The incredible life of Marcus Poncius Europaeus. Premios nacionais eTwinning 2016

The incredible life of Marcus Poncius Europaeus. Premios nacionais eTwinning 2016

Premios eTwinning 2015

The incredible life of Marcus Poncius Europaeus é un proxecto eTwinning-Comenius no que participan centros escolares de España, Italia, Turquía, Francia, Grecia e Polonia. O obxectivo é crear a biografía dun personaxe de ficción que viaxa por Europa na época romana, pero coa particularidade de usar a linguaxe dos medios de comunicación contemporáneos. Trátase dun proxecto interdisciplinar dirixido a alumnado da etapa de ensino secundario con idades comprendidas entre os 14-18 anos.

Ángel Luis Gallego Real, docente no IES Vegas Bajas (Montijo-Badaxoz) relátanos a súa experiencia no desenvolvemento do proxecto. Ademais, coñecemos a opinión do equipo directivo do centro escolar, e a dalgúns colaboradores e alumnos participantes.

representacion_alumnos_teatro_romano

Obxectivos

En termos xerais, o noso proxecto buscou os seguintes obxectivos:

  1. Explorar novos enfoques metodolóxicos para o estudo do Inglés e do Latín, nunha constante interacción coas TIC. Para iso utilizamos a metodoloxía ABP buscando que os alumnos aprendesen dunha forma autónoma contidos significativos. Tamén intentamos que as nosas actividades se achegasen a contextos reais de comunicación, co que iso implica de mellora da competencia lingüística.
  2. Achegarse ao mundo dos medios de comunicación contemporáneos a través da súa linguaxe e da súa forma de comunicación. Para iso imitamos os formatos actuais dos medios de comunicación tales como a entrevista, o documental, a reportaxe, etc. Con iso procurabamos que os alumnos asimilasen este tipo de linguaxe.
  3. Tomar conciencia dos problemas que preocupan a Europa, como a inmigración, a solidariedade, a contaminación etc. Para iso decidimos que cada episodio se centrase nun problema específico e o desenvolvesen no argumento xeral.

Outros obxectivos que nos formulamos foron:

  1. O achegamento ao mundo Romano. Procuramos indagar na Cultura Romana, investigando os referentes latinos relacionados cos lugares onde se asentan os nosos centros; rodamos en recoñecidos sitios arqueolóxicos, como os teatros de Mérida, Catania, Templo da Concordia en Agrigento, Egnatia, etc.
  2. A utilización do método natural para aprender Latín. As actividades que fixemos achegan o ensino desta lingua ao Marco Común Europeo de Referencia para as Linguas. Adestramos os estudantes a practicar o idioma a través do uso, en referencia a novas áreas léxicas familiares para eles como a presentación, o tempo meteorolóxico, vivir en sociedade, etc. A nosa metodoloxía tivo como resultado o uso deste idioma como lingua de comunicación e indagamos no seu uso unido aos medios de comunicación social actuais.
  3. Unha nova perspectiva metodolóxica, na que a aprendizaxe vai desde a práctica cara aos contidos, do uso á gramática a través dunha metodoloxía innovadora, sobre unha adaptación de Flipped Classroom para a nosa Para iso puxemos o acento en que o alumno sexa o propio motor da súa aprendizaxe, realizando actividades colaborativas como o camiño natural para este obxectivo.
  4. Etwinning implica novas tecnoloxías e colaboración, e esa foi outra das claves que pretendiamos desenvolver no proxecto: ofrecer unha ampla gama de actividades dinámicas e divertidas e investigar no uso didáctico de moitas novas ferramentas web 2.0.

Os obxectivos cumprímolos abondo grazas ao interese crecente dos alumnos e ao permanente contacto dos profesores, no que cada un achegou o mellor de si para un proxecto común.

[youtube]https://www.youtube.com/watch?v=ZYISfVAIsJc[/youtube]

Sobre o desenvolvemento do proxecto en canto a acertos, erros, dificultades atopadas e busca de solucións.

Antes de comezarmos o proxecto, realizamos unha programación polo miúdo das actividades que iamos levar a cabo e da súa temporalización, atendendo ao calendario de curso de todos e cada un dos países participantes. Iso axudounos moito, pois sabiamos con bastante antelación cal ía ser a seguinte actividade e o tempo do que dispoñiamos para realizala.

Un dos maiores acertos foi o feito de crear as actividades dunha forma colaborativa entre os profesores. En cada actividade están recollidas todas as suxestións metodolóxicas que foron realizando uns e outros; probamos diferentes ferramentas para escoller a mellor en cada caso; axudámonos uns a outros con rodaxes, edición de vídeos, etc.

A dificultade común a todos estes proxectos é o traballo que xera para cada profesor, fóra do horario escolar. Son moitas as tardes para preparar o proxecto e desenvolvelo, moitos os momentos de rodaxe, recreos, preparación de clases comúns, realización de actividades nunha aula de novas tecnoloxías frecuentemente ocupada, etc. Témoslle que dar as grazas á dirección do centro por facilitar ao máximo todas as cuestións relacionadas coas aulas e co material, así como o seu apoio explícito para contactar con todas as institucións que puidesen axudarnos. Sen a implicación do equipo directivo non poderiamos conseguir as nosas metas.

Fake_facebook_groupimage_Marcus_Poncius

Valoración global da participación e resultados do proxecto.

O noso proxecto baséase nun proxecto Comenius, sobre o que desenvolvemos un proxecto eTwinning complementario. A participación foi crecendo, pois, desde os alumnos que participaban no proxecto ás súas clases, especialmente nas materias de Latín e Inglés. Nalgunhas actividades, como a carreira Solidaria, chegou a participar toda a comunidade educativa.

Pero volvendo a eTwinning, cremos que a participación foi excelente. Moitos alumnos atoparon na plataforma non só un xeito de aprender as nosas materias doutro modo, senón tamén unha ventá aberta a Europa, na que sempre atopou alguén o outro lado para charlar e coñecerse.

Os principais resultados son os seguintes:

-Contribución a un ensino innovador desde as nosas áreas de coñecemento.

– Achegamento dos estudantes ao mundo clásico desde unha perspectiva moderna.

– Mellora significativa das habilidades lingüísticas en Inglés e Latín falado, de acordo co plan de estudos.

– Promoción dun sentido de Europa como algo que nos une.

– Promoción do respecto polo patrimonio cultural e artístico.

– Promoción do respecto á diversidade cultural.

– Aprendizaxe dunha ampla gama de ferramentas da Web 2.0.

-Investigación no uso destas ferramentas Web 2.0 cun propósito didáctico.

Implicación do alumnado, outros departamentos, axentes educativos, outros axentes externos.

Como comentamos antes, foi un proxecto eTwinning-Comenius no que contamos coa participación de toda a comunidade educativa, con especial referencia á xunta directiva. Realizáronse actividades nas que os alumnos tiñan que implicar as súas familias; outras nas que o Departamento de Historia nos botou unha man; o Concello de Montijo e de Barbaño colaboraron estreitamente connosco; para a rodaxe do documental contamos coa axuda do Consorcio da Cidade Monumental de Mérida, o Museo Nacional de Arte Romano, Emeritae Ludus Gladiatorum (gladiadores), Ara Concordiae (grupo de Recreación), Amigos de la Villa de Torreáguila (guías), etc…

[youtube]https://www.youtube.com/watch?v=wGbNL-hhfCY[/youtube]

Beneficios para o centro, os profesores e mais o alumnado.

En termos xerais, cremos que os beneficios que reportou este proxecto foron os seguintes:

Centro escolar:

  • Sinerxías entre os centros europeos en canto aos seus métodos de ensino.
  • Fomento dunha maior gama de actividades curriculares de carácter europeo e dunha programación multidisciplinar.
  • Inclusión nos currículos da dimensión Europea, con actividades colaborativas con outros centros europeos.
  • Mellora da calidade do ensino a través dun intercambio fecundo de ideas, métodos e ferramentas.
  • Aumento do prestixio e da dimensión europea do centro.

Profesores:

  • Mellora da competencia lingüística en Inglés.
  • Introdución de novos e innovadores métodos de ensino.
  • Establecemento de contacto con outros profesores europeos cos que compartiron dinámicas e metodoloxías.
  • Potenciación do traballo interdisciplinar.
  • Fortalecemento de traballo en equipo de profesores.
  • Oportunidade de compartir didácticas en rede fóra da súa experiencia cotiá.

Alumnos:

Ademais do compoñente europeo, o impacto do noso proxecto traduciuse en:

  • Mellora da competencia lingüística en Inglés e Latín.
  • Aumento da motivación para o estudo das linguas estranxeiras, especialmente Inglés.
  • Aumento da motivación para estudar Latín.
  • Maior motivación para coñecer a linguaxe dos medios de comunicación actuais.
  • Mellora da competencia tecnolóxica; mellora do intercambio interpersoal e cultural.
  • Valoración do que os diferentes países teñen en común e o que é diferente, facendo fincapé no fondo da nosa cultura europea.

Comunidade local:

  • Aumento das oportunidades para os mozos procedentes de contornos socioeconómicos difíciles grazas á súa participación nun proxecto eTwinning.
  • Reforzo dun sentido de unidade entre os membros adultos da comunidade escolar, debido á participación dos seus fillos nun proxecto europeo.
  • Promoción do respecto ao legado da civilización romana en Europa e aprecio á súa herdanza cultural e histórica entre os membros da comunidade.
  • Aumento da participación dos pais, da poboación local e das asociacións co centro.
  • Presentación da comunidade escolar ante un público europeo.
  • Sensibilización da comunidade escolar ante os diversos problemas que afectan a Europa.

Calidade e reutilización dos materiais elaborados

Falarmos da calidade das nosas actividades pode resultar un pouco pretensioso pola nosa parte. Si que podemos dicir que os profesores traballamos de forma colaborativa para crealas, que buscamos a súa efectividade e que foron útiles para os nosos propósitos. Tamén cremos que, mutatis mutandis, serven para outras áreas de coñecemento.

O noso proxecto consistiu na creación dunha biografía ficticia para un personaxe romano mediante diferentes episodios centrados nos problemas actuais de Europa. Os nosos alumnos participaron en todas as etapas. Este deseño tipo crebacabezas é facilmente accesible por calquera equipo de profesores que queiran mellorar as competencias lingüísticas dos seus alumnos. O éxito está asegurado no momento en que se conxugan os seguintes ingredientes: a participación dos alumnos, ir da práctica á teoría, ferramentas TIC e traballo en equipo transnacional.

Ademais, como profesores, podemos incluír aspectos que nos interesan, como o vocabulario específico, a conexión co mundo actual, os temas transversais, etc… Neste sentido, un dos resultados máis valiosos do noso proxecto foi a experimentación educativa, non só dun xeito metodolóxico, senón tamén con ferramentas da web 2.0. De feito, a cantidade de material producido demostra que os alumnos se sentiron motivados e fascinados por esta nova forma de achegarse tanto ao Latín coma ao Inglés.

Moitas das actividades en Latín poden aplicarse con éxito en calquera lugar de Europa onde se ensine esta lingua, e utilizar como complemento para unha aprendizaxe natural, á parte de servir para fomentar a relación entre os estudantes europeos.

Gustaríanos citar unha serie de exemplos de como as nosas actividades poden ser aplicadas noutras áreas do coñecemento:

  • Os documentos de colaboración nun tema específico: (Ciencias Sociais, Ciencias Naturais, Inglés, Lingua,…)
  • Creación dunha historia colaborativa (Lingua, Inglés, Francés, Latín, …)
  • Dramatización de escenas (Ciencias Sociais, Ciencias Naturais, Matemáticas, Lingua, Inglés, Francés, …)

Botándolles unha ollada ás moitas actividades que realizamos, pódese ver que son facilmente adaptables aos contextos propios.

Sobre o recoñecemento deste proxecto como premio nacional eTwinning 2016

Como coordinador do proxecto, representou unha grande alegría que se recoñeza o traballo realizado por un grande equipo de profesores e sobre todo polo noso alumnado, que é sempre o motor do noso proxecto. Eles, os alumnos, son realmente os ganadores e nós os profesores debemos quedar nun segundo plano, coa satisfacción do traballo ben feito.

Outras opinións

Director: José Luis Pérez Romero

Este proxecto supuxo un gran modo de xuntar as TIC coa creatividade para establecer relacións de traballo frutíferas co resto de centros europeos. Ademais, a análise dos problemas sociais actuais desde a perspectiva de Marcus resultou moi acertada, posto que lle deu máis valor se cabe ao traballo realizado.

Compañeira de proxecto Silvia González Chaves

Foi fantástico traballar en común con profesores doutras nacionalidades. Moito traballo pero sumamente enriquecedor en canto á metodoloxía. É unha proba de que desde a escola se pode implicar os alumnos na súa propia aprendizaxe dunha forma innovadora.

Compañeiro de proxecto José Manuel Menéndez-Manjón Cueto

Como profesor de Historia, debo gabar a rigorosidade con que se fiou toda a vida de Marcus Poncius, de forma que se puidese situar nunha época concreta. Magnífico traballo en eTwinning, produto do labor dun grande equipo.

Alumno José Manuel Álvarez

Encantoume traballar neste proxecto que me permitiu ao mesmo tempo aprender, practicar o meu inglés e coñecer moitos amigos de toda Europa.

Alumna Pilar Alvez

Foi toda unha experiencia que nunca esquecerei. A través de eTwinning fixen moitos amigos e traballei como nunca. E o mellor, con ganas!

 

visita institucional grupo alumnos

Fonte das imaxes: TwinSpace do proxecto.

 

>

 

 

Fairy Yoga. Premios nacionais eTwinning 2016

Fairy Yoga. Premios nacionais eTwinning 2016

Premios eTwinning 2015

Fairy Yoga é un proxecto eTwinning no que o ioga para nenos serve de inspiración para o traballo e as actividades na aula de Educación Infantil. No proxecto participan centros escolares de España, Italia, Turquía, Eslovaquia, Polonia e Xeorxia. A práctica do ioga preséntase como unha actividade lúdica na que o alumno, a través de diversas posturas asociadas a sons e nomes de animais, mellora a flexibilidade e a coordinación. Apréciase unha boa comunicación entre os socios de proxecto, o que permite un traballo ben planificado e uns resultados que cumpren cos obxectivos iniciais propostos. Destacamos a participación no proxecto de expertos no ámbito do ioga que asesoran e traballan de forma directa coas docentes participantes. Tamén subliñamos o papel activo das familias, que comparten actividades do proxecto cos alumnos e gravan as prácticas na casa. Todos os produtos finais son accesibles desde o TwinSpace de proxecto, unha páxina en Facebook e a propia páxina do centro escolar. Finalmente, destacamos a exhaustiva avaliación final de proxecto que inclúe enquisas, cuestionarios e arquivos de son para os profesores e fichas para colorear para os alumnos.

Fuensanta León Moreno, coordinadora do proxecto na Escola Barrufet (Sant Boi de Llobregat) descríbenos os obxectivos e mais os resultados do proxecto no seu centro escolar e achega interesantes opinións de alumnos, pais e compañeiros do centro que participaron activamente nesta experiencia.

Sobre os obxectivos e os resultados do proxecto

Os obxectivos que nos formulamos cando iniciamos este proxecto foron os seguintes:

  • Iniciar os nenos/as no ioga e divertirse facéndoo
  • Ofrecer un método de autodescubrimento e axuda para desenvolver as súas capacidades
  • Favorecer as habilidades sociais
  • Fomentar a creatividade e a imaxinación
  • Mellorar a autoestima
  • Explorar novas metodoloxías
  • Axudalos/as a que empecen a sentir a lingua inglesa como instrumento importante de comunicación
  • Potenciar a participación das familias compartindo actividades de ioga cos seus fillos/as
  • Utilizar as TIC como vehículo de comunicación familias/ outros centros

Os resultados foron moi positivos a todos os niveis.

Os nosos alumnos/as puideron compartir sesións de ioga con nenos/as doutros países.

 

Fairy Yoga sesión Skype

Experimentaron con diferentes linguaxes (plástica, musical, corporal, audiovisual, matemática,…) fomentando así a súa creatividade e a imaxinación. É moi gratificante ver que son quen de cantar cancións e coñecer e dicir o nome en inglés das posturas que se traballaron.

foto collage 1 fairy yoga

Tamén valoramos positivamente que as familias participaran activamente e que en todo momento apoiaran este proxecto.

 familia_fairy_yoga

Conseguiuse un maior coñecemento e autonomía persoal dos nosos alumnos/as, unha mellor dinámica de grupo, puidemos experimentar con novas metodoloxías, habituándonos ao uso das TIC e iniciándonos no traballo colaborativo, sen esquecer divertirnos todos/as xuntos practicando ioga.

fairy_yoga_juego_peluche

O desenvolvemento do proxecto en termos de acertos, erros e dificultades

Unha das primeiras dificultades que atopamos cando iniciamos o proxecto era que na actualidade existen poucas experiencias onde se realice ioga nas aulas. Era algo pioneiro que nos levou a buscar bibliografía existente en referencia á práctica do ioga con nenos/as e axudounos moito todo o material que compartiron os outros socios europeos. Atopar eTwinning permitiunos iniciar o proxecto e intercambiarmos experiencias.

 

fairy_yoga_asamblea

A colaboración foi un elemento necesario para o bo funcionamento do proxecto. Todas achegamos algo para que funcionase e que se cumprisen os obxectivos. Tivemos que realizar moitas reunións extras para organizar as sesións, os recursos persoais e técnicos, realizar a avaliación, etc. Outro dos retos foron as videoconferencias xa que nalgunha delas houbo problemas técnicos que fomos solucionando coa axuda do noso coordinador TAC e mais coa nosa experiencia.

Por primeira vez no noso ciclo pedíaselles ás familias que participasen nun proxecto achegando vídeos ou fotografías, aspecto que non tiñamos moi claro que fose funcionar e que resultou ser todo un éxito. Gustaríame salientar que sempre atopamos un grande apoio por parte do equipo directivo e polo equipo de educación infantil.

Sobre o impacto global do proxecto no centro escolar

“Fairy Yoga” é un proxecto sostible que causou un impacto importante nas metodoloxías das escolas implicadas. Conseguiu os obxectivos formulados con actividades facilmente integrables no currículo de calquera centro. Participar neste proxecto permitiu propoñer a inclusión do ioga no currículo de educación infantil da escola como actividade habitual nos seguintes cursos, este ano xa se está realizando en P4 e o próximo realizarase en P5.

fairy_yoga_practice

A temática utilizada (animais de peluche, xogo de cartas Eduyoga, a nosa fada do ioga) facilitou a motivación polas actividades e por coñecer novo vocabulario en inglés. Os nosos nenos e nenas viñan moi contentos/as ás sesións de ioga e conseguimos que aprendan as primeiras palabras e cancións en inglés.

As videoconferencias e actividades para facilitar a comunicación permiten que exista a interacción entre iguais. Os nosos alumnos gozaron moito durante todo o proxecto pero en especial nos momentos das videoconferencias onde podían ver, falar e realizar os exercicios de ioga cos seus amigos europeos.

 

sesión Skype Fairy Yoga

A introdución de ferramentas TIC en cada actividade achegounos un amplo abano de posibilidades para investigar e colaborar e reflectiuse nunha mellora clara dos procesos de ensino-aprendizaxe. Os alumnos aprenderon de xeito diferente, integrándoas naturalmente na práctica diaria.

Conseguimos que unha gran maioría de familias participe no noso proxecto e realizasen ioga cos seus fillos/as na casa.

 

Fairy_yoga_en_familia

Compartiu connosco o seu saber facer e mais a experiencia a profesora de ioga Aurora Fernández Gutiérrez, unha persoa externa á nosa escola, que cada ano vén pechar o noso proxecto facendo ela a clase de ioga cos nosos nenos/as. Ela foi tamén a que durante este curso veu realizar sesións de ioga con todo o claustro.

Aurora_Fairy_Yoga

Para rematar, querería transmitir que na actualidade existe unha inquietude xeral de todo o claustro que ten moi claro que a educación mellora mediante a colaboración, o intercambio e a aprendizaxe mutua: entre alumnos/as, entre mestres/as e entre sociedades.

Yoga con el claustro

Sobre o recoñecemento deste proxecto como premio nacional eTwinning 2016

Foi unha experiencia moi positiva onde me estreaba como usuaria desta gran plataforma que é eTwinning. A título persoal o recoñecemento deste proxecto supuxo unha grande alegría e ver cumprido uns dos meus soños profesionais de poder incluír o ioga nas nosas aulas. E desta forma conseguir que paseniñamente se vexa o ioga como un elemento de cambio educativo positivo que axuda os nosos alumnos/as a desenvolver as súas capacidades dentro dun marco baseado no respecto, a tolerancia e a comprensión.

 

fairy yoga_actividad_grupal

É o recoñecemento a un traballo feito con moita ilusión, un traballo en equipo onde se empregaron moitas horas de descanso persoal nun momento onde os recortes orzamentarios aínda non mingúan a capacidade de ilusión de moitos profesionais que aman e gozan da súa profesión.

Opinións

Derek Martínez Boch (3 anos)

A min gustoume moito facer as posturas do león e mais o can.

Paula Molina Martínez (3 anos)

O que máis me gustou son as sorpresas que traía a Fada do ioga.

 

Fairy Yoga Hada

Souad Bobouh (nai dun neno de P3)

É unha actividade que vexo positiva xa que permite traballar o corpo e a mente, proporciona máis flexibilidade, reláxaos e cálmaos. Fai que os nenos e as nenas sexan máis creativos. Na casa o meu fillo Akram pídeme que fagamos ioga e facemos algunhas das posturas, gústalle moito.

Javier Huertas e Ana Castro (pais dun neno de P3)

Este primeiro ano na escola supuxo para os nenos e as nenas o descubrimento dunha morea de cousas, emocións, xogos e as clases de Fairy Yoga foron un destes grandes descubrimentos. Concretamente, para Gerard supuxo unha forma máis de bailar, aprendendo animais, psicomotricidade e unha cousa moi diferente: o inglés.

Gerard está moi motivado, o feito de acompañar esta aprendizaxe do idioma con música e ioga, cremos que foi a clave principal, que conseguiu que palabras como “butterfly” estean dentro do seu vocabulario habitual e que tamén perdera o medo a falar con palabras que inicialmente non coñecía. A día de hoxe o noso fillo non ten ningún medo en intentar cantar cancións en inglés, intentando imitar os sons e pronuncias que escoita. Nós consideramos que foi un éxito total.

Eugenia Fernández Rodríguez (directora da Escola Barrufet)

Xa hai tempo que desde o equipo directivo pensabamos que era importante introducir a Educación Emocional de xeito transversal no currículo da escola. Despois da experiencia de Fairy Yoga constatamos os seus beneficios e sentímonos moi orgullosas dos resultados obtidos.

Esther Rodríguez Serradilla (mestra de Inglés e compoñente do Proxecto)

“Fairy Yoga” foi un reto e unha oportunidade. Grazas a eTwinning puidemos facer ioga e introducir vocabulario en inglés e escoitar outras linguas. Valoro especialmente decatarme de que xuntas podemos facer cousas que xamais cremos posibles: motivar cambios na escola pero sobre todo axudar a que os nenos e as nenas sexan máis felices.

Esperanza Hernández Burcio (mestra de P3 e compoñente do Proxecto)

Compartir a experiencia na aula con outra mestra é enriquecedor e moi positivo xa que hai poucas ocasións onde se poidan compartir situacións coma as que vivimos.
O alumnado gozou e como consecuencia fixeron colaborar as súas familias. Estou encantada de poder continuar facendo Fairy Yoga.

Enlaces a resultados do proxecto

-TwinSpace

http://twinspace.etwinning.net/2114/home

-Blogger

http://estherrsbcn.blogspot.com.es/

-Revista despois de Fairy Yoga

http://www.calameo.com/read/0045765221cab1509faea

-Continuidade en P4:English and Yoga in P-4

https://sites.google.com/a/xtec.cat/barrufets-english-zone/general-activities/englishandyogainp-4

-Vídeo resumo

https://vimeo.com/168655717

-Artigo Revista dixital “E-eduquem” (páxina núm. 23)

http://plataformaeduca.es/revista/otono2015/eduquem_otono_2015_hoja.pdf

 

PROXECTO “FAIRY IOGA”

Escola Barrufet (Sant Boi de Llobregat)

Educación Infantil

Esther Rodríguez Serradilla

Esperanza Hernández

Fuensanta León Moreno

 

 

Que me contas?-Qu’est-ce que tu me raContes?

Que me contas?-Qu’est-ce que tu me raContes?

Premios eTwinning 2015

Que me contas? – Qu’est-ce que tu me raContes? é un proxecto eTwinning levado a cabo entre dous centros escolares de España (Zaragoza e Peñíscola) e un de Francia (Niza).   Os alumnos e alumnas, de idades comprendidas entre os 14 e 17 anos, traballaron de forma colaborativa, usando como linguas vehiculares o español e francés, utilizando diversas ferramentas TIC, para abordar a cultura de cada país socio mediante os contos tradicionais. Trátase dun proxecto moi completo no que se ve que a comunicación e a colaboración entre os socios participantes foi moi constante e iso queda reflectido non só nos produtos finais, senón en todo o proceso de colaboración e na boa atmosfera de traballo que se transmite.

Enlace ao TwinSpace do proxecto

Lola Sánchez, profesora de francés como segunda lingua estranxeira no IES Alfred Ayza de Peñíscola (Castelló), cóntanos a súa experiencia e as dos seus socios durante o desenvolvemento do proxecto:

O obxectivo principal do noso proxecto era que tiña que ser 100% colaborativo, é dicir, que o noso produto final necesitase da colaboración de todos os alumnos participantes para poder conseguilo. Para iso decidimos que o tema central do proxecto sería o conto, traballado en todas as súas facetas: adaptacións, invención de contos, recompilacións de contos clásicos, etc.

Finalmente podemos dicir que os nosos obxectivos se cumpriron abondo xa que, ademais de crearen dous contos colaborativos, un en francés e outro en español, os alumnos demostraron unha gran creatividade á hora de inventar, interpretar ou adaptar outros contos. Todo o traballo colaborativo realizámolo con Google Drive Docs, ferramenta imprescindible para este tipo de proxectos onde os alumnos traballaron en grupos mixtos internacionais.

 

Imagen cuentos proyecto ¿Qué me cuentas?

Foi unha forma diferente de aprender a lingua estranxeira, poñendo en contexto real o que se aprende na clase, traballando cóbado con cóbado cos demais, tomando decisións, formando parte do grupo e sentíndose cidadáns europeos. Ademais puidemos coñecer os nosos socios persoalmente grazas ao intercambio realizado, o que nos permitiu estreitar eses lazos de amizade xa entretecidos a través das TIC.

Así mesmo os alumnos participaron con entusiasmo nas demais actividades propostas, realizando vídeos, cómics, teatro, etc.

A participación nun proxecto eTwinning reporta numerosos beneficios para toda a comunidade educativa; para os alumnos o principal beneficio é a motivación, séntense protagonistas da súa propia aprendizaxe, abren as súas mentes a novas culturas e fan amigos aprendendo de xeito implícito. Para o profesor, á parte de ter a satisfacción de ver os seus alumnos aprender e gozar do que fan, tamén experimenta un enriquecemento tanto a nivel persoal coma profesional, compartindo a súa experiencia docente e aprendendo da dos demais e, por suposto, mellora notablemente no seu manexo das TIC. Finalmente o centro ábrese a novas prácticas docentes, á innovación do ensino e moitos compañeiros que antes non coñecían a plataforma empezan a interesarse por ela e mesmo inician as súas propias aventuras en eTwinning.

 

Intercambio alumnos proyecto ¿Qué me cuentas?

Todos os proxectos que se realizaron servirannos para futuros novos proxectos, xa sexa adaptando as actividades ou reutilizalas nas nosas clases e como non, servirán como modelo para que outros docentes creen os seus propios proxectos.

Para min, persoalmente, este recoñecemento foi moi gratificante, unha recompensa a tantas horas de esforzo e dedicación, e motívame para seguir traballando en novos proxectos eTwinning.

Lola Sánchez, profesora de francés como segunda lingua estranxeira no IES Alfred Ayza de Peñíscola (Castelló)

A seguir, inclúovos a opinión das miñas compañeiras de proxecto:

Este proxecto permitiunos seguir progresando no campo dos proxectos eTwinning xa que puidemos cumprir cos principais requisitos: inducir a máxima colaboración entre os alumnos de diferentes países para que comuniquen entre si realizando tarefas comúns, e que vaian coñecéndose mellor, confrontando o seu xeito de pensar e de traballar cos demais, desenvolvendo unha forma de ser máis aberta, tolerante e flexible. Tamén cumprimos un obxectivo cultural descubrindo tanto a dimensión universal dos contos coma a expresión dos particularismos rexionais e nacionais. Ademais, este proxecto permitiu que os alumnos deixasen libre a súa imaxinación e a súa creatividade e que adquiran un mellor dominio das ferramentas numéricas dentro do marco escolar. O balance foi pois moi positivo para todos xa que nos permitiu mellorar en moitos aspectos desde o punto individual como académico “.

Valérie Poussigue, profesora de español como lingua estranxeira no instituto H. d’Estienne d’Orves, Niza, Francia.

Quédame pouco que engadir ao xa expresado polas miñas compañeiras de proxecto. Realmente foi unha oportunidade única para continuarmos aprendendo xuntos en colaboración. Deixou un excelente sabor de boca que nos fai querer continuar no traballo colaborativo e por proxectos. Enriquecedor para alumnos e profesores. Unha experiencia 100% recomendable para todos os profesionais da educación”.

  1. Teresa Martín, profesora de francés como lingua estranxeira no CES San Valero de Zaragoza.

E para rematar, a opinión dunha alumna:

“Os proxectos coma este non deixan de te sorprender cada día. Sempre que entras na clase, é un mundo novo, porque non sabes que vas facer ese día. Coñeces xente, creas amizades e conexións, que non sabes se no futuro, pero quen me di que non vou traballar ao estranxeiro… Tamén aprendes outra forma de traballar e de usar as novas tecnoloxías, pero creo que o máis importante é o novo vocabulario que aprendes. Xeralmente nas clases adoitas aprender palabras formais, pero mediante as conversacións que tes cos compañeiros franceses, neste caso, aprendes vocabulario coloquial, que é o que verdadeiramente usas cando vas a Francia, tanto sexa de vacacións ou para vivir. O traballo en colaboración ao principio é un pouco custoso, debido a que non estás demasiado acostumada, pero enseguida colles o ritmo. O verdadeiro problema tíveno ao utilizar a tecnoloxía, porque a verdade é que non é o meu punto forte, pero con esforzo, cada día son mellor (hahaha!). A visión que tes de Europa cambia totalmente, porque sentes menos medo á hora de embarcar en novas aventuras no estranxeiro. Grazas a plataformas como neste caso eTwinning, Europa convértese nun continente tan familiar que parece que sigas na casa”

Victoria Debernardi, 1º bacharelato IES Alfred Ayza.

 

 

 

 

 

Listado provisional con la selección de Premios Nacionales eTwinning 2016

Listado provisional con la selección de Premios Nacionales eTwinning 2016

Premios eTwinning 2015

Este elemento non está dispoñible no idioma solicitada. Desculpe. For the sake of viewer convenience, the content is shown below in the alternative language. You may click the link to switch the active language.

Os informamos que hoy 14 de abril de 2016 se ha publicado en sede electrónica del Ministerio de Educación, Cultura y Deporte la LISTA PROVISIONAL con la selección de los Premios Nacionales eTwinning 2016, que se fallaron el pasado día 12 de abril de 2016.

http://www.mecd.gob.es/servicios-al-ciudadano-mecd/catalogo/general/educacion/202799/ficha/202799-2016.html#dc

Se abre un período de alegaciones de 10 días naturales a partir de mañana 15 hasta el 25 de abril de 2016. Una vez finalizado saldrá la lista definitiva de premiados.

Equipo eTwinning

Ganadores y finalistas de los Premios Europeos eTwinning 2016

Ganadores y finalistas de los Premios Europeos eTwinning 2016

Premios eTwinning 2015 Uncategorized

Este elemento non está dispoñible no idioma solicitada. Desculpe. For the sake of viewer convenience, the content is shown below in the alternative language. You may click the link to switch the active language.

Os damos a conocer a los ganadores de los Premios Europeos eTwinning 2016. Estamos de absoluta enhorabuena ya que hay una amplia representación española  en muchas de las categorías  de estos premios 2016. Continuar leyendo