Cidadanía dixital: Use and Abuse of Social Networks and its Impact on Teenagers, Families and School

Cidadanía dixital: Use and Abuse of Social Networks and its Impact on Teenagers, Families and School

Equipos de centro

Cidadanía dixital (tamén denominada cibercidadanía ou e-cidadanía) defínese como as normas de comportamento que lle concirnen ao uso da tecnoloxía.

A Cidadanía dixital supón a comprensión de asuntos humanos, culturais e sociais relacionados co uso das Tecnoloxías da Información e a Comunicación (TIC), así como a aplicación de condutas pertinentes a esa comprensión e aos principios que a orientan: ética, legalidade, seguridade e responsabilidade no uso de Internet, as redes sociais e as tecnoloxías dispoñibles.

Título do proxecto:

 Use and Abuse of Social Networks and its Impact on Teenagers, Families and School

Centro escolar:

 IES ISAAC ALBÉNIZ

Docentes:

64 docentes no centro escolar

Comunidade autónoma:

Madrid

Países socios:

Italia

Romanía

Etapa educativa:

 Secundaria

Áreas /Materias:

O proxecto coordínano os profesores de inglés pero ao ser tema de titorías todos os departamentos están implicados.

Idioma:

 Inglés

Descrición:

O proxecto trata fundamentalmente de formar familias, profesorado e alumnado no correcto uso das redes sociais para ensinarlles a evitar conflitos derivados dun mal uso.

Sabemos que os nosos alumnos usan as redes sociais sen ningún tipo de axuda nin formación xa que os encargados desta función, de educalos, tampouco temos a información necesaria.

Tanto as familias coma os profesores educamos os nosos alumnos desde ben cedo en hábitos saudables de nutrición, cidadanía, hixiene,… Con todo, entregámoslles un móbil ou unha tableta sen lles darmos ningunha instrución sobre como o deben usar. Utilízano sen ningunha supervisión, agás quizais bloqueos parenterais para páxinas web con contido violento ou inadecuado. Aquí adoita rematar a nosa educación neste tema. Isto non abonda.

O mundo dixital é complexo pero coñecer uns principios básicos para o seu uso seguro, responsable e saudable son esenciais. As novas xeracións deben ter unha identidade dixital. No mundo actual é tan esencial coma un curriculum vitae. Pero a reputación dixital que moitos adquiren usando as redes de forma inadecuada pode lastralos.

Esta formación da comunidade educativa, a través de diversas actividades en colaboración cos nosos socios romaneses e italianos é a que levamos a cabo no noso proxecto.

Temos que ter en conta que estamos a principios do segundo ano do noso proxecto e, de momento, só podemos ver parcialmente os resultados.

O foco durante o primeiro ano foron as familias e mais o alumnado. Durante o segundo será principalmente o profesorado e haberá un reforzo do que se tratou no primeiro ano para as familias e os alumnos.

Enlace ao TwinSpace:

https://twinspace.etwinning.net/11201

Outros enlaces

http://www.educa2.madrid.org/web/centro.ies.albeniz.leganes/  (web do centro)

http://eyeswechoose.blogspot.com.es/ (blog do proxecto)

Obxectivos:

O noso obxectivo xeral é aprender a educar no uso seguro, responsable e saudable da tecnoloxía.

Os nosos obxectivos específicos son:

  1. Dotar os alumnos de información útil e legal para que coñezan como usar as redes de forma eficiente.
  2. Axudar as familias e o persoal docente a redirixir condutas e problemas sociais directamente asociados ao mal uso das redes.
  3. Crear un modo de comunicación rápido e fiable entre a escola e as familias.
  4. Aprender e compartir experiencias dos socios internacionais acerca de problemas sociais e educativos similares.
  5. Traballar colaborativamente con institucións locais, nacionais e internacionais para atopar solucións ás nosas preocupacións.
  6. Modificar as indicacións no centro e os plans en relación aos usos dixitais.

Como xorde a idea de levar a cabo este proxecto?

Nos últimos anos detectáronse problemas de relación/grupais que, aínda reflectíndose no ámbito escolar, tiñan o punto de partida fóra do centro. Dado que o alumnado que asiste aos centros adoita provir dos seus arredores, iso significa que as relacións persoais que se establecen son, a maioría das veces, de amizade, tamén fóra do centro. É dicir, os conflitos dentro de grupos de amigos/coñecidos creados fóra repercuten no comportamento no centro.

O feito de que unha gran parte desas relacións teñen lugar a través das redes sociais, non importa que o alumnado en conflito estea separado fisicamente (en diferentes aulas/grupos), levounos a formulármonos o mal uso que se fai do mundo dixital. De aí que o noso principal obxectivo sexa EDUCAR na súa correcta utilización. Tratamos o uso seguro, responsable e saudable da tecnoloxía.

 

imagen blog proyecto

Actividades

 Charlas tanto dentro da aula (titoría, presentacións), coma fóra (Educalike) sobre o uso seguro, responsable e saudable das tecnoloxías incluíndo Internet e redes sociais.

 

cartel actividad de proyecto

Creación de presentacións aos socios, de cuestionarios, de grupos en redes para a súa análise, dun Twitter institucional ( @Albenizprojects), de logos, debates, de investigación sobre certos temas (netiqueta, cyberbulling).

presentación de proyecto

Debates sobre o uso real do mundo dixital que fan os nosos alumnos e as súas familias, creación de cuestionarios sobre este uso para compartir cos nosos socios, análise de resultados e comparacións, propostas de solucións, debates sobre as charlas sobre o tema (Policía e Educalike), análise de resultados despois de certas actividades (ex, creación de grupo/clase en Whatsapp, Twitter usando criterios de netiqueta), debates sobre situacións reais/simuladas nas que se reflicten conflitos xerados nas redes, propostas para a creación dun “handbook” sobre o uso correcto das redes.

ciudananiad_anasotres_5.png

Que papel tivo o centro escolar e mais o claustro no proxecto conducente a educar os alumnos para formar parte dunha cidadanía responsable (p. ex. ensinando a previr riscos na publicación de datos persoais, en comentarios…)?

Aínda que durante o curso anterior os profesores tiveron un gran papel dentro do liderado das actividades en titoría relacionadas co tema, non é ata este curso cando serán o punto clave. Participaron en charlas dentro da Escola de Pais pero máis desde o interese persoal ca desde o profesional. A información que recibirán este ano será como incluír os seus novos coñecementos na súa aula, non só como titores senón como profesores que inclúen a tecnoloxía dentro da súa materia: como xestionar a INFOXICACIÓN, técnicas de curación de contidos, impactos na saúde, técnicas de lectura (traballo para modificar a lectura en F, multitarefa versus alternancia continua de tarefas, a xestión de contidos con dereitos de autor, Creative Commons).

De que xeito promove este proxecto eTwinning a cidadanía dixital? Que espazos e ferramentas da plataforma contribúen de forma máis eficaz a formar na cidadanía dixital? Hai algunha diferenza no trato deste tema nos países dos teus socios europeos con respecto a España? Que diferenzas, semellanzas?

A identidade dixital é esencial para os nosos alumnos no mundo globalizado no que vivimos. Isto é algo que compartimos todos os habitantes do planeta. A definición de Cidadanía Dixital definida como as normas de comportamento que lle concirnen ao uso da tecnoloxía considérase en proceso de definición permanente a medida que evolucionan as posibilidades da tecnoloxía.

A cidadanía dixital supón a comprensión de asuntos humanos, culturais e sociais relacionados co uso das Tecnoloxías da Información e a Comunicación (TIC), así como a aplicación de condutas pertinentes a esa comprensión e aos principios que a orientan: ética, legalidade, seguridade e responsabilidade no uso de Internet, as redes sociais e as tecnoloxías dispoñibles.

Un cidadán dixital ten dereito ao acceso ás Tecnoloxías de Información e Comunicación (TIC) e á súa apropiación, ao desenvolvemento de habilidades dixitais, ao acceso á información en liña de forma segura, transparente e privada, así como á participación a través de medios tecnolóxicos.

Todo isto é o tema do noso proxecto. En canto a eTwinning se refire, consideramos que é o feito de poder compartir as nosas experiencias na plataforma e no espazo Twinspace o que o converte nun medio de difusión e traballo esencial.

Sendo o problema base do noso proxecto, un problema global, existen poucas diferenzas entre os socios. Os profesores, as familias e os alumnos comparten a mesma desinformación e ansiedade sobre como axudar a solucionar malos hábitos.

A única diferenza atópase  en que rede social é máis usada nun país ou noutro.

 Como contribuíron as familias dos alumnos á formación destes como cidadáns activos? Nunha escala de 1 a 10, e en termos xerais, que lugar ocuparía “o grao de “cidadán dixital” destas familias? Teñen algunha formación neste tema?

 As familias teñen unha gran preocupación sobre o tema. Normalmente cren que os seus fillos/as saben máis sobre tecnoloxía ca eles. Isto é certo en canto ao uso físico das ferramentas (que botóns hai que apertar para…) pero non no que se refire ao sentido común que debe aplicarse no seu uso. Os dous grupos comparten un gran descoñecemento sobre o que é realmente o mundo dixital.

A Escola de Pais que se creou nos centros permítenos formar os pais/nais concienciados de que eles tamén deben ter a súa identidade dixital e acompañar os seus fillos/as mentres estes a adquiren. Cremos que aínda estamos en proceso de aprendizaxe pero a estas alturas do proxecto e partindo de que, en xeral, o seu grao era próximo ao 3, agora estarían nun 6.

Estes son enlaces a documentos compartidos coas familias e que se explicaron en diferentes charlas:

https://drive.google.com/open?id=0BzdwlwMiQvGROGdJN01rVnBHTDA

https://drive.google.com/open?id=0BzdwlwMiQvGRajVoUzB6R0kwenc

https://drive.google.com/open?id=0BzdwlwMiQvGRWVlPNWllajdhdDA

Cambiou a idea que o alumnado tiña, antes e despois de facer o proxecto/actividades, sobre as regras de comportamento na rede?

Como mencionamos anteriormente, só estamos a metade de camiño no noso proxecto. Durante o primeiro ano, a información traballada tiña que ver máis coa netiqueta e a privacidade nas redes ca cunha visión máis extensa do mundo dixital. É neste curso escolar no que se van traballar temas máis específicos como dereitos, saúde e responsabilidade.

Consideramos que o proxecto si está a modificar as condutas e os usos dado que, a estas alturas do curso en anos anteriores, xa se detectaban problemas relacionais derivados das redes e aínda non hai ningún caso.

Que impacto tivo este proxecto/actividades (ou a temática do proxecto, ou algunha actividade en concreto) no claustro? Hai unha maior sensibilización cara ao comportamento na rede? Tómanse máis precaucións, de que tipo? Corríxense malas actuacións? Establecéronse protocolos novos? Cambiou a disposición do mobiliario da aula de informática, p. ex.?

Co comezo do proxecto toda a comunidade escolar decatouse do descoñecemento que temos sobre o tema. Isto foi un clarificador punto de partida: o interese de todos por aprender para educar.

Por iso, modificouse o Plan de Acción Titorial do centro, creouse a Escola de Pais, elaborarase un “handbook” sobre o tema que se compartirá en todas as plataformas que usamos e crearase un protocolo de cyberbulling.

As disposicións físicas dos elementos non se poden cambiar debido á relación espazo/número de alumnos que as usan pero traballarase cos problemas de saúde que poidan derivar de malas posicións.

Entendemos que cando remate o proxecto as respostas ás preguntas formuladas poderán ser contestadas de forma positiva e polo miúdo pero, aínda estamos niso.

 Ana Mª Sotres Landache (en nome de 64 docentes participantes no proxecto).

A inclusión como tema central das actividades de eTwinning en 2017

A inclusión como tema central das actividades de eTwinning en 2017

Equipos de centro

inclusión será o tema que guiará as actividades do programa eTwinning no 2017. Desta forma continuamos unha liña de traballo baseada nos valores da declaración de París na que se promove o sentido da cidadanía, os valores de liberdade, tolerancia e non discriminación.

Desde o ámbito educativo abordaremos o concepto de inclusión desde unha perspectiva ampla dacordo ás catro grandes prioridades para a cooperación a nivel europeo que sinala a declaración de París:

  1. dar ós mozos competencias sociais, cívicas e interculturais, promovendo os valores democráticos e os dereitos fundamentais, a inclusión social, a non discriminación e a cidadanía activa
  2. estimular o pensamento crítico e a alfabetización audiovisual, en particular con relación ó uso de internet e as redes sociais, para unha maior resistencia fronte á discriminación e o adoctrinamento
  3. impulsar a educación dos nenos e mozos desfavorecidos, velando porque os nosos sistemas educativos e de formación respondan ás súas necesidades
  4. promover o diálogo intercultural a través de todas as formas de aprendizaxe, en cooperación con outras políticas e axentes.

Durante o transcurso de 2017, faremos ficapé neste tema a través de actividades de eTwinning como talleres, conferencias, campañas de comunicación, publicacións e artigos destacados no portal.

Se aínda non estás rexistrado en eTwinning, animámoste a facelo e que participes nas distintas actividades previstas.

Fonte da imaxe de cabeceira: Imaxe de uso libre deseñada por Freepik

Cidadanía dixital: B&G=COEDUCATION (BOYS AND GIRLS=COEDUCATION)

Cidadanía dixital: B&G=COEDUCATION (BOYS AND GIRLS=COEDUCATION)

Equipos de centro

Centro escolar

Lucas Rey-Matias Landaburu.

Docentes

Joserra Jiménez coa implicación de todo o profesorado do centro.

Comunidade Autónoma

País Vasco.

Países socios

Italia, Grecia, España e Polonia.

Etapa educativa

Ensino primario.

Áreas curriculares

Cidadanía, Inglés como lingua estranxeira, Historia.

Idioma

Inglés.

Recoñecemento

  • Selo de calidade de todos os países membros do proxecto.
  • Alumnos da escola de Maxisterio do País Vasco pasaron un día no centro escolar español para solicitar información sobre o proxecto para poder realizar un traballo de fin de curso sobre eTwinning e sobre o proxecto de coeducación.

A escola italiana aproveitou o día nacional da tableta (en Italia) para dar a coñecer o proxecto via Skype a outros centros italianos.

Descrición

B&G=COEDUCATION (BOYS AND GIRLS=COEDUCATION) é un proxecto pensado, deseñado e realizado para concienciar as persoas sobre os valores e principios que deben prevalecer na nosa sociedade.

Para iso desenvolvéronse actividades que por unha parte abranguen o contorno persoal e familiar do alumnado (escola, familia, medios de comunicación..) e por outra, que involucre todos e cada un dos organismos próximos aos alumnos-as (organismos locais, comerciais, ONG, etc.).

O proxecto levouse a cabo entre centros escolares de España, Italia, Grecia e Polonia e se ben no Twinspace só participou o alumnado de 6º de primaria debemos destacar que as actividades desenvolvidas implicaron todo o persoal docente do centro e as familias.

O proxecto desenvolveuse durante todo o curso escolar pero os seus efectos segundo pensamos vanse prolongar no tempo.

“Cidadania” é a área que máis se desenvolveu durante o transcurso do proxecto pero non debemos esquecer outras áreas como historia, lingua inglesa e tecnoloxía (uso das TIC)

Enlace ao TwinSpace

https://twinspace.etwinning.net/9840/hom

Obxectivos

O principal obxectivo do proxecto consistiu en poñer en práctica nas escolas o método educativo de coeducación, un método que parte do principio da igualdade entre sexos e a non-discriminación. Coeducación significa non establecer relacións de dominio por razón de sexo senón en incorporar en igualdade de condicións as diferentes realidades. Mediante este proxecto quixemos que tanto o alumnado coma o profesorado así como o resto da comunidade educativa (familias, contorno,…) sexa consciente do papel que os homes e as mulleres desempeñaron ao longo da historia.

 

socios B&G

Como xorde a idea de levar a cabo este proxecto?

A escola Lucas Rey forma parte dun proxecto educativo de tres anos de duración que se denomina “Hezkidetza-Coeducación”.

Pensamos que sería unha grande idea utilizar eTwinning como forma de difusión das diferentes actividades e propostas que a escola estaba a realizar. Desta forma conseguimos implicar máis centros europeos e así o alumnado podía de xeito crítico analizar e comparar o que sobre esta materia se realizaba en diferentes países de Europa.

Cómpre salientarmos o papel da profesora italiana que tivo que sortear diversos obstáculos para levar a cabo o proxecto xa que o seu centro é relixioso e algunhas das actividades non foron nun principio ben vistas polo seu colexio.

 

B&G Logo poll

Actividades dirixidas a difundir os valores e principios fundamentais que rexen a nosa sociedade (liberdade, igualdade,…)

As actividades propostas e desenvolvidas nos diferentes centros escolares europeos estiveron dirixidas a difundir os valores de igualdade e non-discriminación.

A seguir menciónanse algunhas destas actividades:

  1. Enquisa familiar: o alumnado realizou unha enquisa ás súas familias para coñecer o papel que cada un dos seus proxenitores realizaba na casa. Posteriormente analizáronse os resultados e comparáronse entre os diferentes países.
  2. Linguaxe sexista: os alumnos e as alumnas de cada centro percorreron as respectivas escolas en busca de carteis e signos de linguaxe sexista (sala de profesores, aula de alumnos,…) Todo o que puidese resultar discriminatorio por razón de sexo foi substituído por carteis non sexistas feitos polos mesmos alumnos-as. Posteriormente analizaron e compararon con outros países se a linguaxe nativa de cada un deles era sexista.
  3. Celebración do 8 de Marzo: unhas semanas previas ao 8 de Marzo, o alumnado traballou na elaboración de diferentes murais sobre o papel da muller na sociedade. O mesmo 8 de Marzo, e a través de Hangout, os rapaces e rapazas das diferentes escolas europeas explicáronlles os seus respectivos traballos ao resto dos compañeiros-as.
  4. Xoguetes de Nadal: coa chegada do Nadal, os alumnos e alumnas dos diferentes centros analizaron diversos catálogos de xoguetes co fin de coñecer o uso sexista ou non que a publicidade fai sobre este tema.
  5. Uso do espazo escolar: nesta actividade, os centros participantes tiveron a liberdade de traballar o uso que se fai do espazo en relación ao sexo masculino ou feminino.

 O centro español analizou o uso do patio escolar á hora do recreo, os centros grego e italiano analizaron o uso da aula en función do lugar que ocupan os nenos e as nenas.

Contos tradicionais: o alumnado analizou diferentes contos tradicionais utilizando un patrón no que anotar o uso que do papel da muller e os homes se realizou nestas narracións. Posteriormente reescribiron os contos poñendo en práctica o uso do que aprenderon durante todo o proxecto.

 

Actividades que fomentan o pensamento crítico, a reflexión, o xuízo, sobre todo no contexto de Internet e as redes sociais.

Mass Media: rol sexual.

Unha das actividades propostas ao longo do proxecto, e posiblemente unha das que máis éxito tiveron, consistiu en buscar a través de Internet diferentes exemplos de publicidade ao longo dos anos e reflexionar sobre se o uso que a publicidade fai dos estereotipos sexuais variou ou non.

Os rapaces e rapazas tamén utilizaron a ferramenta do foro dentro da plataforma de eTwinning e fíxoselles fincapé nas normas de cortesía á hora de utilizalo (linguaxe utilizada, modais, etc.)

Tamén solicitamos que desde o departamento da Ertzantza uns profesionais veñan dar unha conferencia sobre o uso de Internet (a súa charla está planificada para o segundo trimestre deste ano escolar).

Como contribuíu este proxecto eTwinning a conseguir os obxectivos da Declaración de París?

O proxecto intentou crear no alumnado, profesorado e na comunidade educativa en xeral un pensamento analítico e critico acerca da coeducación. Para iso tanto os alumnos coma as alumnas experimentaron diferentes situacións e realidades próximas ao seu contorno para que poidan coñecer os seus dereitos e deberes.

De que xeito promove este proxecto eTwinning a cidadanía activa e axuda a previr e combater o racismo, a intolerancia, a discriminación no contexto escolar e fóra del?

Todas e cada unha das actividades que se realizaron ao longo do proxecto foron deseñadas e levadas a cabo co fin de difundir os valores da coeducación para previr a discriminación por sexo e para crear no alumnado e nas súas familias un pensamento crítico ante situacións discriminatorias.

Grazas ao proxecto tanto o alumnado coma os seus familiares tiveron a oportunidade de asistir a unhas charlas sobre a violencia tanto física coma sobre todo psicolóxica que sofren moitas mulleres. Estas conferencias foron ofrecidas pola asociación “Mundu bat”.

O centro desenvolveu diferentes unidades didácticas encamiñadas a concienciar o alumnado sobre a prevención e denuncia de aptitudes discriminatorias.

 

8 marzoproyecto B&G

Que impacto tivo o proxecto no claustro? Tomou unha actitude máis activa no proceso de ensino-aprendizaxe dos alumnos para ensinar a aceptar as diferenzas de opinión, de crenzas, a diversidade e a igualdade de xénero, previr os extremismos, a desigualdade, e…?

Desde o comezo do proxecto, todo o profesorado participante tiña moi claro a implicación do claustro e a comunidade escolar no seu desenvolvemento.

Como resultado do proxecto na escola española decidiuse que durante dous días á semana o alumnado non pode utilizar material de xogo que cremos que só é usado por cada un dos sexos (balóns, gomas..) Desta forma observamos que durante eses dous días os rapaces e as rapazas pasan máis tempo xuntos e interrelaciónanse dun mellor xeito.

Por outra banda, todos os centros participantes decidiron nos respectivos claustros “ter coidado” coa linguaxe que se utiliza á hora de lles enviar notas ás familias.

 

videoconferenciaB&G

Outros comentarios destacados sobre o proxecto relacionados co tema (sinerxías con organismos locais, asociacións de inmigrantes, de refuxiados, etc.

Grazas ao proxecto, o centro educativo participou no desenvolvemento de diversas actividades desenvolvidas por organismos e asociacións do contorno:

Fundación Glog: desde o centro solicitámoslles aos pais e mais ás nais do alumnado que trouxesen á escola roupa e zapatos que non utilizan para poder doalos á ONG Fundación Glog.

Tamén temos pendente unha charla que o departamento de Internet da Ertzantza vai dar na escola sobre o tema de seguridade na rede e CiberBullyng.

O alumnado e mais as familias tiveron a oportunidade de asistir a un coloquio sobre a violencia de xénero que desenvolvemos na biblioteca do centro. Esta conferencia-coloquio desenvolveuna a asociación “Mundu bat”.

Durante o proxecto utilizamos moitas frases ou sentenzas relacionadas co tema da coeducación. Unha de elas que sintetiza a esencia e a razón de ser do proxecto é:

“You educate a man; you educate a man. You educate a woman; you educate a generation “.

Brigham Young

 

 

Como docentes, somos conscientes de que a educación en valores debe ser un traballo no que as familias e mais o profesorado debe traballar conxuntamente. Non se trata de convencer senón de facer pensar e reflexionar ante as situacións que consideramos discriminatorias e opostas aos valores que rexen a nosa sociedade. Modestamente penso que co desenvolvemento do proxecto contribuímos a botar unha semente que co tempo ha dar o seu froito.

 

Cidadanía dixital: Better eSafe than Sorry

Cidadanía dixital: Better eSafe than Sorry

Equipos de centro

Cidadanía dixital (tamén denominada cibercidadanía ou e-cidadanía) defínese como as normas de comportamento que lle concirnen ao uso da tecnoloxía. A Cidadanía dixital supón a comprensión de asuntos humanos, culturais e sociais relacionados co uso das Tecnoloxías da Información e a Comunicación (TIC), así como a aplicación de condutas pertinentes a esa comprensión e aos principios que a orientan: ética, legalidade, seguridade e responsabilidade no uso de Internet, as redes sociais e as tecnoloxías dispoñibles.

Título do proxecto:

Better e-safe than sorry

Centro escolar:

IES SAN JOSÉ (Villanueva de la Serena, Badaxoz)

Docentes:

Francisco Miguel García Barroso (Inglés)

Francisco Manuel Cano Arroyo (Tecnoloxía)

Comunidade Autónoma:

Estremadura

Países socios:

  • Sint Michael College, Koog aan de Zaan, Países Baixos
  • Hristo Smirnenski Primary School, Rakovski, Bulgaria
  • Herskind Skole og Børnehus, Galten, Dinamarca
  • Longdean School, Hemel Hempstead, Reino Unido
  • Collège Paul Gauguin, Cordemais, Francia

Etapa educativa:

3º ESO

Áreas /Materias:

Inglés, Tecnoloxía

Idioma:

Inglés e español

Recoñecemento:

Este proxecto obtivo o selo de calidade nos Países Baixos, Dinamarca, Francia e España

Descrición:

As TIC convertéronse nunha parte integral da nosa vida cotiá. Usamos Internet para unha gran variedade de tarefas: comunicármonos cos demais, mercar en liña, traballar, etc. Nos centros educativos intentamos seguir o ritmo destes novos avances pero en moitas ocasións non temos unha preparación sólida e actualizada para sabermos como axudar os nosos alumnos a entender os seus perigos e implicacións. A nosa pregunta principal é se sabemos como utilizar Internet de forma segura e responsable. O obxectivo / resultado do noso proxecto é fundamentalmente educar os nosos alumnos nun uso responsable das TIC tanto dentro coma fóra do centro educativo e sensibilizar os estudantes sobre a súa seguridade en liña, dándolles a oportunidade de atopar respostas a través da investigación colaborativa en varios temas relacionados co uso seguro de Internet.

 

alumnos trabajan competencias digitales

Enlace ao TwinSpace:

https://twinspace.etwinning.net/4386/home

Obxectivos:

  • Promover o uso das novas tecnoloxías sobre todo no referido á seguridade dixital dos usuarios de Internet.
  • Mellorar o uso das linguas estranxeiras.
  • Aumentar as capacidades do alumnado para realizar traballos en equipo.
  • Contribuír a mellorar a identidade dixital de todos os membros da comunidade educativa mediante protocolos e plans de actuación.
  • Coñecer outras culturas, compartir hábitos de vida e sobre todo respectar as opinións dos demais.
  • Saber actuar en caso de ciberacoso ou manipulación de datos en Internet.
  • Realizar protocolos de intervención en problemas derivados do uso de Internet e prover os centros cunha serie de documentos que regulen o uso e mais o acceso ás novas tecnoloxías.

Como xorde a idea de levar a cabo este proxecto/actividades?

Este proxecto parte dunha das necesidades do noso centro detectada nas reunións de titores que tiveron lugar durante o curso 2014-2105. Nese ano o noso plan de acción titorial sumouse a varias iniciativas promovidas polas autoridades locais e pola Consellaría de Educación que tiña por obxectivo alertar os adolescentes sobre o uso de Internet e as aplicacións en liña. Esta campaña de sensibilización estaba dirixida a toda a comunidade educativa xa que tanto pais coma profesores tamén debían estar ao tanto dos riscos que supón usar Internet sen unhas nocións básicas de ciberseguridade, non só polo seu propio ben senón para que deste xeito tivesen máis recursos á hora de axudar os alumnos ante calquera incidente.

Aínda que as actividades foron coordinadas polo departamento de orientación e o departamento de tecnoloxía, foron os titores dos cursos aos que ía dirixida esta información (2º e 3º de ESO) os que se encargaron de usar as horas de titoría cos seus respectivos grupos para explicarlles o tema da seguridade en liña e os riscos que implican os dispositivos móbiles, sobre todo o uso descontrolado de teléfonos móbiles que tan estendido está entre os mozos. Ao noso centro acudiron expertos para falar cos alumnos e ensinarlles que debían facer en casos de ciberacoso ou de fraude en liña para reforzar o que xa se aprendera durante as titorías.

 

trabajo en equipo- proyecto esafe

Debido aos bos resultados, para o ano 2015-2016 o noso plan de acción titorial quixo continuar con este labor sobre a seguridade dixital dos alumnos e para iso propuxéronse outra serie de actividades que non só implicasen os titores senón o maior número posible de membros da comunidade educativa. Como o noso centro é moi activo en proxectos de colaboración, suxerín empezar un proxecto eTwinning sobre o tema da seguridade dixital que ademais de cumprir cos obxectivos do noso plan de acción titorial incorporase un punto de vista máis internacional ao implicar outros centros europeos interesados en traballar sobre o mesmo tema.

Así foi como grazas aos meus contactos en eTwinning atopei uns profesores que estaban a buscar máis socios para elaborar un proxecto sobre seguridade dixital. Eles xa tiñan un proxecto aprobado que contiña un bo plan de traballo que se adaptaba ás nosas necesidades cunha repartición de tarefas equitativa e uns resultados esperados realistas e adecuados.

Actividades

  • Actividades dirixidas a formar os alumnos como cidadáns dixitais (uso responsable dos dispositivos e a rede, pautas de comportamento en Internet -especialmente nas redes sociais-, respecto aos usuarios, dereitos e responsabilidades nun medio virtual)
  • Actividades que fomentan o pensamento crítico, a reflexión, o xuízo, sobre todo no contexto de Internet e as redes sociais.

Establecemos un plan de actividades ao longo de todo o curso pero ademais das que pertencen ao proxecto en exclusividade, cada centro educativo realizou outras dentro do seu ámbito local que logo compartiu no proxecto cos outros socios. Todas as actividades están rexistradas no TwinSpace ou nas ligazóns externas que incluíron os centros educativos na plataforma.

Para levarmos a cabo este proxecto tivemos en conta a aprendizaxe baseada en proxectos e a cooperación entre os alumnos. Os profesores distribuímos os alumnos en grupos de traballo transnacionais e logo eles usaron o foro e o seu servizo de mensaxaría do Twinspace para establecer contacto entre eles e saber máis sobre os compañeiros cos que ían traballar. A partir de aí os alumnos tiveron que traballar xuntos nun proxecto de investigación sobre un dos aspectos de seguridade en liña e uso de aparatos tecnolóxicos. Nós escollemos o uso de teléfonos móbiles, o ciberacoso e os videoxogos. A partir de aí, os alumnos tiveron que traballar de xeito colaborativo usando os documentos en Google Docs para profundar no tema que tiñan que desenvolver e expoñer ante os demais. Para iso contaron cunha serie de recursos como por exemplo as fichas de traballo dispoñibles en www.webwewant.eu grazas ás cales puidemos traballar sobre temas como os dereitos e deberes dos internautas, netiqueta, redes sociais, privacidade e copyright. Tamén participamos no Safer Internet Day (SID) 2016 grazas ao apoio proporcionado pola plataforma www.chaval.es cunha serie de actividades de tipo lúdico coa aplicación SmartPrivial e realizando blogs de aula na clase de tecnoloxía. Para saberen como os seus compañeiros europeos do proxecto utilizaban a rede, os alumnos usaron sobre todo os cuestionarios en liña colaborativos que puxemos ao seu dispor desde o TwinSpace e que foron o documento de referencia para despois elaborar as presentacións finais. Tamén participamos na iniciativa promovida pola Consellaría de Educación “Foro Nativos Dixitais” para concienciarmos os adolescentes sobre o uso responsable das TIC e Internet e grazas á cal seleccionamos alumnos titores no noso centro que se encarguen de lles transmitir os seus coñecementos sobre seguridade dixital a outros alumnos. O noso proxecto integrouse nesta actividade na que participaban máis grupos pero foron os nosos alumnos de eTwinning os que lograron o seu nomeamento de “alumnos titores internacionais”, un título que recoñecía o seu labor de difusión tanto no proxecto de nativos dixitais coma no de eTwinning.

 

collage cyberbulling

Por outra banda, os profesores que formamos parte do proxecto realizamos unha segunda liña de traballo na que trazamos de forma consensuada un “Plan de acción dixital” no cal se resumen os aspectos máis importantes da ciberseguridade nos nosos centros. Para elaborarmos este plan en común o primeiro que tivemos que facer é unha análise das necesidades en canto ao tema do proxecto. Despois contamos cunha serie de recursos para que cada centro puidese valorar, de acordo coas súas necesidades, que aspectos deben mellorarse ou en cales podemos achegar unha experiencia positiva para os demais. Ao longo do proxecto vimos cales eran os puntos fortes e débiles da política sobre esafety dos nosos centros e foi así como elaboramos este “Plan de acción dixital” para todos que poida ser tomado en conta como documento de funcionamento de centro e permita activar protocolos en casos concretos que deriven do uso das novas tecnoloxías. Para a elaboración destes documentos contamos cos materiais e recursos que hai na páxina www.esafetylabel.eu. Esta plataforma outorgounos o certificado de seguridade dixital na categoría de prata polo noso esforzo e interese en facermos o noso centro máis seguro e promover bos hábitos de uso das novas tecnoloxías.

Que papel tivo o centro escolar/ o claustro/o/os profesor(es) no proxecto conducente a educar os alumnos para formar parte dunha cidadanía responsable (p. ex. ensinando a previr riscos na publicación de datos persoais, en comentarios…)?

Como xa dixen antes, este proxecto está directamente relacionado co Plan de Acción Titorial do noso centro e co programa “Foro Nativos Dixitais” dirixido a toda a comunidade educativa. O equipo directivo e o departamento de orientación axudou moito á hora de organizar as charlas tanto a alumnos coma a pais por parte de persoal experto en materia de ciberseguridade (policía, asesores TIC,…) e á hora de difundir e darlles visibilidade aos resultados obtidos. Moitos profesores sumáronse á experiencia de usar aqueles recursos citados anteriormente nas súas clases de titoría e aceptaron de bo grado que haxa un protocolo de actuación en caso de incidencias relacionadas coa seguridade dixital. O departamento de Tecnoloxía ampliou a presenza de recursos e indicacións sobre o bo uso das novas tecnoloxías na páxina web do centro http://iessanjosevillanueva.blogspot.com.es/p/blog-page.html e os profesores titores encargados de promoveren aspectos básicos da cidadanía dixital teñen agora ao seu dispor máis recursos e mellor formación para lles impartir as clases sobre cidadanía dixital aos alumnos.

De que xeito promove este proxecto eTwinning a cidadanía dixital? Que espazos e ferramentas da plataforma contribúen de forma máis eficaz a formar na cidadanía dixital? Hai algunha diferenza no trato deste tema nos países dos teus socios europeos con respecto a España? Que diferenzas, semellanzas?

Este proxecto promove a cidadanía dixital entre mozos europeos mediante o uso de certas ferramentas TIC e o TwinSpace que é onde ten lugar todo o proceso de intercambio de materiais, opinións e ideas. Mediante unha aprendizaxe colaborativa tanto alumnos coma profesores profundan no coñecemento dos riscos que implica o uso de Internet e realizan protocolos de actuación válidos para un ámbito escolar. Estes protocolos quedan fixados en dous niveis: o primeiro é o de lles dar difusión aos resultados obtidos polo traballo de investigación no que se ofrece unha visión europea dun problema ligado ao uso de Internet/novas tecnoloxías e posibles solucións por parte dos alumnos; o segundo nivel é o plan de seguridade dixital elaborado polos profesores de xeito conxunto que marque as pautas que debe seguir cada centro educativo e axude a solucionar posibles incidencias como o ciberacoso, roubo de datos persoais en liña ou non respectar a privacidade de terceiros. Este marco de actuación non só suxire que facer en tales casos senón que tamén orienta o persoal do centro educativo marcando unhas pautas claras que se deben seguir para conseguir que todos fagamos un uso responsable das novas tecnoloxías. Estas suxestións están recollidas en dous documentos que cada centro pode engadir ao seu Plan Xeral Anual: o Regulamento de Uso Aceptable do Persoal e o Regulamento de Uso Aceptable do Alumno.

 

recomendaciones esafe

Unha parte moi interesante do proxecto é a que compara varios países entre si quedando así patentes as diferenzas que hai entre os mozos europeos á hora de usaren Internet. Grazas a Google Docs puidemos elaborar unha serie de cuestionarios cuxos datos incorporamos máis tarde ás presentacións. Puidemos comprobar que case todos os mozos europeos usan o teléfono para case os mesmos propósitos e que pasan a mesma cantidade de tempo en Internet. As redes sociais ás que teñen acceso son sobre todo Facebook e Twitter aínda que o uso desta última non estaba moi difundido nos alumnos españois que usaban moito máis o Whatsapp. Con respecto ao uso dos móbiles foi revelador para moitos deles o feito de que durmisen co móbil no cuarto, algo que lles parecía normal pero que grazas a sucesivos debates na clase non tardaron en se decatar de que esa actitude demostraba que non desconectaban nunca do teléfono e que necesitaban telo sempre preto. Outro exemplo é o ciberacoso, un problema do que todos os alumnos do proxecto xa sabían algo deste tema e ata coñecían alguén que o sufrira. Despois da súa participación no proxecto, os alumnos souberon máis cousas sobre netiqueta e saber como comportarse en Internet para non dar lugar a malentendidos e situacións comprometidas. Tamén aprenderon a saber que facer ante un caso de ciberacoso e que medidas se poden adoptar.

Os resultados dos cuestionarios e as presentacións están dispoñibles no noso TwinSpace. a competencia que tamén estivo presente en todo o proxecto é a dixital. Dentro do marco DIGCOMP traballamos os seguintes aspectos da área 4 sobre seguridade:

4.1 Protección de dispositivos: o alumno xa sabe como protexer de xeito básico os seus dispositivos electrónicos e os dos demais.

4.2 Protección de datos persoais e identidade dixital: o alumno é consciente dos perigos que entraña o uso de Internet. Móstrase respectuoso coa privacidade doutros e é quen de poñer en marcha un protocolo de actuación en caso de ciberacoso.

4.3 Protección da saúde. O alumno sabe como evitar riscos para a saúde derivados do uso da tecnoloxía dixital que ameacen a súa integridade física e psíquica.

 Como contribuíron as familias dos alumnos á formación destes como cidadáns activos? Nunha escala de 1 a 10, e en termos xerais, que lugar ocuparía “o grao de cidadán dixital” destas familias? Teñen algunha formación neste tema?

As familias tamén estiveron moi implicadas neste proxecto. Para empezar tiven que poñerme en contacto con elas para explicarlles que era un proxecto eTwinning e que iamos facer na clase. Dado a temática do proxecto, pedinlles colaboración ás familias sobre todo para usar material audiovisual no que aparecesen os seus fillos e que lles permitisen usar Internet para realizar buscas sobre o proxecto. Tamén lles pedín a súa colaboración para axudar os seus fillos desde a casa, conectándose con eles a Internet e proporcionando as súas opinións como pais sobre os temas que tiñan que investigar.

Un exemplo da boa colaboración e a implicación das familias é a charla que impartiu o profesor Francisco Manuel Cano Arroyo sobre a dependencia do móbil e mais as súas consecuencias. Esta interesante intervención estivo promovida pola Asociación de Pais e Nais do noso instituto que desde o primeiro momento quixo sumarse ao proxecto e participar nas actividades de difusión. En charlas coma esta e mediante unha serie de entrevistas quedou patente que o grao de coñecemento das familias das novas tecnoloxías e os seus perigos é moi diverso. Case todos os pais e nais coñecían o ciberacoso e eran conscientes do uso do móbil e das redes sociais dos seus fillos, pero moi poucos sabían como administrar unha devasa ou establecer contrasinais de seguridade. Este tipo de formación nas familias é pois tan necesario coma entre os alumnos e é algo que quedou patente grazas a proxectos coma este e ao interese das familias por participar. Na escala proposta as familias situaríanse entre un 5 ou un 6, xa que moitas delas limítanse por exemplo a establecer horas de uso do móbil, as videoconsolas ou Internet pero moi poucas saben como controlar os contidos aos que os seus fillos teñen acceso.

Cambiou a idea que o alumnado tiña, antes e despois de facer o proxecto/actividades, sobre as regras de comportamento na rede?

  • COMUNICACIÓN (móbiles, gramática, textos, abreviacións, modismos,…
  • RESPONSABILIDADE (descargas, copyright, música, copias, imaxes, …)
  • DEREITOS (sobre as súas propias publicacións…)
  • ERGONOMÍA (danos físicos, forzar a vista, mala postura, ….)

Participar nun proxecto eTwinning pode converterse nunha experiencia de aula moi produtiva, con moitos beneficios para o alumnado e mais os profesores. No noso caso, temos que destacar o alto grao de implicación dos alumnos por realizar as tarefas do proxecto e por demostrar os seus coñecementos adquiridos do traballo de investigación ante os seus compañeiros. Os alumnos non só saben máis sobre a ciberseguridade e o uso do móbil, por exemplo, senón que se decataron de que o traballo en grupo e o intercambio de ideas ou experiencias son moi importantes á hora de ver a realidade que nos rodea desde unha perspectiva máis ampla. Agora xa coñecen como usan os dispositivos móbiles os seus compañeiros europeos e que teñen a capacidade de intervir en conflitos e saber como se poden solucionar. Convertéronse en “alumnos titores” cuxa misión é axudar os demais a usar as TIC de xeito responsable, denunciar os abusos e saber reaccionar a tempo ante un posible problema. É o labor dos profesores que participaron neste proxecto facer que ‘Better Internet tan Sorry‘ se converta nun proxecto sostible que inspire máis persoal e se impliquen de xeito activo en facer o noso instituto un lugar máis seguro para todos.

Que impacto tivo este proxecto/actividades (ou a temática do proxecto, ou algunha actividade en concreto) no claustro? Hai unha maior sensibilización cara ao comportamento na rede? Tómanse máis precaucións, de que tipo? Corríxense malas actuacións? Establecéronse protocolos novos? Cambiou a disposición do mobiliario da aula de informática, p.ex.?

O impacto do proxecto tamén se pode medir no claustro de profesores aínda que será este ano cando de verdade poidamos avaliar se todo o material que realizamos é útil. Como xa dixemos, un dos nosos logros como equipo transnacional é a publicación dun Regulamento de uso aceptable do persoal, un conxunto de normas que cada docente ten que comprometerse a seguir para lograr un uso aceptable das TIC e garantir así un ámbito seguro de traballo e ensino. O Plan de Seguridade Dixital, que cada centro elaborou segundo as súas circunstancias e características, quedará integrado na documentación de funcionamento do centro e axudará tanto á integración das TIC no plan xeral anual coma no plan de acción titorial.

 

certificado de seguridad digital

Coa recepción do certificado de seguridade de prata por parte de www.eusafetylabel.eu o noso centro débese comprometer a manter certos estándares en consonancia coa categoría que esta plataforma nos outorgou, e puxemos como obxectivo para o presente ano seguir co noso labor en canto a ciberseguridade e cidadanía dixital para conseguir a seguinte categoría e termos así un recoñecemento ao noso esforzo e traballo.

Francisco Miguel García

IES SAN JOSÉ (Villanueva de la Serena, Badaxoz)