Síguenos:
  •  
  •  
  • Search
    Close this search box.

    Tomo a palabra

    ‘Tomo a palabra’ é un proxecto eTwinning que se realizou entre centros escolares de Francia, Italia, Inglaterra, Turquía e España. Trabállase fundamentalmente a competencia lingüística do alumnado participante usando o español como lingua vehicular. As actividades realizadas en colaboración cos centros socios reflicten uns resultados máis que satisfactorios o que incrementou a motivación do alumnado, propiciou o traballo das competencias clave e o traballo en equipo en agrupacións internacionais. Ademais subliñamos a boa difusión do proxecto a través da web do centro escolar e a través das RRSS como Facebook e Twitter. O docente Juan Fco. Peñas Viso, coordinador no centro escolar CPEIP San Babil (Navarra), descríbenos como viviron esta experiencia e o importante que é facer equipo e apoiarse nos proxectos eTwinning.

    O proxecto foi deseñado para traballar a competencia lingüística co alumnado participante, tanto na comprensión coma na expresión oral e escrita. Utilizamos o español como lingua vehicular do proxecto. Para uns tratouse da súa lingua materna e para outros dunha lingua estranxeira. Participaron alumnado e profesorado de Francia, Italia, Inglaterra, Turquía e España. Colaborando entre todos, o proceso de ensino-aprendizaxe resultou máis motivador e significativo.

     

    Mapa de socios

    Os obxectivos que nos formulamos ao principio fóronse alcanzando ao longo do proxecto:

    1. Comunicarse con alumnado doutros países e interesarse polos seus gustos e formas de vida para potenciar a dimensión europea“. Para iso realizamos videoconferencias e utilizamos o foro do Twinspace, principalmente.
    2. Expresarse oralmente e por escrito adecuadamente, tendo en conta as características das diferentes situacións de comunicación“. Realizamos o traballo de diferentes tipos de texto que foron presentando nas distintas producións escritas.
    3. Utilizar as tecnoloxías da información e a comunicación (TIC) e diferentes ferramentas web 2.0 coa finalidade de obter información e de presentar as distintas producións“. Utilizamos distintas ferramentas TIC e Web 2.0 para poder realizar as actividades de xeito colaborativo entre os grupos de nacionalidades mixtas.
    4. Traballar de xeito colaborativo cos compañeiros da clase e cos dos centros asociados“. Non só se levou a cabo un traballo de grupo entre o alumnado da clase, senón que tamén se realizaron actividades colaborativas co resto de compañeiros dos centros asociados.
    5. Mellorar a competencia lingüística no alumnado a través do desenvolvemento das actividades do proxecto“. Cada alumno mellorou o seu nivel de competencia lingüística a través das actividades propostas, tanto escritas coma orais, aprendendo a expresarse a través dos distintos tipos de textos traballados.

    O feito de que o alumnado fose de cinco países diferentes e de distintas etapas educativas non foi ningún problema. Pola contra, permitiu un enriquecemento maior coas achegas nas distintas actividades do proxecto. En España, o alumnado do CPEIP “San Babil” de Ablitas era do terceiro ciclo de primaria (10-12 anos), mentres que en Francia (Colexio Voltaire de Saint Florent Sur Cher e Colexio Gounod de Saint Cloud), Italia (IC de Borgoricco) e Turquía (Isik Okullari de Istambul) foi alumnado de educación secundaria (12-14). O de Inglaterra (Midfield Primary School de Orpington Kent) era de primaria e, aínda que a súa incorporación foi tardía, participaron satisfactoriamente nalgunhas das actividades do proxecto.

     

    tomo_la_palabra_comic

     

    Leváronse a cabo videoconferencias entre o alumnado, á vez que o resto de compañeiros usaba a charla e os foros do Twinspace. Gustaríanos máis interacción entre eles, pero o diferente horario escolar e de calendarios non posibilitou máis oportunidades.

    A participación de todos os socios do proxecto foi excelente, desde a planificación e coordinación entre o profesorado a través das videoconferencias, como a realización das actividades por parte do alumnado. As distintas fases do proxecto permitiron traballo individual, en pequenos grupos de clase e en grupos de nacionalidades mixtas. Como resultados do proxecto atopámonos coas distintas producións lingüísticas realizadas, o uso apropiado das TIC e das ferramentas web 2.0 para levar a cabo as actividades, a aprendizaxe baseada en proxectos (ABP) e a maior concienciación da dimensión europea ao ter compañeiros doutros países europeos. Deste xeito, o proxecto cumpriu cos catro principios básicos do programa eTwinning.

     

    Principios básicos_eTwinning

    No meu centro escolar levamos a cabo unha coordinación interna entre os titores do terceiro ciclo de educación primaria para integrarmos o proxecto dentro da nosa programación da área de lingua castelá. Polo tanto, formamos un equipo docente eTwinning que permitiu a participación de todo o alumnado do ciclo e que tan satisfactoriamente resultou.

    O maior beneficio foi a motivación do alumnado coa participación nun proxecto eTwinning. Como mestres, permitiunos mellorar as estratexias metodolóxicas tendo en conta as achegas dos nosos socios e fíxonos ser máis creativos propoñendo tarefas para un alumnado con idades e destrezas lingüísticas diferentes. Para o alumnado, o feito de realizaren un proxecto con compañeiros doutros países facilitoulles a concepción da cidadanía europea e fíxolles ver as cousas desde outras perspectivas, compartindo espazos e colaborando en producións finais.

    https://twinspace.etwinning.net/662/home

    Os materiais que se elaboraron ao longo do proxecto poden servir como exemplo dos distintos tipos de textos traballados e que están dentro do currículo da área de lingua. O uso creativo das distintas ferramentas web 2.0 para levar a cabo as actividades colaborativas entre o alumnado pódelles ofrecer aos docentes ideas para levar a cabo os seus proxectos eTwinning. Do mesmo xeito, a organización do Twinspace como lugar preferente de difusión do traballo realizado pode axudar a estruturar e darlle maior utilización noutros proxectos.

     

    Periodico_Tomo_la_palabra

    Aínda que noutras ocasións o premio nacional recaía só no coordinador do proxecto, nesta ocasión somos dous profesores os afortunados, Pedro Pablo Lucena Redondo e Juan F. Peñas Viso. Para o primeiro supuxo o seu primeiro premio a nivel nacional e viu recoñecido, cunha grande alegría, o seu traballo na sombra. Para min, que xa recibín varios premios, segue sendo un grande estímulo para continuar planificando e ofrecendo proxectos tan motivadores e, coma este, tan ben valorados, malia que cada vez hai máis proxectos eTwinning de calidade, o que nos fai sentir máis orgullosos aínda do traballo realizado. Desde aquí gustaríanos aos dous dedicarlle este premio á nosa compañeira de ciclo Mª Jesús Escribano Ayensa que tamén participou co seu alumnado no proxecto e que está de baixa.  Parabéns e moitos ánimos!!!

    Sempre pensei que unha alta porcentaxe do éxito dun proxecto eTwinning está nos socios que participan. Por iso lles pedín aos meus queridos e admirados compañeiros de proxecto que “Tomen a palabra” e escriban as súas impresións.  Grande Equipo!!!

     

    planificación_Tomo_la_palabra

    • Isabelle Gry (Colexio Voltaire de Saint Florent Sur Cher, Francia):

    “Encantada de tomar a palabra para falar do noso proxecto que foi, tanto para min coma para os meus alumnos, unha aventura moi enriquecedora. TOMO A PALABRA non foi o primeiro proxecto para min, pero si a primeira experiencia con varios socios e con grupos de alumnos moito máis numerosos, de diferentes niveis lingüísticos e idades. Ao principio xurdíronme dúbidas pero confiei en Juan, na súa ampla experiencia e grande entusiasmo. Aprendín moitísimo con el sobre planificación e colaboración, pero tamén sobre organización do TwinSpace, uso de ferramentas e agradézollo moitísimo.

    Desde o punto de vista dos alumnos, o proxecto tamén significou unha multitude de beneficios. Primeiro, abriuse a miña aula a Europa: os alumnos decatáronse, no seu primeiro ano de aprendizaxe do español, de que a lingua é ante todo un medio de comunicación entre persoas e que o idioma, a distancia e a cultura non son unha barreira para facer amigos doutros países e aprender cousas novas xuntos.

    Por outra banda, propúxose no proxecto unha serie de actividades moi atractivas e estimulantes cunha gran variedade de ferramentas TIC que fomentaron a participación activa dos alumnos así como a súa creatividade. Así sucesivamente transformáronse en debuxantes, xornalistas, cociñeiros, guías turísticos, … divertido xeito de mellorar e ampliar a comunicación na lingua estranxeira xunto aos seus compañeiros europeos.

    Non só usaron as TIC e aprenderon os contidos da materia e da cultura senón que tamén desenvolveron unha serie de competencias transversais moi importantes para o seu futuro. Cos grupos de nacionalidade mixta, aprenderon a traballar en equipo en todas as tarefas, vendo a importancia e o papel que cada un ten na realización do proxecto, a ser tolerantes coa diversidade de ideas e opinións que cada un pode achegar.

    Os resultados do proxecto foron moi positivos, e non só se ven na autoavaliación e avaliación do proxecto que realizaron os alumnos, observáronse na clase cando se vían felices, entusiastas e motivados realizando as actividades, satisfeitos co traballo realizado, cando foron eles mesmos os que preguntaron a finais de curso se ían facer outro proxecto, ou cando superaron a dificultade de falar en público para lles presentar o proxecto aos seus compañeiros e familias.

    O que tamén valoro moito no proxecto é a comunicación cos socios que foi excelente, axudámonos mutuamente e compartimos ideas. Máis ca socios somos un equipo, un equipo de amigos que seguen traballando xuntos, gozando coa marabillosa metodoloxía que nos facilita eTwinning.  Grazas compañeiros, grazas eTwinning “!

     

    • Vanessa Gisbert (Colexio Gounod de Saint Cloud, Francia):

     “Tomo a palabra para lles dar as grazas aos meus socios e en particular a Juan e a Pedro que me acolleron primeiro neste proxecto. Con eles, eu e mais o meu alumnado aprendemos moitísimo. Este proxecto foi unha aventura extraordinaria. Primeiro claro, para o alumnado, os beneficios foron numerosos desde o punto de vista lingüístico, cultural pero tamén desde o punto de vista humano.

    Grazas a eTwinning, Europa foi máis ca unha palabra, os alumnos puideron experimentar o que era a cidadanía europea. Coas tarefas colaborativas e os intercambios culturais nas distintas actividades, tomaron conciencia de que a xuventude dos diferentes países tiña moito en común, pero tamén con outras tarefas como a das festas, por exemplo, coñeceron costumes que non sospeitaban. Foi unha formidable apertura cultural.

    Moitas veces os alumnos pensan que o que estudan está moi afastado da súa vida cotiá, e é un pouco aburrido. Pero co proxecto “Tomo a palabra” comprobaron que a lingua que estaban a aprender permitía esta comunicación, pero que tamén necesitaban competencias transversais para poder levar a cabo as actividades. ‘Super chef’ foi un gran momento para eles, por exemplo, cando tiveron que realizar na casa unha receita doutro país, e non só os alumnos gozaron desta tarefa, pero tamén as súas familias. Como o mostra a avaliación, esta aventura encantoulles, o intercambio con tantos países, o uso das TIC, o traballo colaborativo entre países pero tamén entre alumnos da clase creou unha gran solidariedade dentro da aula.

    Tamén foi unha experiencia inesquecible para min. E agora vouvos falar dos meus socios, sen eles claro, o proxecto non existiría. Son moi xenerosos, en particular Juan e Pedro e teñen moita paciencia. ‘Super Juan’, como lle chama Sara, a calquera hora contestaba cando un de nós tiña un problema técnico. Coñece unha morea de ferramentas, sempre busca outras novas, e ten unhas ideas fantásticas. Somos máis ca socios, somos un equipo, coidamos uns dos outros, cando un ten un problema os demais intentamos axudalo. Para comunicármonos, utilizamos as videoconferencias, o correo electrónico, WhatsApp, algúns Twitter.

    Penso que o que nos une é a idea de que o ensino ten que evolucionar, saber non ten que quedar dentro da aula, as novas tecnoloxías permítennos revolucionar os métodos, e ofrecerlles aos nosos alumnos unha visión máis ampla do mundo e dos coñecementos. Pero tampouco sería posible sen o programa eTwinning, o feito de que sexa unha institución oficial europea axúdanos moito e ofrécelles aos pais unha seguridade co Twinspace. Os selos e mais os premios motivan moito o alumnado.

    Vou rematar dándolles as grazas aos meus alumnos polo entusiasmo e o excelente traballo neste proxecto”.

    • Sara Terrassan (IC de Borgoricco, Italia):

    “Eu tamén tomo a palabra para lles agradecer aos meus compañeiros o gran traballo e, por suposto, agradézolles aos meus alumnos que participaron con fervor. O proxecto foi inicialmente deseñado de maneira que se puidese traballar cos contidos e as competencias lingüísticas que se desenvolven normalmente nunha clase de ELE de nivel A1/A2, por iso, foi moi fácil enganchar os meus alumnos e organizar o traballo. O español é a segunda lingua estranxeira que estudan e só empezaron dous anos antes con dúas clases semanais. Tiveron a posibilidade de utilizar o español para expresarse con colegas europeos e isto motivou a súa aprendizaxe. Ademais puideron contar algo sobre a súa realidade con receitas tradicionais e noticias locais, ás veces aprenderon algo novo sobre o seu territorio só para podérllelo contar aos colegas do proxecto. Isto para min foi o maior éxito: que os alumnos quixesen aprender para poder comunicar.

    A axuda constante entre os profesores, sobre todo de noso ‘super Juan’ e o entusiasmo dos alumnos por estudar deleitándose, fixeron a gran diferenza que ten este proxecto respecto a outros que completei durante os anos pasados.

    Pedro e Juan, Grazas por compartir o voso moi merecido galardón! “

    • Beril Tapkan (Isik Okullari de Istambul, Turquía):

    “Participar no proxecto ‘Tomo a palabra’ foi un pracer non só para min e tamén para os meus alumnos. Teño que salientar que aprendemos moito. ”Tomo a palabra” foi o segundo proxecto que fixen en eTwinning, pero foi unha experiencia totalmente diferente. Tiven dúbidas sobre a combinación do proxecto co meu plan de estudos. Co apoio dos meus compañeiros de eTwinning fíxeno rapidamente e de forma sinxela. Co proxecto tiven a oportunidade de lles ensinar aos meus alumnos que hai un mundo fóra da escola no que a xente fala español con diferentes niveis. Ganaron fluidez e motiváronse coa preparación dos vídeos, guías turísticas, etc.

    Os meus alumnos só tiñan o coñecemento de español como lingua estranxeira que adquiriron durante o primeiro ano da aprendizaxe. A pesar disto, esforzáronse por coñecer os seus socios de España, Francia, Italia e Inglaterra.

    Usar as TIC na aula foi unha boa oportunidade para mellorar os coñecementos e converteuse nunha experiencia máis enriquecedora ca un seminario.

    O proxecto foi o gran traballo en equipo para min. Durante o proxecto sentín coma se os meus compañeiros e eu traballaramos na mesma escola pero en campus diferentes. ‘Tomo a palabra’ achegou os continentes e mais as ideas.

     Grazas por todo compañeiros!  Grazas ‘Tomo a palabra’!”

    • Miguel Santillán (Midfield Primary School de Orpington Kent, Inglaterra):

    Tomar a palabra en eTwinning foi unha das experiencias de aprendizaxe máis integrais que tiven. Como facilitador, a miña aprendizaxe levoume a coñecer e utilizar ferramentas TIC e Web 2.0 que enriqueceron o meu horizonte de práctica docente. As frecuentes comunicacións entre os profesores e alumnos espertaron a miña inquietude e coñecemento sobre o que sucede nas aulas noutros países europeos en estratexias de ensino e aprendizaxe. A retroalimentación e a evidencia na aprendizaxe dos alumnos participantes no programa foi extraordinaria pois tanto os alumnos coma a aprendizaxe do español foron o centro do proxecto e o motor que o impulsou ao éxito que hoxe se lle recoñece. Sendo esta a nosa primeira experiencia en eTwinning e aínda sendo un proxecto ao que nos incorporamos na parte final, a profesionalidade dos colegas e a motivación do alumnado que participou conduciunos a progresar e aprender constantemente. Non teño a menor dúbida de que “tomar a palabra” foi unha aprendizaxe significativa e integral para todos aqueles que participamos nel.

    • Pedro Pablo Lucena Redondo (CPEIP San Babil de Ablitas – Navarra, España):

    “Traballar mediante este tipo de proxectos colaborativos, non só resulta eficaz para mellorar o uso das distintas linguas que utilizamos no noso contorno europeo, senón que ademais nos permite inserir na aula, e polo tanto no currículo, o uso das Tecnoloxías da Información e a Comunicación (TIC).

    Este tipo de proxectos multidisciplinares permite xuntar os distintos contidos das distintas materias/áreas, ademais da colaboración con outros nenos/as, realizando así unha aprendizaxe máis significativa e enriquecedora. Este xeito de traballar co alumnado, máis aínda se o fas na súa lingua natal, fai que este sexa protagonista da súa aprendizaxe e que sexa “profesor” dos seus propios compañeiros de aula e, sobre todo, dos demais socios europeos. Por todo iso, creo que é un magnífico xeito de aprender, coñecer e tomar conciencia da nosa presenza e pertenza a Europa, así como darlles a coñecer o noso idioma aos demais e aprendermos a valoralo máis se cabe”.

    Vídeo realizado polos socios doutros países para felicitarnos polo premio.

    Moitas grazas a todos os que participastes neste proxecto, docentes e discentes, e a todos aqueles que nos apoiastes e animastes desde fóra, asesores, familias, embaixadores e eTwinners, en xeral.  Viva eTwinning!!!

    Últimas entradas
    Prototipo de proyecto "Festival de cine"
    September 2023
    Prototipo de proyecto 'Regreso al futuro'
    September 2023
    Planificación de un proyecto eTwinning con Google Docs
    September 2023
    Coido o meu medio
    September 2023
    Relevancia
    Sin categoría
    Etiquetas frecuentemente
    Enseñanza Primaria

    Publicacións relacionadas

    Resultados de la iniciativa Move2Learn, Learn2Move
    11/09/2017
    Impulsa a metodoloxía STEAM no teu centro
    22/09/2023
    eTwinning, éxito escolar para todos
    22/09/2023

    Filtros

    Filtrar por Idade
    Filtrar por Idade
    Estado
    País
    Skip to content