Dálle a volta á túa clase con eTwinning

Dálle a volta á túa clase con eTwinning

Hai unhas semanas celebrouse en Madrid o V Encontro eTwinning de Profesores en Castelán: Proxecta eTwinning. Entre todos os relatorios e obradoiros que se levaron a cabo, tivo lugar un que, polo crecemento e a importancia que está a ter esta metodoloxía, queremos destacar. Trátase do obradoiro impartido por Inmaculada Contreras, “Flipped Classroom. Aprender dándolle a volta á clase”. Cada vez está máis presente o desexo de transformación do sistema educativo; a súa posta en marcha é unha necesidade que cada curso escolar se fai máis patente. Somos conscientes da importancia dun modelo de ensino-aprendizaxe centrado nas actividades que realiza o alumnado e non na memorización dunha longa listaxe de determinados contidos. Esta demanda tivo a súa resposta en novas metodoloxías (ou non tan novas?) cos seguintes puntos en común:

  • Diminución considerable do número de clases expositivas. Isto supón un cambio no rol tanto do profesorado coma do alumnado. Neste sentido, o profesorado deixa de ser un mero transmisor de coñecementos e pasa a ser un facilitador no proceso de aprendizaxe do seu alumnado. Pola súa banda, o alumnado deixa de ser un receptor pasivo e pasa a ser protagonista da súa propia aprendizaxe, desenvolvendo, deste modo, un papel moito máis activo.
  • Realización por parte do alumnado de actividades ou proxectos nos que teñan que aplicar o que aprenderon previamente. Esta relación entre os contidos que se ven na clase e o día a día do alumnado pode espertar a súa curiosidade, estimulando deste modo as súas ganas de aprender. Sabemos que o ideal é que o alumnado non estude para aprobar, senón para aprender e aplicar o que aprendeu.
  • Estreitamente relacionado co punto anterior, está a flexibilidade na aprendizaxe centrada no contexto. O alumnado aprende mediante a práctica, deixando nun segundo plano a memorización de grandes bloques de contidos.
  • Fomento, por un lado, da aprendizaxe autónoma do alumnado; por outro lado, da colaboración. O traballo en equipo facilita esta aprendizaxe entre iguais, pero hai que ter en conta que este proceso ten que estar sempre guiado polo profesorado.
  • O uso de ferramentas TIC vólvese imprescindible, aínda que hai que lembrar que o uso das TIC non supón ningunha mellora se non vai acompañado dun cambio metodolóxico.

Son moitas as metodoloxías que cumpren estes puntos (Aprendizaxe Baseada en Proxectos, Flipped Classroom, Aprendizaxe con Dispositivos Móbiles, e-Learning…), chegando en moitos casos a complementarse unhas con outras. Pero entón, que caracteriza o “flipped learning” do resto de metodoloxías? Que o fai único e especial? Son moitos os espazos, blogs e páxinas especializadas sobre flipped classroom. A finalidade deste artigo non é repetir o mesmo que podemos atopar nestes espazos, senón dar unhas pinceladas moi xerais e espertar a curiosidade, tal e como fixo Inmaculada Contreras na hora e media que durou o seu obradoiro, dos que aínda non saiban que é isto do “flipped learning”, “flipped classroom” ou “clase invertida”. Basicamente, e tal como explicaba esta docente de Plástica, trátase de facer o que se fai normalmente na casa na clase, e o que se fai na clase, facelo na casa. É dicir, ver a teoría na casa e afianzar os coñecementos na clase: a clase maxistral do docente pasa a verse na casa en forma de vídeo ou outro formato; na clase acláranse as dúbidas que puideran xurdir e empézase a traballar en actividades concretas.

 

flipped_classroom_2

As vantaxes desta metodoloxía son practicamente as que se sinalaron arriba: trátase dunha metodoloxía flexible, personalizada e adaptada ao contexto e ás necesidades de cada alumno e alumna. Por outro lado, ao ter a teoría en formato audiovisual, o alumnado pode acceder a ela sempre que queira, parar o vídeo as veces que considere oportuno, tomar notas, volver ver determinadas secuencias o número de veces que necesite, etc.

Pero como todas as metodoloxías, o “flipped learning” ten algúns puntos frouxos. O maior risco desta forma de dar clase é a exclusión do alumnado con menos medios. Temos que ser conscientes de que isto pode pasar e, en consecuencia, poñer os remedios correspondentes para evitarmos esta exclusión: se o alumnado non ten Internet, haberá que ofrecerlle o material nunha memoria externa; se non ten ordenador, facilitarlle un horario no centro escolar para que poida ver os contidos. Outro problema que nos pode xurdir é que haxa alumnos e alumnas que non cheguen a afacerse a esta forma de dar clase, ou familias que non apoien esta metodoloxía. Hai que estar preparados para estes posibles rexeitamentos.

Durante o seu obradoiro, Inmaculada Contreras tamén sinalou unha serie de recomendacións para lle “dar a volta á clase”.  Estes son algúns dos consellos:

  • En primeiro lugar, non pretender un cambio metodolóxico radical. Empezar paseniñamente, seleccionando só algúns grupos, algunhas materias e algunhas clases determinadas.
  • En canto ás producións e os materiais con contidos teóricos:
    • Non nos centrar só no vídeo. Este será a principal forma de mostrar a teoría, pero é conveniente utilizar outros elementos e adaptalos ás TIC (documentos PDF interactivos, por exemplo).
    • Non nos obsesionar coas producións audiovisuais que realicemos. Temos que ser conscientes de que non somos produtores audiovisuais e, polo tanto, non se espera unha calidade profesional nos materiais que creemos.
    • Aproveitar, por un lado, os recursos que se poden atopar na rede. Por outro lado, crear tamén contidos axeitados á nosa forma de dar clase. Pero se temos ao noso dispor multitude de vídeos e recursos que xa están feitos cos contidos que queremos traballar, por que molestarnos en facer uns novos? Tal e como indican Jon Bergmann e Aaron Sams (creadores do flipped learning) neste vídeo, ti como docente tes unha relación cos teus estudantes que ninguén máis ten, e iso non o vas atopar en ningún dos recursos de Internet. Se fas os teus propios contidos, poderás incorporar eses aspectos particulares e crear producións adecuadas á vosa forma de dar clase.
  • Outro aspecto moi importante é difundir o que se fai na aula e compartilo a través, por exemplo, das redes sociais.

 

claqueta

Para rematar, ensinounos as seguintes ferramentas TIC para traballar na aula: para realizar cuestionarios interactivos Kahoot; para crear e almacenar historias e cronoloxías a partir de contidos de redes sociais como Twitter ou Facebook, entre outras Strorify; para a creación de contidos Pinterest; e para crear infografías Piktochart.

Á parte destas ferramentas, aquí propoñemos outras que nos poden ser moi útiles á hora de lle “darmos a volta á nosa clase”: Symbaloo, para organizar os nosos recursos e crear paneis cos enlaces ás páxinas, vídeos e ferramentas que vaiamos utilizar nas nosas sesións de flipped learning; e para a creación de titoriais Screencast-o-matic; ou se o que queremos é crear e editar presentacións interactivas que permitan, entre outras cousas, realizarlle preguntas ao noso alumnado a medida que vaian vendo o vídeo, podemos utilizar Officemix (extensión gratuíta de power point) e EdPuzzle.

Tal e como se veu comentando ao longo deste artigo, unha característica destacable do flipped learning é a considerable redución da memorización de contidos a prol de actividades máis próximas e centradas no ámbito do alumnado. Deste modo, o tempo de traballo na aula optimízase e dedícase na maior parte a aspectos prácticos. Neste contexto, os proxectos eTwinning poden ser unha boa forma de iniciarse no flipped learning. Deixa a parte expositiva para a casa e traballa na aula nos teus proxectos eTwinning. Anímate a darlle a volta á túa clase con eTwinning!   Fonte das imaxes: Banco de imaxes INTEF. Creative Commons Attribution-NonCommercial-ShareAlike 3.0 Unported Pixabay. CC0 Public Domain.

 

 

Comparte esta noticiaTweet about this on Twitter
Twitter
Share on Facebook
Facebook
Share on LinkedIn
Linkedin
Ferramentas TIC
Reglamento de protección de datos (información básica)

En cumplimiento de la normativa de protección de datos personales, le informamos de que sus datos serán incorporados al tratamiento denominado “eTwinning participación”, cuya finalidad es la participación en el proyecto de colaboración europeo eTwinning.

Puede usted ejercitar los derechos de acceso, rectificación, oposición, supresión (“derecho al olvido”), limitación de tratamiento y portabilidad y a no ser objeto de decisiones individuales automatizadas que sean de aplicación de acuerdo a la base jurídica del tratamiento. Podrá hacerlo en la sede electrónica del ministerio (http://www.educacionyfp.gob.es/servicios-al-ciudadano-mecd/catalogo/educacion/varios/proteccion-datos.html), presencialmente en las oficinas de registro o por correo postal.

Al rellenar y enviar este formulario usted concede su consentimiento inequívoco para el almacenamiento de sus datos en nuestros ficheros tal y como se especifica en nuestras normas de privacidad.

Dejar un comentario

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *