Saúdo e aprendizaxe socio-emocional

Saúdo e aprendizaxe socio-emocional

En primeiro lugar, referirémonos á importancia da saúde socio-emocional e ás competencias asociadas a ela na educación actual. En segundo lugar, describiremos e analizaremos proxectos que reflicten como, na acción eTwinning, o profesorado e o alumnado preocúpanse por estes temas e foméntase activamente o desenvolvento das competencias emocionais e sociais. Por último, exporemos unha serie de reflexións e propostas a partir do noso traballo e experiencia nos proxectos colaborativos eTwinning

 

  • Marco conceptual  

Son numerosos os estudos e publicacións que inciden no valor da saúde emocional. Na Axenda 2030 para o desenvolvemento sostible, no Obxectivo 3, centrado  na necesidade de garantir unha vida sa e promover o benestar para as persoas, alúdese á importancia da saúde mental de todas as persoas en todas as idades. Na sociedade actual sinálanse algunhas situacións que ocasionan desequilibrios emocionais, como a soidade, as enfermidades mentais, as adiccións provocadas polas novas tecnoloxías, a dificultade en adquirir compromisos a medio e longo prazo… Unha educación emocionalmente completa debe contribuír a que as personas desenvolvan competencias que lles permitan enfrontarse a eses desafíos e traballar tanto a vertente dos coñecementos como a afectiva e a ética. Esta educación conleva, ademais, a potenciación da responsabilidade persoal.

A participación en redes ou asociación nas que os membros colaboran na realización de tarefas comúns, aprenden e axúdanse, contribúe de maneira significativa a ese desenvolvemento competencial. Neste marco atópanse iniciativas  educativas internacionais, como eTwinning, orientadas á consecución de resultados concretos e alcanzables, que fomentan o coñecemento e aprecio dos demais, a colaboración e a interdependencia. Cabe sinalar, ademais, que estas comunidades educativas dan lugar a usos positivos das tecnoloxías dixitais, que impulsan a creatividade e promoven a autoavaliación e a autorregulación. En definitiva, axudan, entre outros valores, a aprender cómo relacionarse de forma construtiva e a conseguir  hábitos emocionais e sociais saudables.

Queremos destacar aquí as Competencias para a vida que os expertos sinalan como elementos fundamentais na educación do século XXI. Estas competencias articúlanse en tres áreas nas que distinguen varios elementos. É importante entender estas áreas e os seus elementos de forma dinámica e en interconexión.

  • Área persoal: Inclúe a autorregulación (conciencia e xestión das emocións, pensamentos e conduta); a flexibilidade (habilidade para xestionar cambios e incerteza, e para enfrontarse a retos); o benestar (aspiración a unha vida satisfactoria, coidado da saúde física, mental e social, e adopción dun estilo de vida sostible).
  • Área social: Inclúe a empatía (comprensión das emocións, as experiencias e os valores dos demais, e provisión de respostas axeitadas); a comunicación(uso de estratexias relevantes de comunicación, dominio de códigos e ferramentas dependendo do contexto e do contido); a colaboración (compromiso co grupo, traballo en equipo e respecto mutuo).
  • Área de aprender a aprender:Inclúe a mentalidade de crecemento persoal (crenza no potencial dun mesmo e dos demais); o pensamento crítico (análise da información e dos argumentos para chegar a conclusións razoadas e desenvolver solucións innovadoras); a xestión da aprendizaxe (planificación, organización, supervisión e revisión da propia aprendizaxe).

Como vemos, a educación e a aprendizaxe no século XXI ten que prestar especial atención á saúde socio-emocional do alumnado e de toda a comunidade educativa, ó benestar nos centros educativos nos que a transmisión de coñecementos non é o único obxectivo. Nos proxectos eTwinning promovemos estas competencias e contribuímos, activamente, ó benestar emocional do alumnado e ó seu éxito escolar.

 

  • Proxectos que fomentan o desenvolvemento das competencias sociais e emocionais

O proxecto Minds and Hearts engloba as tres áreas de competencias para a vida sinaladas anteriormente. É un proxecto que se concibiu co gallo de que os participantes puideran aprender a xestionar e compartir os seus estados anímicos e as súas emocións. Despois dun longo período de confinamento, moitos víronse afectados por certo desequilibrio emocional que puña de manifesto a necesidade de recuperación de benestar persoal e do restablecemento de vínculos coas persoas da contorna. Así é como este proxecto eTwinning viña a dotar os mozos de recursos de ferramentas necesarios para xestionar os seus sentimentos, empatizar cos alleos e sacar o máximo partido das súas habilidades e calidades para unha vida satisfactoria. Foi un proceso de fortalecemento e capacitación mediante a reflexión e a adquisición de (auto)coñecemento. 

En colaboración con centros de secundaria de Polonia, Grecia e Italia, o traballo desenvolveuse en dúas fases principais, unha primeira fase de recoñecemento persoal e recoñecemento de emocións; e unha segunda fase de investigación e creación de produtos para a divulgación dos temas propostos, un por cada equipo internacional. 

O primeiro dato interesante que aportou a posta en marcha do proxecto foi o alto grao de implicación do alumnado. Desde a primeira actividade (Time to shine), na que debían presentarse mediante imaxes representativas da súa personalidade, manifestaron claramente o seu desexo, case necesidade, de compartir os seus dilemas emocionais, así como a súa curiosidade por coñecer o seu nivel de intelixencia emocional (Test your EQ) e investigar formas de xestionar e sacar partido das súas emocións (Master your emotions). En lugar de amosarse reacios a compartir asuntos e problemas persoais, a súa reacción foi reconfortante, de agradecemento pola oportunidade de ver os seus estados anímicos compartidos e comprendidos. 

Nunha segunda fase, a través da interacción en foros e o traballo colaborativo en equipos internacionais, crearon un valioso material divulgativo para todos os seus compañeiros e para o público xeral que quedou recollido na web Minds and Hearts: A manual for being human. Ás veces, pensamos que os adolescentes son inherentemente contrarios a manifestar os seus conflitos internos e adoptan actitudes pasivas, porén, a nosa experiencia desmente o prexuízo; trátase só de crear a contorna axeitada. 

 

O valor fundamental do proxecto e a súa relevancia no que se refire a saúde e aprendizaxe socio-emocional baséase nos temas seleccionados para a investigación e elaboración de materiais por parte dos equipos de traballo: ler a linguaxe corporal, combater os pensamentos obsesivos, evitar a soidade, manter a calma, eliminar a ansiedade, revertir a ira, mellorar a autoestima, cultivar a amizade, exercitar o autocontrol, sacar proveito das habilidades propias, crear hábitos saudable… Todos eles conectan dunha ou outra maneira coas experiencias vitais dos adolescentes e o seu estudo permítelles abordar as dificultades que entrañan con perspectiva e total desestigmatización, que era o obxectivo principal. 

 

É así como a través de eTwinning se crea un espazo de expresión e intercambio de experiencias na contorna educativa. 

Colle o medo da mano é o  título do proxecto no que un grupo de alumnos e alumnas de Psicoloxía de 2º de Bacharelato do IES Cantabria traballou cun grupo do ELE (Español Lingua Estranxeira) do instituto Calabrese-Levi de San Pietro in Cariano (Italia) no curso escolar 2021-2022. Os estudantes dos dous centros  analizaron textos sobre o medo e sobre diferentes tipos de medo, e prepararon presentación e documentos sobre o tema. Medos reais ou imaxinarios, medos que nos impiden tomar decisións, medos que nos impiden avanzar, medo ó fracaso, a non ser aceptado polos demais, medo a engordar, ós insectos, medo a quedarse só pola noite… No proxecto quixemos destacar, en primeiro lugar, a importancia de analizar e coñecer a emoción do medo e, en concreto, os nosos medos; e, en segundo lugar, a necesidade de abordar a saúde mental na etapa da adolescencia e favorecer unha actitude positiva que axude a vivir con ilusión e optimismo. O proxecto quixo ser unha axuda racional e emocional, e promover a saúde mental e o benestar dos estudantes, quen o valoraron moi positivamente. Esta presentación recolle varias fases do proceso de traballo. Enlace

 

O proxecto deulle ó alumnado a oportunidade de falar con liberdade da saúde mental e os estudantes fixeron estas reflexións: 

“A saúde mental é fundamental para ter unha boa calidade de vida e moitos trastornos prodúcense por unha falta de xestión das emocións ou, incluso, por non saber identificalas” (Karen); “A saúde mental é un dos factores máis importantes da nosa vida porque determina o noso benestar persoal” (Sofia). “Ter unha boa saúde mental favorece o noso ánimo e axúdanos en moitos ámbitos: escolar, laboral, familiar… Deberíase dar máis importancia a este tema e ter acceso rápido a especialistas na sanidade pública”. (Melissa).  

Os estudantes tamén preguntaron qué debemos facer para conseguir e manter o noso benestar socio-emocional: facer exercicio físico, ter unha boa alimentación, cambiar os contornos negativos, evitar as personas tóxicas, rodearse de persoas que nos entendan e, cando sexa necesario, buscar axuda profesional. En definitiva, puidemos botar unha mirada ó medo para facilitar que o noso alumnado:

  • Distinga se é real ou imaxinario, san ou prexudicial, axeitado á amenaza ou desproporcionado.
  • Permítase sentilo, recoñecelo, nomealo, escribilo e sacalo fóra.
  • Sexa capaz de parar pensamentos catastrofistas e traballar a confianza.

Este é un dos produtos creados polos participantes. Enlace

 

  • Propostas e reflexións finais
  • Propoñemos as seguintes accións como forma de axudar ó sostemento (sustento) socio-emocional do noso alumnado e, seguro que tamén, das nosas mesmas:
  • Contar, relatar, narrar, favorecer a expresión de sentimentos e emocións.
  • Practicar unha escoitar limpa de xuízos: acompañar a desazón, o cansazo, a parálise ou ó sentirse arrelados, estar a disposición do noso alumnado para acompañar estes momentos. 
  • Transmitir confianza e ofrecer alternativas seguras para recuperar as relacións en condicións de seguridade e confianza. 
  • Propoñer a pregunta: ¿Que aprendín neste tempo? e rexistrar o aprendido durante ese período.
  • Cultivar a alegría e vivir en positivo: a alegría é unha decisión de cada día.
  • Favorecer o sentimento de gratitude ante o recibido e o conseguido entre todos.
  • É o noso compromiso como docentes crear espazos para a educación emocional nos que o alumnado poida desenvolver estratexias de control e de reforzo da autoconfianza e adquirir valores éticos. eTwinningproporciona un marco idóneo para a realización efectiva deste obxectivo.
  • Fixemos referencia a proxectos nos que o tema central é a aprendizaxe emocional pero, ademais, sabemos que en todos os proxectos eTwinningse ten moi en conta a dimensión socio-emocional do noso alumnado e da comunidade educativa. Na nosa experiencia comprobamos que, con proxectos participativos e colaborativos, os estudantes gañan en autocoñecemento, autoestima e confianza en si mesmos, e que adquiren coñecementos e habilidades que lles axudan ó seu desenvolvemento persoal. 

 

Referencias: 

https://www.un.org/es/chronicle/article/obxectivo-3-os-obxectivos-de-desenvolvemento-s

https://joint-research-centre.ec.europa.eu/lifecomp_en#:~:text=LifeComp%20is%20a%20framework%20to,of%20curricula%20and%20learning%20activities.

https://www.gov.uk/government/publications/the-impact-of-pupil-behaviour-and-wellbeing-on-educational-outcomes

https://www.intered.org/es/recursos/accion-educativa-transformadora-educacion-socioemocional-para-a-cidadania-global

Comparte esta noticiaTweet about this on Twitter
Twitter
Share on Facebook
Facebook
Share on LinkedIn
Linkedin
Reglamento de protección de datos (información básica)

En cumplimiento de la normativa de protección de datos personales, le informamos de que sus datos serán incorporados al tratamiento denominado “eTwinning participación”, cuya finalidad es la participación en el proyecto de colaboración europeo eTwinning.

Puede usted ejercitar los derechos de acceso, rectificación, oposición, supresión (“derecho al olvido”), limitación de tratamiento y portabilidad y a no ser objeto de decisiones individuales automatizadas que sean de aplicación de acuerdo a la base jurídica del tratamiento. Podrá hacerlo en la sede electrónica del ministerio (http://www.educacionyfp.gob.es/servicios-al-ciudadano-mecd/catalogo/educacion/varios/proteccion-datos.html), presencialmente en las oficinas de registro o por correo postal.

Al rellenar y enviar este formulario usted concede su consentimiento inequívoco para el almacenamiento de sus datos en nuestros ficheros tal y como se especifica en nuestras normas de privacidad.

Dejar un comentario

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *