eTwinning e KA1: Proxecto ‘Job Shadowing in Action’!

eTwinning e KA1: Proxecto ‘Job Shadowing in Action’!

Proxectos destacados

Promovendo de forma eficiente sinerxías en Erasmus + un grupo de profesores da Szkoła Podstawowa núm. 6 de Zabrze (Polonia) e do colexio FEDAC Prats de Lluçanès (España) realizou unha enriquecedora experiencia de ‘Job Shadowing’ a través da plataforma eTwinning. Carme Pellicer, coordinadora do proxecto no centro escolar español cóntanos como se foi construíndo esta experiencia e os seus beneficios para toda a comunidade educativa.

Todo empezou cando recibín un correo de Joanna da escola ZP6 de Zabrze, en Polonia, no escritorio de eTwinningLive. Nel expoñíame o seu proxecto Job Shadowing e o desexo do seu equipo de profesores de levalo a cabo na nosa escola: FEDAC Prats. Os obxectivos principais eran aprender outra lingua (o español), outra cultura e observar para aprender novos métodos de aprendizaxe para aplicalos no seu centro.

Unha vez compartida a súa idea cos meus compañeiros, non dubidamos nin un momento en lanzarnos a unha nova aventura europea. Sería o noso primeiro contacto con Erasmus+ despois de moitos proxectos eTwinning. Estabamos absolutamente decididos a dar un paso máis. Pensamos, e estabamos no certo, que se nos ofrecía unha grande oportunidade para lle dar sentido a un dos nosos obxectivos de centro: alcanzar a dimensión europea. Unha excelente ocasión para compartir experiencias, debater ideas, colaborar e aprender entre iguais de forma presencial cos profesores de Zabrze.

Durante o segundo semestre do curso 2014-2015 mantiven contacto constante e comunicación con Joanna, a coordinadora do centro de Polonia. Había moito que facer: organización do proxecto, planificación da estadía…

Cando estabamos organizando o curso 2015-16 o claustro de profesores de FEDAC Prats acordamos por unanimidade que, aínda que se trataba dun Job Shadowing, os nosos alumnos tamén estarían implicados de forma moi directa no proxecto. Deste modo, decidimos planificar o Job Shadowing como un Proxecto de Centro para o curso 2015-16 e integralo no currículo cos obxectivos competenciais correspondentes. Ademais queremos salientar que o proxecto integrou dúas formacións no centro: un curso de español para os profesores de Zabrze e un Obradoiro eTwinning para os profesores de FEDAC Prats.

Así foi como lles comunicamos aos nosos alumnos que tería lugar un Job Shadowing na nosa escola: Primeiro, Sorpresa! Despois, Entusiasmo!

 

O proxecto ía medrando e tomando forma paseniñamente. Era coma un crebacabezas no que todas as pezas son clave para conseguir o resultado desexado. A partir dunha idea construímos unha realidade.

Creamos o proxecto eTwinning: Job Shadowing in Action! https://twinspace.etwinning.net/8439/home (enlace ao TwinSpace) asociado ao Erasmus+. Un espazo ideal para reunir as actividades, que con moitísima ilusión e non menos entusiasmo, realizaron os alumnos e un lugar idóneo para a comunicación entre os profesores, para compartir experiencias, colaborar, debater e xestionar o proxecto.

En febreiro chegou por fin a semana do Job Shadowing. Iámonos coñecer en persoa! Era un evento moi esperado para todos. A mobilización foi total, xa non só por parte de toda a comunidade educativa, senón tamén por parte do Departamento de Educación da Generalitat de Cataluña, do equipo directivo de FEDAC, do Concello, de diferentes asociacións culturais de Prats de Lluçanès, das canles de televisión rexionais e mais da prensa. Tivo unha acollida magnífica. Tamén queremos facer referencia á videoconferencia realizada entre representantes dos SNA de España e Polonia, os equipos directivos e as coordinadoras do proxecto de ambos os dous centros, foi moi interesante. A todos debemos agradecerlles o acompañamento e mais a súa xenerosa colaboración.

 

Banners de las respectivas visitas
Banners das respectivas visitas

Resulta difícil atopar palabras para describirmos o que sentimos cando tivemos o primeiro encontro cos vinte profesores da escola SP6 de Zabrze. Todos estabamos moi emocionados. Foi máxico e intenso. Enseguida se orixinou unha corrente de simpatía e boa sintonía recíproca. Todos estabamos moi motivados para que o período de observación na nosa escola FEDAC Prats fose unha experiencia do máis enriquecedora para as dúas partes. E foino.

Os profesores de Polonia eran de distintas especialidades de primaria. Ademais de observar, prepararon clases para os nosos alumnos. Unha fonte de inspiración para todos. Aí a dimensión europea estaba asegurada. O idioma non foi un problema significativo xa que nos comunicabamos en español (fixeran un curso) e inglés. Ademais, o seu profesor de español facíalles de tradutor cando o necesitaban.

Este é un breve resumo do que aconteceu durante a visita dos profesores de Polonia.

 

 

Que distinto é poder falar e discutir sobre un tema en persoa! Cando as actividades de colaboración teñen lugar nunha clase real e non virtual. Este é o plus do programa Erasmus+.

O proxecto aínda non rematou. A comunicación non diminúe nin tampouco as actividades. Todos, profesores e alumnos, esperamos con anhelo as videoconferencias que levamos a cabo regularmente. A amizade e os bos recordos son magníficos.

Unha experiencia vivida con intensidade por parte de todos. Unha magnífica oportunidade para aprender entre iguais. Recomendable cen por cen!!!

Como un dos obxectivos do Job Shadowing era a observación das metodoloxías de aprendizaxe de FEDAC Prats, aí está Iza falando en nome dos seus compañeiros de SP6 de Zabrze. Unhas palabras, que unha vez máis, nos emocionan e nos chegan ao corazón. Esperamos poder realizar moitos máis proxectos xuntos.

 

Fonte das imaxes: TwinSpace do proxecto ‘Job Shadowing in Action’!