Premio Nacional eTwinning 2019: “Tras a pegada de Safo”

Premio Nacional eTwinning 2019: “Tras a pegada de Safo”

O ano 2018 foi o Ano do Patrimonio Cultural Europeo, precisamente foi esta unha das razóns que nos levou a través do noso proxecto a profundarmos na figura da ínclita Safo. Ademais, quixemos buscar e afondar na pegada que nos deixou na arte e na literatura europea, para que, así, o noso alumnado aprendese a valorar o legado de Grecia e Roma, ademais do noso patrimonio intanxible. Tamén 2018 foi un ano cheo de reivindicacións que xiraron arredor da figura da muller e que deron a volta ao mundo a través de movementos internacionalmente coñecidos como o “Me Too”, que se coaron nas nosas aulas e no noso día a día, ou a folga feminina que se levou a cabo en España o 8 de marzo deste mesmo ano, o Día Internacional da Muller.

Nun sistema educativo cambiante e plural, como docentes, perseguimos o obxectivo de facer reflexionar o noso alumnado sobre a realidade social do momento e a súa propia. Partindo de que moitos dos nosos estudantes teñen orixes diferentes e de que, segundo a súa procedencia, a figura da muller é tratada de moi diversas maneiras, quixemos que investigasen sobre o mundo feminino na antigüidade profundando na biografía de Safo, co fin de atopar similitudes e diferenzas entre as súas culturas de orixe e a Antigüidade, para despois contrastalas coa situación actual. Mediante a reflexión, o espírito crítico, a creatividade, a colaboración, a comunicación continua, a solidariedade e a corresponsabilidade o noso alumnado formou unha nova visión da femineidade, unha nova visión construtiva do mundo da muller.

Reformular, indagar, relacionar, actuar ou colaborar son algúns dos verbos que con máis frecuencia puidemos escoitar e empregar, mentres estudantes e docentes levabamos a cabo o noso proxecto. Todo isto acompañado de grandes doses de entusiasmo e a plena entrega do noso alumnado, que enseguida mostrou un grande interese polo proxecto e a súa temática.

Un dos nosos obxectivos principais como docentes, ademais dos mencionados con anterioridade, era a implicación e o interese dos nosos estudantes, pois non debemos esquecer que un proxecto eTwinning non é nada sen os seus protagonistas, sendo sempre eles os que marcaron o ritmo e conformaron o proxecto. Detrás de todo isto sempre houbo unha planificación absoluta e acordada en todo momento por parte dos docentes, utilizando ferramentas tanto sincrónicas coma asincrónicas que nos ofrecía o Twinspace. Todas estas ferramentas foron tamén as que empregaron os nosos estudantes para comunicarse entre eles: correo, foros, muros virtuais colaborativos como padlet e moitos outros foron algúns dos instrumentos que permitiron a comunicación e colaboración entre os diferentes institutos. Pero a parte máis emocionante, sen dúbida, eran os encontros en vivo, videoconferencias que lle permitían interactuar ao noso alumnado e realizar actividades ao unísono. Nelas non só podían coñecer os seus compañeiros e compañeiras de equipo e escoitar as súas voces, senón tamén comunicarse e establecer un pequeno diálogo con eles.

Con todo, ás veces, a falta de coincidencia do horario das clases ou o tempo en contra non nos permitía levar a cabo este tipo de actividades. Aínda así supliuse perfectamente poñendo ao dispor dos nosos estudantes ferramentas colaborativas accesibles e fáciles de utilizar. Eles só tiñan que elixir a actividade ou o grupo no que querían participar; deste modo empregamos documentos colaborativos a xeito de borrador como Meetingwords, nubes de palabras con Answergarden, presentacións con Prezi, votacións con Tricider, o xa mencionado Padlet, Calameo ou presentacións en vídeo. Durante todo o proxecto leváronse a cabo actividades orixinais coas que intentamos romper a monotonía da aula tradicional e fomentar a aprendizaxe significativa do noso alumnado.

Buscouse a interdisciplinariedade en todo momento no proxecto. Para iso, realizamos actividades centradas na arte ou na literatura. A creación dunha galería virtual utilizando a ferramenta Artsteps, grazas á cal puidemos crear a nosa propia pinacoteca consagrada á décima Musa, fomentou o interese dos nosos estudantes pola arte, os seus movementos e autores. Neste punto cómpre salientarmos a especial insistencia do profesorado do proxecto en respectar os dereitos de autor das imaxes que os nosos pupilos atopaban na web, chegando a crear un apartado propio que lles puidese servir de guía e onde podían atopar consellos e enderezos de páxinas web de interese. En canto á literatura, non só os estudantes tiveron que investigar e aprender en profundidade os trazos da poesía sáfica e algúns dos seus versos, senón que tamén indagaron acerca da súa supervivencia na literatura universal, buscando a súa pegada en autores clásicos e contemporáneos e, como non, noutras poetisas referentes, para despois presentalo todo nun canvas realizado coa ferramenta Smore.

As competencias clave estiveron presentes ao longo de todo o proxecto, desenvolvéndose todas e cada unha delas a través de todas as actividades, xa que con elas se fomentaba o espírito emprendedor e autónomo do estudante, a capacidade de colaborar e participar, de traballar en equipo e a de aprender a aprender. Ademais, fomos testemuñas de como o alumnado de ambos os dous países melloraba notablemente a súa comunicación lingüística, tanto a nivel oral coma escrito, uns porque practicaban unha lingua estranxeira e outros porque incrementaban o seu vocabulario, practicaban a redacción e expresábanse en público. Con todo, de todas elas foi a competencia dixital a que tivo un papel principal en todo o proxecto, pois os nosos estudantes fixeron un uso responsable das TIC en todo momento, ademais de utilizalas de xeito crítico e responsable para obter información, analizala, producila e intercambiala cos seus respectivos equipos.

Para alcanzar este propósito, o alumnado realizou todas as actividades con ferramentas que lles propoñían os seus docentes ou ben achegándolle ao grupo as que eles xa coñecían, todo iso recollido nun Twinspace aberto. Impulsar a aprendizaxe, o dinamismo, a participación e a cohesión entre equipos ás veces conseguíase mediante pequenas avaliacións elaboradas polos propios estudantes e que permitían, ademais, retar o resto de estudantes a través de cuestionarios e quizzes.

A capacidade de autoxestión do traballo do noso alumnado ao longo do noso proxecto foi in crescendo, podendo observar como durante os primeiros días sempre esperaban as nosas indicacións para empezar a traballar, mesmo para conectarse á plataforma ou falar cos seus compañeiros, converténdose practicamente ao final en autodidactas, estudantes case independentes cunha capacidade de autotraballo e decisión propias dun universitario. Tanto á hora de traballar dentro da aula coma fóra dela e de coordinarse cos seus equipos, todos mostraron un gran respecto polos demais compañeiros e unha grande ilusión por colaborar e traballar cos demais. Ao comezar o proxecto incluíuse unha carta de boas prácticas onde se lles aconsellaba que fosen respectuosos cos seus colaboradores e na que se apelaba ás boas formas á hora de escribir.

Os resultados do proxecto foron moi positivos, compartindo esta impresión tanto discentes coma docentes. Decidimos facer unha avaliación entre todos nun evento programado en vivo que nos serviu para intercambiar impresións e para despedirnos dos distinto equipos. O entusiasmo e a ilusión dos nosos estudantes, ademais das palabras que lle dedicaron ao proxecto, fíxonos conscientes do impacto que tivo entre nós. Antes de despedírmonos, orgullosos tanto alumnado coma docentes cos resultados conseguidos, decidimos sacar das nosas aulas as múltiples tarefas realizadas e organizar unha exposición nos nosos centros do noso proxecto, inundando os corredores e a entrada central con códigos QR, para que o resto de estudantes do centro escolar e da comunidade educativa e demais traballadores do centro puidesen ver unha mostra do que levaramos a cabo na clase. O traballo tamén foi difundido nas RRSS a través dunha etiqueta creada ex profeso para tal propósito e que serviu para lles achegar o noso traballo a outros docentes e mozos de fóra dos nosos centros. Ademais, tras recibir o Selo de Calidade, varios xornais fixéronse eco da noticia, dedicándolle un artigo ao noso esforzo e traballo. Mesmo a presidenta do Govern Balear, Sra. Francina Armengol, envioulle unha carta ao Instituto IES Josep Sureda i Blanes, pedíndolle ao director que lles transmitise as súas felicitacións aos estudantes participantes no proxecto e mais á súa profesora.

Foron uns meses de traballo intenso, pero enriquecedor, que pagaron a pena, porque os nosos mozos aprenderon a ver a figura da muller no mundo ao longo da historia con outros ollos, a ser críticos e a reflexionar sobre as desigualdades sociais que actualmente os rodean, pero tamén coas que non os rodean. A entender que hai que cambiar moitas das realidades que existen e, sobre todo, que hai que respectar e valorar a muller. Safo, como pioneira e única na súa época e xénero, foi a gran mestra deste proxecto, para alumnado e docentes por igual. Dámosche as grazas, Safo.

Pode visitar o TwinSpace do proxecto: https://twinspace.etwinning.net/64489/home

Artigo escrito por Inmaculada Medina Lapeña, Rogelio Martínez del Oro e Lorena Lorente.

 

 

Premios eTwinning 2019 Premios Nacionales Proxectos destacados Uncategorized
Reglamento de protección de datos (información básica)

En cumplimiento de la normativa de protección de datos personales, le informamos de que sus datos serán incorporados al tratamiento denominado “eTwinning participación”, cuya finalidad es la participación en el proyecto de colaboración europeo eTwinning.

Puede usted ejercitar los derechos de acceso, rectificación, oposición, supresión (“derecho al olvido”), limitación de tratamiento y portabilidad y a no ser objeto de decisiones individuales automatizadas que sean de aplicación de acuerdo a la base jurídica del tratamiento. Podrá hacerlo en la sede electrónica del ministerio (http://www.educacionyfp.gob.es/servicios-al-ciudadano-mecd/catalogo/educacion/varios/proteccion-datos.html), presencialmente en las oficinas de registro o por correo postal.

Al rellenar y enviar este formulario usted concede su consentimiento inequívoco para el almacenamiento de sus datos en nuestros ficheros tal y como se especifica en nuestras normas de privacidad.

Dejar un comentario

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *