Premio Nacional eTwinning 2019: “Kids’ games in the past and now”

Premio Nacional eTwinning 2019: “Kids’ games in the past and now”

“Kids’ games in the past and now” foi a nosa grande alegría e sorpresa ao mesmo tempo. Juanen Benlliure e Elena Penalba somos dous mestres de Educación Física e Inglés respectivamente do CRA Llocnou-Rotglà, que un día decidimos aventurarnos xuntos en eTwinning. Este foi o noso primeiro proxecto e fonte de motivación para outros que o seguiron.

Trátase dun proxecto interdisciplinar entre a área de Educación Física e Inglés con alumnado de 6º de primaria de diferentes centros.

O proxecto consistiu nun traballo de experimentación e investigación do alumnado pertencente aos centros educativos de Polonia, Bulgaria, Turquía e España. O obxecto de estudo foron os xogos populares dos nenos e nenas do pasado e os de hoxe en día.

Os participantes, coa axuda das familias, descubriron que xogos foron populares no pasado en cada país para despois facer a comparación entre os diferentes países. Para iso tiveron que facerlles entrevistas aos seus familiares acerca daqueles xogos que xogaban de pequenos, co cal realizaron un traballo interxeracional moi interesante implicando os seus maiores. Finalmente, comparáronse os xogos recompilados cos que son populares entre os mozos na actualidade.

Unha parte moi interesante do proxecto foi poder poñer en práctica os xogos populares do resto dos países. As regras foron traducidas ao inglés para crear un marco común e os resultados obtidos sorprendéronnos.

O alumnado descubriu que os xogos ao longo do tempo son moi parecidos entre os diferentes países e que teñen moitas características comúns.

Os obxectivos previstos víronse satisfeitos amplamente dado que o alumnado descubriu parte das tradicións culturais propias como doutros países e ademais comprendeu que os nenos dos diferentes puntos de Europa teñen máis semellanzas ca diferenzas.

A implicación do alumnado foi total xa que aproveitamos a área de Educación Física para o desenvolvemento dos xogos populares que forman parte do currículo da área e á súa vez a área de Lingua Estranxeira (Inglés) para traballar toda a linguaxe que xeraban os diferentes xogos así como para posibilitar as situacións comunicativas cos diferentes países a través de videomeetings, lerias,…

Unha parte fundamental do éxito do noso proxecto foi a excelente participación e coordinación cos nosos socios. Nós eramos novos nesta aventura pero sentímonos moi acompañados en todo momento. Acabamos establecendo unha relación moi estreita co colexio polaco “Janna Pawla II” de Zabor co que decidimos ir un paso máis alá e dar o salto a Erasmus+. O noso proxecto KA101 “From the rural school to Europe” foi aprobado e xa completamos a primeira parte das mobilidades a este centro, que nos está a achegar un montón de coñecementos e experiencias que non serían posibles sen eTwinning.

Polo tanto, non podemos máis que afirmar que os beneficios son múltiples e que lles afectan a todos.

A nivel de centro, estes proxectos confírenlle a este unha dimensión máis moderna, máis aberta e, en definitiva, máis europea. Os proxectos eTwinning son unha vía fundamental cara á internacionalización do centro.

Por outra banda, o centro adquire prestixio. Obter un recoñecemento do nivel de Premio Nacional sitúa o noso centro por diante doutros con características similares.

A nivel de profesorado, obsérvase unha implicación que, aínda que en ocasións é tímida, se vai afianzando co tempo. Os proxectos eTwinning favorecen as sinerxías entre diferentes ámbitos e permiten implicar todo o profesorado.

A nivel de alumnado, podemos dicir que as actividades eTwinning lle achegan un extra de motivación ao noso grupo de alumnos/as. Simplemente o feito de poder contextualizar e darlle significado ao uso da lingua inglesa en contextos comunicativos que favorecen a súa aprendizaxe, relacionarse con alumnado de diferentes nacionalidades e ademais facer uso dos recursos TIC para lograr todo isto, é unha oportunidade que non podemos desaproveitar co noso alumnado.

Como docentes, poder traballar con eTwinning supuxo un sopro de aire fresco, unha fonte de motivación que nos move a investigar e a colaborar con profesionais de distintos lugares de Europa. Ademais o recoñecemento do Premio Nacional eTwinning 2019 chéganos nun momento no que xa eramos felices cos logros que estabamos a alcanzar pero ratifícanos que este é o camiño polo que debemos seguir. Polo tanto, entendemos que este é un punto sen retorno. Non entendemos a nosa práctica docente sen involucrarmos o noso alumnado en proxectos eTwinning.

Ligazón ao Twinspace do proxecto: https://twinspace.etwinning.net/31628/home

Artigo escrito por Elena Penalba e Juanen Benlliure.

Imaxes: TwinSpace público do proxecto “Kids’ games in the past and now”

 

Comparte esta noticiaTweet about this on Twitter
Twitter
Share on Facebook
Facebook
Share on LinkedIn
Linkedin
Premios Nacionales Uncategorized
Reglamento de protección de datos (información básica)

En cumplimiento de la normativa de protección de datos personales, le informamos de que sus datos serán incorporados al tratamiento denominado “eTwinning participación”, cuya finalidad es la participación en el proyecto de colaboración europeo eTwinning.

Puede usted ejercitar los derechos de acceso, rectificación, oposición, supresión (“derecho al olvido”), limitación de tratamiento y portabilidad y a no ser objeto de decisiones individuales automatizadas que sean de aplicación de acuerdo a la base jurídica del tratamiento. Podrá hacerlo en la sede electrónica del ministerio (http://www.educacionyfp.gob.es/servicios-al-ciudadano-mecd/catalogo/educacion/varios/proteccion-datos.html), presencialmente en las oficinas de registro o por correo postal.

Al rellenar y enviar este formulario usted concede su consentimiento inequívoco para el almacenamiento de sus datos en nuestros ficheros tal y como se especifica en nuestras normas de privacidad.

Dejar un comentario

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *