Cidadanía dixital: B&G=COEDUCATION (BOYS AND GIRLS=COEDUCATION)

Cidadanía dixital: B&G=COEDUCATION (BOYS AND GIRLS=COEDUCATION)

Equipos de centro

Centro escolar

Lucas Rey-Matias Landaburu.

Docentes

Joserra Jiménez coa implicación de todo o profesorado do centro.

Comunidade Autónoma

País Vasco.

Países socios

Italia, Grecia, España e Polonia.

Etapa educativa

Ensino primario.

Áreas curriculares

Cidadanía, Inglés como lingua estranxeira, Historia.

Idioma

Inglés.

Recoñecemento

  • Selo de calidade de todos os países membros do proxecto.
  • Alumnos da escola de Maxisterio do País Vasco pasaron un día no centro escolar español para solicitar información sobre o proxecto para poder realizar un traballo de fin de curso sobre eTwinning e sobre o proxecto de coeducación.

A escola italiana aproveitou o día nacional da tableta (en Italia) para dar a coñecer o proxecto via Skype a outros centros italianos.

Descrición

B&G=COEDUCATION (BOYS AND GIRLS=COEDUCATION) é un proxecto pensado, deseñado e realizado para concienciar as persoas sobre os valores e principios que deben prevalecer na nosa sociedade.

Para iso desenvolvéronse actividades que por unha parte abranguen o contorno persoal e familiar do alumnado (escola, familia, medios de comunicación..) e por outra, que involucre todos e cada un dos organismos próximos aos alumnos-as (organismos locais, comerciais, ONG, etc.).

O proxecto levouse a cabo entre centros escolares de España, Italia, Grecia e Polonia e se ben no Twinspace só participou o alumnado de 6º de primaria debemos destacar que as actividades desenvolvidas implicaron todo o persoal docente do centro e as familias.

O proxecto desenvolveuse durante todo o curso escolar pero os seus efectos segundo pensamos vanse prolongar no tempo.

“Cidadania” é a área que máis se desenvolveu durante o transcurso do proxecto pero non debemos esquecer outras áreas como historia, lingua inglesa e tecnoloxía (uso das TIC)

Enlace ao TwinSpace

https://twinspace.etwinning.net/9840/hom

Obxectivos

O principal obxectivo do proxecto consistiu en poñer en práctica nas escolas o método educativo de coeducación, un método que parte do principio da igualdade entre sexos e a non-discriminación. Coeducación significa non establecer relacións de dominio por razón de sexo senón en incorporar en igualdade de condicións as diferentes realidades. Mediante este proxecto quixemos que tanto o alumnado coma o profesorado así como o resto da comunidade educativa (familias, contorno,…) sexa consciente do papel que os homes e as mulleres desempeñaron ao longo da historia.

 

socios B&G

Como xorde a idea de levar a cabo este proxecto?

A escola Lucas Rey forma parte dun proxecto educativo de tres anos de duración que se denomina “Hezkidetza-Coeducación”.

Pensamos que sería unha grande idea utilizar eTwinning como forma de difusión das diferentes actividades e propostas que a escola estaba a realizar. Desta forma conseguimos implicar máis centros europeos e así o alumnado podía de xeito crítico analizar e comparar o que sobre esta materia se realizaba en diferentes países de Europa.

Cómpre salientarmos o papel da profesora italiana que tivo que sortear diversos obstáculos para levar a cabo o proxecto xa que o seu centro é relixioso e algunhas das actividades non foron nun principio ben vistas polo seu colexio.

 

B&G Logo poll

Actividades dirixidas a difundir os valores e principios fundamentais que rexen a nosa sociedade (liberdade, igualdade,…)

As actividades propostas e desenvolvidas nos diferentes centros escolares europeos estiveron dirixidas a difundir os valores de igualdade e non-discriminación.

A seguir menciónanse algunhas destas actividades:

  1. Enquisa familiar: o alumnado realizou unha enquisa ás súas familias para coñecer o papel que cada un dos seus proxenitores realizaba na casa. Posteriormente analizáronse os resultados e comparáronse entre os diferentes países.
  2. Linguaxe sexista: os alumnos e as alumnas de cada centro percorreron as respectivas escolas en busca de carteis e signos de linguaxe sexista (sala de profesores, aula de alumnos,…) Todo o que puidese resultar discriminatorio por razón de sexo foi substituído por carteis non sexistas feitos polos mesmos alumnos-as. Posteriormente analizaron e compararon con outros países se a linguaxe nativa de cada un deles era sexista.
  3. Celebración do 8 de Marzo: unhas semanas previas ao 8 de Marzo, o alumnado traballou na elaboración de diferentes murais sobre o papel da muller na sociedade. O mesmo 8 de Marzo, e a través de Hangout, os rapaces e rapazas das diferentes escolas europeas explicáronlles os seus respectivos traballos ao resto dos compañeiros-as.
  4. Xoguetes de Nadal: coa chegada do Nadal, os alumnos e alumnas dos diferentes centros analizaron diversos catálogos de xoguetes co fin de coñecer o uso sexista ou non que a publicidade fai sobre este tema.
  5. Uso do espazo escolar: nesta actividade, os centros participantes tiveron a liberdade de traballar o uso que se fai do espazo en relación ao sexo masculino ou feminino.

 O centro español analizou o uso do patio escolar á hora do recreo, os centros grego e italiano analizaron o uso da aula en función do lugar que ocupan os nenos e as nenas.

Contos tradicionais: o alumnado analizou diferentes contos tradicionais utilizando un patrón no que anotar o uso que do papel da muller e os homes se realizou nestas narracións. Posteriormente reescribiron os contos poñendo en práctica o uso do que aprenderon durante todo o proxecto.

 

Actividades que fomentan o pensamento crítico, a reflexión, o xuízo, sobre todo no contexto de Internet e as redes sociais.

Mass Media: rol sexual.

Unha das actividades propostas ao longo do proxecto, e posiblemente unha das que máis éxito tiveron, consistiu en buscar a través de Internet diferentes exemplos de publicidade ao longo dos anos e reflexionar sobre se o uso que a publicidade fai dos estereotipos sexuais variou ou non.

Os rapaces e rapazas tamén utilizaron a ferramenta do foro dentro da plataforma de eTwinning e fíxoselles fincapé nas normas de cortesía á hora de utilizalo (linguaxe utilizada, modais, etc.)

Tamén solicitamos que desde o departamento da Ertzantza uns profesionais veñan dar unha conferencia sobre o uso de Internet (a súa charla está planificada para o segundo trimestre deste ano escolar).

Como contribuíu este proxecto eTwinning a conseguir os obxectivos da Declaración de París?

O proxecto intentou crear no alumnado, profesorado e na comunidade educativa en xeral un pensamento analítico e critico acerca da coeducación. Para iso tanto os alumnos coma as alumnas experimentaron diferentes situacións e realidades próximas ao seu contorno para que poidan coñecer os seus dereitos e deberes.

De que xeito promove este proxecto eTwinning a cidadanía activa e axuda a previr e combater o racismo, a intolerancia, a discriminación no contexto escolar e fóra del?

Todas e cada unha das actividades que se realizaron ao longo do proxecto foron deseñadas e levadas a cabo co fin de difundir os valores da coeducación para previr a discriminación por sexo e para crear no alumnado e nas súas familias un pensamento crítico ante situacións discriminatorias.

Grazas ao proxecto tanto o alumnado coma os seus familiares tiveron a oportunidade de asistir a unhas charlas sobre a violencia tanto física coma sobre todo psicolóxica que sofren moitas mulleres. Estas conferencias foron ofrecidas pola asociación “Mundu bat”.

O centro desenvolveu diferentes unidades didácticas encamiñadas a concienciar o alumnado sobre a prevención e denuncia de aptitudes discriminatorias.

 

8 marzoproyecto B&G

Que impacto tivo o proxecto no claustro? Tomou unha actitude máis activa no proceso de ensino-aprendizaxe dos alumnos para ensinar a aceptar as diferenzas de opinión, de crenzas, a diversidade e a igualdade de xénero, previr os extremismos, a desigualdade, e…?

Desde o comezo do proxecto, todo o profesorado participante tiña moi claro a implicación do claustro e a comunidade escolar no seu desenvolvemento.

Como resultado do proxecto na escola española decidiuse que durante dous días á semana o alumnado non pode utilizar material de xogo que cremos que só é usado por cada un dos sexos (balóns, gomas..) Desta forma observamos que durante eses dous días os rapaces e as rapazas pasan máis tempo xuntos e interrelaciónanse dun mellor xeito.

Por outra banda, todos os centros participantes decidiron nos respectivos claustros “ter coidado” coa linguaxe que se utiliza á hora de lles enviar notas ás familias.

 

videoconferenciaB&G

Outros comentarios destacados sobre o proxecto relacionados co tema (sinerxías con organismos locais, asociacións de inmigrantes, de refuxiados, etc.

Grazas ao proxecto, o centro educativo participou no desenvolvemento de diversas actividades desenvolvidas por organismos e asociacións do contorno:

Fundación Glog: desde o centro solicitámoslles aos pais e mais ás nais do alumnado que trouxesen á escola roupa e zapatos que non utilizan para poder doalos á ONG Fundación Glog.

Tamén temos pendente unha charla que o departamento de Internet da Ertzantza vai dar na escola sobre o tema de seguridade na rede e CiberBullyng.

O alumnado e mais as familias tiveron a oportunidade de asistir a un coloquio sobre a violencia de xénero que desenvolvemos na biblioteca do centro. Esta conferencia-coloquio desenvolveuna a asociación “Mundu bat”.

Durante o proxecto utilizamos moitas frases ou sentenzas relacionadas co tema da coeducación. Unha de elas que sintetiza a esencia e a razón de ser do proxecto é:

“You educate a man; you educate a man. You educate a woman; you educate a generation “.

Brigham Young

 

 

Como docentes, somos conscientes de que a educación en valores debe ser un traballo no que as familias e mais o profesorado debe traballar conxuntamente. Non se trata de convencer senón de facer pensar e reflexionar ante as situacións que consideramos discriminatorias e opostas aos valores que rexen a nosa sociedade. Modestamente penso que co desenvolvemento do proxecto contribuímos a botar unha semente que co tempo ha dar o seu froito.