés, o obxectivo principal era que o traballo que ían realizar puidese ser utilizado por outros estudantes. Non hai mellor recompensa que ver que o traballo que realizas se utiliza. Non é algo que queda na túa carpeta ou no Twinspace. Todo o alumnado do colexio puido gozar do seu traballo. @s alumn@s de 1º e 2º recibiron entusiasmados o traballo dos seus compañeiros, así como os do segundo ciclo recibiron os cómics. En primeiro había un irmán pequeno dos autores, e con que orgullo dicía “isto fíxoo o meu irmán”. Todo o alumnado puido gozar do teatro, así como o profesorado e os pais do colexio, xa que se mostrou na semana cultural.

bookysbooks_leyendo_comics_2015

Por todo iso, teño que dicir que os obxectivos do proxecto se cumpriron na súa totalidade non só os xa mencionados senón todos os demais (avanzar no uso do ordenador, decatarse do que eles e os demais aprenden, desenvolver o espírito crítico e de autonomía, respectar os demais…). E, a dicir verdade, mellor aínda do esperado. Cando empezas un proxecto eTwinning, aínda que a ti che pareza un bo proxecto, quizais non enganche o alumnado. Neste caso non sucedeu xa que eles foron os verdadeiros deseñadores de todas as actividades, tiveron liberdade de actuación. O grupo que tomou parte non era novo en eTwinning e poida que iso tamén axudase, xa que sabían como había que traballar. Aínda que non sempre é fácil facelo e aceptar as opinións e o traballo realizado por outros. Un día enfadáronse un pouco porque os polacos lles borraran un dos debuxos. Pero para iso está o traballo colaborativo, para aprender a aceptar as opinións dos demais e non sempre impoñer a propia.

O mellor é que o proxecto non se esqueceu. Este curso seguimos usando os materiais creados o ano pasado. O proxecto segue vivo e os autores ven que o seu traballo segue sendo útil e iso dálles máis azos para seguir traballando con motivación, o cal non sempre é fácil.

Non hai que esquecer que nós, as profesoras, tamén aprendemos moito. Non só nos poñemos ao día con novas ferramentas TIC, practicamos o inglés e aprendemos como traballan noutros países, senón que tamén aprendemos a traballar en equipo (algo que quizais nos custa máis ca ao propio alumnado) e a facelo dunha forma máis atractiva, xa que os proxectos eTwinning non son un capítulo separado do noso currículo, senón que están integrados nel.

 

videoconferencia_bookys_books_2015

Os resultados das enquisas finais foron moi positivos. O 98% participaría de novo nun proxecto. @s alumn@s cualificaron o proxecto como “divertido, interesante, que axuda a traballar en grupo e mellora a creatividade”

Carmen opina que: “Gústame moito eTwinning. É como xogar pero ao mesmo tempo aprender. É moi divertido. Aprendemos a colaborar, a divertirnos, usar os ordenadores, sobre outras culturas e inglés “.

En palabras de Alejandro “eTwinning é aprender, compartir e diversión. É mellor aprender con eTwinning ca cun libro. Recoméndovos que participedes nun proxecto”.

Shengkang é da mesma opinión: “Aprendemos máis inglés. É divertido e aprendemos cousas doutros países e culturas”.

Recibir o premio foi o colofón a todo este traballo tan apaixonante. Unha grande alegría. É unha gran recompensa xa que sempre é moi agradable e reconfortante recibir a aprobación dos teus compañeiros.  Cando estás metida nun proxecto non sabes se o estás a facer ben ou mal, por moito entusiasmo que poñas. O premio é unha confirmación de que vas por bo camiño, aínda que moitos van por el pero non tiveron a mesma sorte. É unha gran motivación para continuar e intentar facelo cada día mellor.

 

difusión_bookysbooks_2015

Así que se pode dicir que co proxecto tivemos un dobre premio: o premio en si e o bo traballo e a motivación do alumnado, que non é pouco.

Outros enlaces ao proxecto:

 

Pinterest: http://www.pinterest.com/bookysbooks/bookys-books-for-you/

 

Fonte das imaxes: Actividades do proxecto Booky’s Books.

 

 

 

Cyberdiscovery

Proxectos destacados

Cyberdiscovery

26

xaneiro

2015  |

Título do proxecto: Cyberdiscovery

Coordinadora do proxecto: María del Carmen Rodríguez

Centro: IES Viera y Clavijo

Categoría de idade: 12 a 15 anos

Enlace aos materiais do proxecto: Blog do proxecto

TwinSpace

 

 

 

 

Cyberdiscovery é un proxecto eTwinning cunha orixinal proposta no que alumnos/as dos centros escolares IES Viera y Clavijo (Tenerife), o Zespół Szkół Gimnazjum Nr 6 Szkoła Podstawowa Nr 13 w Zawierciu (Zawiercie, Polonia) e Heinrich-Böll-Gesamtschule (Oberhausen, Alemaña) centraron a súa investigación no uso de robots e a posibilidade de habitar o planeta Marte.

O proxecto destaca por un uso variado das TIC. Os alumnos investigan e experimentan coa robótica á vez que aprenden programación. Como resultado, o proxecto presenta un amplo catálogo de actividades e materiais orixinais e innovadores.

Trátase, sen dúbida, dunha enriquecedora forma de ensino-aprendizaxe na que se combina habilmente o traballo plástico, os cálculos, o uso dunha lingua estranxeira, o deseño, a actividade investigadora, e, sobre todo, o traballo en equipo.

María del Carmen Rodríguez e Martín Brandon Díaz Arvelo, os docentes participantes no IES Viera y Clavijo resúmennos como se levou a cabo todo o desenvolvemento deste proxecto.

 

 

cyberdiscovery_planetas

Obxectivos do proxecto

O alumnado de España, Polonia e Alemaña creou unha cidade virtual en Marte onde os robots coexisten e colaboran cos humanos, investigan e utilizan as tecnoloxías máis avanzadas. Como unha corporación internacional de científicos e tecnólogos utilizan o programa Deseñador Lego Digital Designer (CAD – ComputerAidedDesign) para deseñar sensores de cor, montar as pezas, comprobar a súa ensamblaxe en 3D, e ata crear o robot, dirixíndoo con teléfonos intelixentes, por medio de bluetooth ou seguindo instrucións desde Alemaña a España, a Polonia ou viceversa por skype.

Os alumnos investigaron e expuxeron os resultados en mapas conceptuais e chuvias de ideas (Brainstorming), representacións en cómics, vokis, diapositivas, pósteres, etc. Realizaron enquisas de opinión, entrevistando o resto do alumnado, pais, profesorado, astrónomos, científicos e empresarios sobre a cibernética, o uso de robots e as novas tecnoloxías, o uso de programas informáticos nas súas vidas diarias e profesións e como serían os futuros robots, o seu ideal de cidade virtual en Marte, o Universo, etc.

[youtube]https://www.youtube.com/watch?v=ZH39zAgFIfU[/youtube]

Fases do proxecto

Primeiro, enviaron un robot piloto, para explorar o planeta vermello e ver as posibilidades de asentamento e preparar o territorio para futuras misións. Por medio das matemáticas, elixiron a mellor situación para a aterraxe, crearon unha máquina do tempo e unha estación transmisor-receptor entre a Terra e Marte para transportar robots, dispositivos ou xente por un buraco de verme a unha velocidade maior ca a luz, atravesando as barreiras do espazo-tempo desde a Terra.

Paseniñamente, enviáronse outros robots e elementos necesarios para a construción dunha cidade (turbinas eólicas, guindastres, fitas transportadoras, materiais para a construción da cidade).

Posteriormente, enviaron un grupo de enxeñeiros para preparar a cidade e habitala, proporcionaron fogares con electricidade e auga e conectáronos á rede de sumidoiros.

Como empregados, participaron na construción de fábricas de produtos necesarios para a vida na cidade cósmica. Como enxeñeiros, deseñaron edificios en 3D, incluíndo invernadoiros, rúas, etc., co programa Google SketchUp 8.

Fases del proyecto cyberdiscovery

Como científicos, estudaron o clima e a atmosfera dentro e fóra dos edificios e do planeta vermello, realizando experimentos. Os nosos alumnos convertéronse nos primeiros habitantes do novo planeta. Crearon unha Constitución e elixiron a súa presidenta. O famoso cantautor tinerfeño Cristo Manuel Guerra Sánchez, e             ex-alumno do IES Viera y Clavijo, creou o himno nacional de Marte para o noso proxecto coa súa canción ‘She’s Electric‘. Creouse unha comunidade marciana que utilizaba o seu propio diñeiro, métodos innovadores para obter auga e alimentos sans, etc.

Finalmente concluíron o proxecto coa conquista doutros planetas do sistema solar e do Universo como Kepler 186f, lanzando foguetes e naves espaciais desde Marte.

En resumo, o alumnado utilizou a súa imaxinación e mais creatividade para deseñar un mundo virtual sostible e diferente á Terra.

Lego – The Lift

Metodoloxía de traballo

O tema da conquista do espazo e a colonización de Marte requiría un coñecemento da física, a astronomía, detalles do planeta e a análise dos fenómenos que ocorren alí. Para iso, entrevistaron astrónomos e científicos, estableceron debates, investigaron en fábricas e resumiron os resultados en diagramas e gráficas. A comunicación entre os socios foi intensa. Revisábase polo miúdo o material elaborado antes de publicalo. Usáronse formularios de avaliación cun deseño especial, analizáronse e estudáronse os fallos e desenvolvéronse estratexias de aprendizaxe para resolver problemas.

fotos proyecto cyberdiscovety

Beneficios para os alumnos

Os alumnos non só chegaron a coñecer os dispositivos modernos, e as futuras oportunidades que ofrecen estas marabillas tecnolóxicas, senón que tamén se enfrontaron coa necesidade de reflexionar sobre as cuestións relativas aos problemas do noso planeta e sobre nós mesmos. Tamén aprenderon a ser tolerantes, aceptando diferentes crenzas e actitudes, comprendendo mellor as regras do mundo e o seu funcionamento, aprendendo o respecto mutuo, pero ao mesmo tempo, xustificando os seus puntos de vista, e elixindo as mellores propostas dirixidas a todo o grupo.

 

Beneficios para os docentes participantes

O proxecto promoveu o desenvolvemento de metodoloxías pedagóxicas creativas e innovadoras que favoreceu o intercambio de experiencias e ideas entre os docentes participantes.

Beneficios para o centro

O proxecto serviu para mellorar a cooperación e comunicación entre as escolas asociadas e a comunidade educativa de cada centro. Destaca especialmente a colaboración entre departamentos e a participación dos pais dos alumnos. O proxecto tamén contou coa axuda de axentes externos, empresas e institucións diversas. O proxecto mellorou a convivencia escolar e facilitou a promoción e difusión do traballo que se realizou no centro escolar.

Acertos

  • A integración do proxecto no currículo escolar dos tres países participantes.
  • Experimentar coa robótica (Lego Mindstorm ev3) e deseñar programas para dispositivos móbiles proporcionándolle ao alumno a oportunidade de coñecer mellor distintos dispositivos tecnolóxicos innovadores.
  • Combinar no desenvolvemento do proxecto a dimensión humanista coas matemáticas, física e tecnoloxía.

Dificultades que xurdiron

  • Problemas técnicos no deseño e ensamblaxe de robots, localización de sensores, así como a elección do mellor modelo de teléfono intelixente para dirixilos.

Sobre o recoñecemento de premio nacional eTwinning 2015

Este premio supuxo un recoñecemento ao centro e ao noso labor profesional tanto para min coma para o meu compañeiro de tecnoloxía, Martín Brandon Díaz Arvelo, fomentando unha metodoloxía máis dinámica, interactiva e innovadora non só en inglés senón en todas as materias co uso variado das TIC e a robótica. O alumnado aprende deseñando materiais e realizando traballos orixinais. Isto anímame a traballar en máis proxectos deste tipo. O alumnado xa non reproduce o que se lle ensina, senón que investiga, experimenta, analiza, debate, resolve problemas, é autónomo, crea e goza do que está a aprender.

Promove que toda comunidade educativa e axentes externos se decaten de que a súa participación contribúe a deseñar unha escola máis moderna e futurista que vai alén das nosas fronteiras, das barreiras dos exercicios de clase e dos esquemas escolares.

O alumnado decátase de que a robótica e o uso innovador das TIC son esenciais na súa vida diaria e no seu futuro profesional, a cidade de Marte é a súa nova Europa.

Incluímosvos o simpático vídeo de peche do proxecto no que os alumnos simulan a súa saída do planeta Marte.

[youtube]https://youtu.be/IyYCKVTfe5M?list=UU4lObVyc3ut84oOZFkQMSoQ[/youtube]

Fonte das imaxes: Blog do proxecto Cyberdiscovery.