Rompendo barreiras e montando en bici a través de eTwinning: Experiencias con nenos de 5º e 6º de Educación Primaria

Rompendo barreiras e montando en bici a través de eTwinning: Experiencias con nenos de 5º e 6º de Educación Primaria

Recomendacións

Presentámosvos o traballo de fin de grao da estudante Estefanía Núñez Albiar, tutelado por Raquel Sánchez Ruiz da Facultade de Educación de Albacete. Este traballo de investigación centra a súa atención no uso pedagóxico das TIC e , de forma concreta na acción eTwinning e nas funcionalidades da súa plataforma. Analiza as vantaxes de participación en eTwinning en canto ó desenvolvemento da competencia dixital nos alumnos. Tamén destaca os beneficios lingüísticos, pedagóxicos e culturais de eTwinning para o alumnado.

Rompendo barreiras e montando en bici a través de eTwinning: Experiencias con nenos de 5º e 6º de Educación Primaria

Palabras clave: eTwinning, linguas estranxeiras, Tecnoloxía da Información e a Comunicación, conciencia cultural, sociedade dixital, Educación Primaria

Resumo

O presente traballo de fin de grao (TFG) ten como obxectivo o estudo da evolución do ensino das linguas estranxeiras ó longo dos anos e en concreto como se implementou dentro da sociedade da información e o coñecemento actual. Os métodos tradicionais puñan énfase no ensino de aspectos illados da lingua sen apenas participación ou interacción entre os estudantes, tratándose dun modelo unidireccional no que o profesor tiña un rol autoritario e os estudantes eran meros recipientes de coñecemento. Porén, as novas metodoloxías para o ensino das linguas estranxeiras conceden ós estudantes un papel protagonista dentro do proceso de ensino-aprendizaxe, fomentando un pensamento analítico-crítico, favorecendo a cooperación e participación a través de tarefas e proxectos que, ademais, ofrecen ós estudantes a posibilidade de aplicar o aprendido a situacións reais da vida cotiá. Deste modo serán capaces de adquirir as competencias básicas e, ó mesmo tempo, de prepararse para as súas vidas futuras enfrontándose ós desafíos do século XXI.

Nesta liña, este traballo céntrase no uso das tecnoloxías da información e a comunicación, máis concretamente en eTwinning, pois ofrecen ós estudantes as oportunidades que necesitan para desenvolver a súa plena personalidade e formarse como seres humanos completos dentro da sociedade dixital na que medran. Os estudantes de hoxe son nativos dixitais que coexisten coas novas tecnoloxías, non só na escola, senón na casa e no mundo que os rodea.

Así, este traballo comeza cunha introdución e xustificación, que inclúe a definición de eTwinning, os beneficios que ofrece, como facerse membro e participar nos proxectos, o uso das TIC dentro da plataforma e as posibles desvantaxes que se atopan na plataforma co fin de propoñer medidas de mellora posteriormente. Continúa coa fundamentación teórica e os obxectivos; estes últimos, ademais, divididos en obxectivos do TFG e do proxecto eTwinning en sí. A continuación desenvólvese a metodoloxía, para despois pasar ó proxecto en sí e as súas fases. Despois coméntanse os resultados esperados tanto dos alumnos como do profesor para chegar ás conclusións. Finalmente inclúense as referencias bibliográficas e os anexos.

Este traballo permite destacar os beneficios lingüísticos, pedagóxicos e culturais do uso de eTwinning nas aulas, ligándoos especialmente  á educación en valores. Igualmente destaca o valor das novas tecnoloxías na educación actual, pero tamén ten en conta os riscos que supón; propoñendo así instrucións e consellos para utilizalas de maneira axeitada. Asimesmo  o impacto da plataforma dentro da comunidade educativa tanto facendo unha revisión bibliográfica como a través dunha proposta didáctica.

Dita proposta fundaméntase na implementación dun proxecto eTwinning para alumnos de 5º e 6º de Educación Primaria na que non só se tratan aspectos lingüísticos, senón que se incorporan aspectos saudables e se promocionan os hábitos físicos na vida cotiá a través do ensino centrado no alumno e a participación activa do mesmo na sociedade. A proposta está pensada para un colexio español e outro danés, co principal obxectivo de establecer relacións facendo uso do inglés como lingua estranxeira para levar a cabo tarefas centradas en estilos de vida saudables. Ademais, os estudantes animaríanse uns a outros a montar en bicicleta e, ó mesmo tempo, aprenderían sobre as súas culturas, mellorando as súas destrezas comunicativas. Trátase dun proxecto interdisciplinar, en colaboración co profesor de Educación Física e os titores. Os alumnos traballarían en grupos de 4 ou 5 estudantes, de maneira que podan axudarse e aprender en cooperación e colaboración a través de aprendizaxe significativa e por descubrimento, que levaría á consecución dalgúns produtos finais como a realización de cuestionarios, un blog, presentacións dixitais, pósteres e folletos. Os estudantes serían avaliados de forma continua e global, tendo en conta todos os aspectos, non só cognitivamente senón tamén social ou emocionalmente, e terían a posibilidade de auto-avaliarse e co-avaliar ós seus compañeiros. Espérase unha alta motivación por parte dos estudantes, facendo uso da lingua estranxeira como medio de comunicación, disfrutando do traballo en grupo e internalizando os diferentes temas a tratar. Respecto ós profesores, espérase que fagan uso das novas tecnoloxías na súa práctica docente, ofrecendo as oportunidades que os alumnos necesitan.

O estudo contribúe a destacar o papel das novas tecnoloxías na educación e, por conseguinte, o uso de eTwinning, debido a todos os beneficios que contén. Ademais, permite ós estudantes medrar en todos os aspectos da súa vida, non só tendo en conta a adquisición de coñecementos, senón permitíndolles poñer en práctica o que saben e considerando un propósito real de comunicación, aspecto clave no ensino-adquisición das linguas estranxeiras.