Que me contas?-Qu’est-ce que tu me raContes?

Que me contas?-Qu’est-ce que tu me raContes?

Que me contas? – Qu’est-ce que tu me raContes? é un proxecto eTwinning levado a cabo entre dous centros escolares de España (Zaragoza e Peñíscola) e un de Francia (Niza).   Os alumnos e alumnas, de idades comprendidas entre os 14 e 17 anos, traballaron de forma colaborativa, usando como linguas vehiculares o español e francés, utilizando diversas ferramentas TIC, para abordar a cultura de cada país socio mediante os contos tradicionais. Trátase dun proxecto moi completo no que se ve que a comunicación e a colaboración entre os socios participantes foi moi constante e iso queda reflectido non só nos produtos finais, senón en todo o proceso de colaboración e na boa atmosfera de traballo que se transmite.

Enlace ao TwinSpace do proxecto

Lola Sánchez, profesora de francés como segunda lingua estranxeira no IES Alfred Ayza de Peñíscola (Castelló), cóntanos a súa experiencia e as dos seus socios durante o desenvolvemento do proxecto:

O obxectivo principal do noso proxecto era que tiña que ser 100% colaborativo, é dicir, que o noso produto final necesitase da colaboración de todos os alumnos participantes para poder conseguilo. Para iso decidimos que o tema central do proxecto sería o conto, traballado en todas as súas facetas: adaptacións, invención de contos, recompilacións de contos clásicos, etc.

Finalmente podemos dicir que os nosos obxectivos se cumpriron abondo xa que, ademais de crearen dous contos colaborativos, un en francés e outro en español, os alumnos demostraron unha gran creatividade á hora de inventar, interpretar ou adaptar outros contos. Todo o traballo colaborativo realizámolo con Google Drive Docs, ferramenta imprescindible para este tipo de proxectos onde os alumnos traballaron en grupos mixtos internacionais.

 

Imagen cuentos proyecto ¿Qué me cuentas?

Foi unha forma diferente de aprender a lingua estranxeira, poñendo en contexto real o que se aprende na clase, traballando cóbado con cóbado cos demais, tomando decisións, formando parte do grupo e sentíndose cidadáns europeos. Ademais puidemos coñecer os nosos socios persoalmente grazas ao intercambio realizado, o que nos permitiu estreitar eses lazos de amizade xa entretecidos a través das TIC.

Así mesmo os alumnos participaron con entusiasmo nas demais actividades propostas, realizando vídeos, cómics, teatro, etc.

A participación nun proxecto eTwinning reporta numerosos beneficios para toda a comunidade educativa; para os alumnos o principal beneficio é a motivación, séntense protagonistas da súa propia aprendizaxe, abren as súas mentes a novas culturas e fan amigos aprendendo de xeito implícito. Para o profesor, á parte de ter a satisfacción de ver os seus alumnos aprender e gozar do que fan, tamén experimenta un enriquecemento tanto a nivel persoal coma profesional, compartindo a súa experiencia docente e aprendendo da dos demais e, por suposto, mellora notablemente no seu manexo das TIC. Finalmente o centro ábrese a novas prácticas docentes, á innovación do ensino e moitos compañeiros que antes non coñecían a plataforma empezan a interesarse por ela e mesmo inician as súas propias aventuras en eTwinning.

 

Intercambio alumnos proyecto ¿Qué me cuentas?

Todos os proxectos que se realizaron servirannos para futuros novos proxectos, xa sexa adaptando as actividades ou reutilizalas nas nosas clases e como non, servirán como modelo para que outros docentes creen os seus propios proxectos.

Para min, persoalmente, este recoñecemento foi moi gratificante, unha recompensa a tantas horas de esforzo e dedicación, e motívame para seguir traballando en novos proxectos eTwinning.

Lola Sánchez, profesora de francés como segunda lingua estranxeira no IES Alfred Ayza de Peñíscola (Castelló)

A seguir, inclúovos a opinión das miñas compañeiras de proxecto:

Este proxecto permitiunos seguir progresando no campo dos proxectos eTwinning xa que puidemos cumprir cos principais requisitos: inducir a máxima colaboración entre os alumnos de diferentes países para que comuniquen entre si realizando tarefas comúns, e que vaian coñecéndose mellor, confrontando o seu xeito de pensar e de traballar cos demais, desenvolvendo unha forma de ser máis aberta, tolerante e flexible. Tamén cumprimos un obxectivo cultural descubrindo tanto a dimensión universal dos contos coma a expresión dos particularismos rexionais e nacionais. Ademais, este proxecto permitiu que os alumnos deixasen libre a súa imaxinación e a súa creatividade e que adquiran un mellor dominio das ferramentas numéricas dentro do marco escolar. O balance foi pois moi positivo para todos xa que nos permitiu mellorar en moitos aspectos desde o punto individual como académico “.

Valérie Poussigue, profesora de español como lingua estranxeira no instituto H. d’Estienne d’Orves, Niza, Francia.

Quédame pouco que engadir ao xa expresado polas miñas compañeiras de proxecto. Realmente foi unha oportunidade única para continuarmos aprendendo xuntos en colaboración. Deixou un excelente sabor de boca que nos fai querer continuar no traballo colaborativo e por proxectos. Enriquecedor para alumnos e profesores. Unha experiencia 100% recomendable para todos os profesionais da educación”.

  1. Teresa Martín, profesora de francés como lingua estranxeira no CES San Valero de Zaragoza.

E para rematar, a opinión dunha alumna:

“Os proxectos coma este non deixan de te sorprender cada día. Sempre que entras na clase, é un mundo novo, porque non sabes que vas facer ese día. Coñeces xente, creas amizades e conexións, que non sabes se no futuro, pero quen me di que non vou traballar ao estranxeiro… Tamén aprendes outra forma de traballar e de usar as novas tecnoloxías, pero creo que o máis importante é o novo vocabulario que aprendes. Xeralmente nas clases adoitas aprender palabras formais, pero mediante as conversacións que tes cos compañeiros franceses, neste caso, aprendes vocabulario coloquial, que é o que verdadeiramente usas cando vas a Francia, tanto sexa de vacacións ou para vivir. O traballo en colaboración ao principio é un pouco custoso, debido a que non estás demasiado acostumada, pero enseguida colles o ritmo. O verdadeiro problema tíveno ao utilizar a tecnoloxía, porque a verdade é que non é o meu punto forte, pero con esforzo, cada día son mellor (hahaha!). A visión que tes de Europa cambia totalmente, porque sentes menos medo á hora de embarcar en novas aventuras no estranxeiro. Grazas a plataformas como neste caso eTwinning, Europa convértese nun continente tan familiar que parece que sigas na casa”

Victoria Debernardi, 1º bacharelato IES Alfred Ayza.

 

 

 

 

 

Premios eTwinning 2015