Premio Nacional eTwinning 2019: “Cultural Heritage Trivia”

Premio Nacional eTwinning 2019: “Cultural Heritage Trivia”

Cultural Heritage Trivia une Patrimonio Cultural e gamificación, dándolles aos alumnos e profesores a oportunidade de traballar este tema de xeito divertido. Pero como adoita ocorrer en moitos proxectos etwinning, o obxectivo vai alén do que o seu nome indica, de modo que tras o pretexto de crear un trivial sobre o patrimonio cultural europeo, que xa sería interesante de seu, escóndense outros propósitos:

  • Experimentar o traballo en equipo -tanto in situ coma a distancia.
  • Aprender non só a buscar senón a verificar e clasificar a inmensa información que nos facilita Internet.
  • Estimular a creatividade, a iniciativa e o espírito emprendedor entre alumnos (e profesores).
  • Sacar o alumno da súa “zona de confort”, axudándoo a tomar decisións e resolver problemas por si mesmo.
  • Ampliar a visión que moitos alumnos teñen de Europa, achegándoos a países que non lles resultan tan familiares.
  • Mellorar a competencia dixital, aprendendo a ver ordenadores, móbiles e tabletas como potentes instrumentos de traballo e non só de ocio.
  • Experimentar ferramentas colaborativas en liña, necesarias para traballar en equipos internacionais, e seguramente útiles na súa futura vida académica e laboral.
  • Mellorar a súa competencia comunicativa, necesaria para manter o necesario contacto con todos os seus compañeiros de equipo.
  • Intentar a colaboración entre distintas materias, apreciando a educación de xeito global.
  • Tratar de sacar o proxecto da aula, buscando a contribución e participación de practicamente toda a comunidade educativa.
  • Aprender compartindo e compartir aprendendo.

É dicir, unha verdadeira pirámide de obxectivos para chegar ao cume visible, que sería o noso trivial físico e dixital. Afortunadamente, todo este traballo non foi efémero, pois ambos os dous produtos finais perdurarán no tempo, quedando ao dispor de todos aqueles que os queiran utilizar: o trivial físico pasou aos fondos da biblioteca do centro, e os xogos dixitais son de uso público e polo tanto accesibles a todo aquel que puidese ter interese, aquí ou en calquera parte do mundo.

O proxecto realizouse en colaboración cos nosos socios gregos, cos que levamos anos traballando e que xa consideramos parte do noso centro.

Maria Vasilopoulou, profesora grega á fronte do proxecto en Acharnes, escribiu un día en Twitter sobre Cultural Heritage Trivia (cito literalmente): “I loved this Project!!!!#eTwinning engaged all classes through ·CulturalHeritageTriviaProject!! Thank you dear #AnabelGarc1a 4 being my eTwinning soul mate. Thank you dear students for your hard work!!”

E é que isto é o que se necesita para desenvolver un proxecto etwinning: moito traballo, colaboración e entendemento entre profesores e alumnos de dous ou máis países. No noso caso somos dúas, Acharnes e Laviana, por iso María fala de “almas xemelgas”, dúas profesoras que entenden a educación como algo global e colaborativo, onde a aula non se limite a un espazo pechado e “aprender” non sexa unha mera obriga. Esta é a idea que nos move e que nos permitiu crear e desenvolver “Cultural Heritage Trivia”, un proxecto que conseguiu a colaboración e participación dun montón de alumnos, profesores e demais membros da comunidade educativa, como os nosos conserxes que pasaron horas plastificando tarxetas e máis tarxetas, por exemplo.

Cultural Heritage Trivia permitiulles aos nosos estudantes coñecer moitas cousas de Europa, pero tamén experimentar outros moitos aspectos do ensino-aprendizaxe que ata entón non tiveran oportunidade de vivir. Todos eran novos “etwinners”, de modo que tiveron que aprender a traballar en equipos internacionais, tema nada fácil á hora non só de se comunicar senón de tomar decisións e resolver conflitos- “que habelos hainos”, aprendendo a xestionar a espera, a incerteza ou a diversidade de opinións de xeito cordial e efectivo. Tiveron que aprender que varios “eu” teñen que dar paso a un “nós”, e que compartindo ideas e traballo se consegue avanzar máis e mellor, ou polo menos… diferente.

O proxecto desenvolveuse en varias etapas nas que se traballou:

  • O achegamento aos nosos socios, de modo que os alumnos de ambos os dous países empezasen a coñecerse e sentirse un pouco máis próximos a pesar da distancia.
  • Busca de información sobre os dous países socios en primeiro lugar, doutros países posteriormente.
  • Creación e produción dos xogos como tal, tanto o trivial físico coma os xogos en liña.
  • Colaboración e participación doutros alumnos e profesores do centro.
  • Creación doutros xogos para compartir no vestíbulo do instituto, en especial co gallo do Día de Europa.

Durante todo un curso escolar os alumnos e profesores gregos e mais os españois formamos un grande equipo. Traballamos, experimentamos, aprendemos e rimos un montón durante todo o proceso. A palabra máis repetida á hora de avaliar o proxecto en ambos os dous países foi “interesante”, seguida bastante de cerca por “esixente”, “divertido”, “creativo”, “colaborativo”, … e é que todo iso foi o noso proxecto etwinning: traballo, colaboración e diversión. Algúns alumnos reflectiron a súa opinión respecto a este traballo colaborativo nas seguintes frases (cito literalmente):

  • It’s important to share our work with others.
  • I like – we prepared games because is very interesting to play.
  • They motivate other people too
  • You learn new things
  • It is entertaining
  • Collaborate is good
  • It helps to learn how to work in group.
  • I think that is a good way to know other cultures
  • This way everyone can enjoy it.
  • It is very interesting
  • Reparing something more easily and quickly
  • Personally, I’d rather work alone but I think with teamwork we got a great result
  • A great opportunity to work and communicate more often with the other team
  • It helps everyone improve their imagination by seeing something that they did not think of.
  • It was very interesting to work with other people
  • I like knowing the opinion of others about my work
  • I really like sharing our work with other students because they can recommend us what we should change to make it better
  • We can motivate other people too
  • Can see what other students have made and collaborate to make something even better

Á vista destas opinións -e a pesar dos erros gramaticais- queda claro que os alumnos atoparon interesante este novo método de traballo. Cultural Heritage Trivia permitiunos aprender compartindo, xogando e creando. A creatividade, tan necesaria para desenvolvernos en tantas e tantas situacións da nosa vida, necesita un estímulo que a esperte. Moitos alumnos téñena aletargada, pero a participación en proxectos etwinning como Cultural Heritage Trivia permítenos abrirlles unha porta, presentarlles un camiño polo que custa empezar a andar pero no que pouco a pouco se van sentindo máis seguros, dando pasos máis firmes, conseguindo entón gozar de todo o camiño. Coma na maioría dos xogos, a meta é o obxectivo final pero o que realmente se goza é o proceso para chegar a ela. Con esa idea xurdiu Cultural Heritage Trivia e coidamos que o conseguimos.

Recibir os Selos de Calidade Nacional e Europeo primeiro e o Premio Nacional despois supón un estímulo para todos os participantes no proxecto, un recoñecemento ás moitas horas de traballo dedicadas a sacar adiante unha idea, unha motivación para seguir experimentando e desenvolvendo unha metodoloxía innovadora e gratificante pero como ben din moitos alumnos, tamén moi “demanding”. Como coordinadora deste proxecto non quixera deixar de lles dar as grazas a etwinning por darnos a oportunidade de traballarmos desta forma, ás axencias nacionais e europea por valorar o noso traballo e por suposto, a todos os alumnos e profesores que fixeron deste Cultural Heritage Trivia unha realidade.

Podes visitar o TwinSpace do proxecto na seguinte ligazón: https://twinspace.etwinning.net/47907

Artigo redactado por Ana Isabel García Espina

 

Premios eTwinning 2019 Premios Nacionales Uncategorized
Reglamento de protección de datos (información básica)

En cumplimiento de la normativa de protección de datos personales, le informamos de que sus datos serán incorporados al tratamiento denominado “eTwinning participación”, cuya finalidad es la participación en el proyecto de colaboración europeo eTwinning.

Puede usted ejercitar los derechos de acceso, rectificación, oposición, supresión (“derecho al olvido”), limitación de tratamiento y portabilidad y a no ser objeto de decisiones individuales automatizadas que sean de aplicación de acuerdo a la base jurídica del tratamiento. Podrá hacerlo en la sede electrónica del ministerio (http://www.educacionyfp.gob.es/servicios-al-ciudadano-mecd/catalogo/educacion/varios/proteccion-datos.html), presencialmente en las oficinas de registro o por correo postal.

Al rellenar y enviar este formulario usted concede su consentimiento inequívoco para el almacenamiento de sus datos en nuestros ficheros tal y como se especifica en nuestras normas de privacidad.

Dejar un comentario

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *