Os grupos son espazos virtuais nos que os usuarios eTwinning se poden reunir e debater arredor de temas específicos, materias e outras áreas de interese. Desde o lanzamento de eTwinning Live en setembro de 2015, calquera docente rexistrado na plataforma eTwinning pode abrir e moderar o seu propio grupo (un ou máis).
Tes un tema de especial interese, queres intercambiar saberes con outros docentes europeos, queres crear o teu propio Grupo?
Antes de iniciares o proceso para crealo, comproba que non existe xa un de temática parecida. Neste caso, ti pódeste incorporar ao que xa existe. Se, pola contra, se trata dun tema novo, lánzate e crea o teu!
Como crear un grupo?
Desde o Escritorio eTwinning Live, na sección GRUPOS, e premendo en CREAR UN GRUPO (lateral esquerdo da ventá), tes que encher un formulario con información sobre os obxectivos e o propósito deste grupo, incluíndo un título (intenta que sexa atractivo), descrición, obxectivos fundamentais, quen pode participar (aberto ou dirixido só aos membros que ti invites), o/os idioma(s) de comunicación e os temas sobre os que se vai traballar (podes utilizar calquera idioma pero a información dos seus obxectivos e propósitos tes que facela en inglés, para que os asesores de Bruxelas poidan comprender o texto e moderar a túa solicitude).
Desde que cubras o formulario, este quedará pendente de aprobación. Nuns días, o SCA informarate se o grupo que desexas crear é pertinente dentro da actividade de eTwinning, se responde ao propósito polo que se crearon os grupos. Se o SCA o considera conveniente, pode solicitarche información extra para aceptar/rexeitar este grupo. Unha vez aprobado, cambiará o estatus do grupo de “pendente/pending a activo/Active.
Empeza por crear un plan de traballo e deseñar como queres que sexa. Asegúrate de dotalo de certo contido antes de que invites os membros: engade unha imaxe, escribe unha mensaxe de benvida, crea algunhas páxinas, e propón algunha actividade de presentación para romper o xeo, así como temas de debate.
Un asesor do SCA supervisará o grao de actividade do grupo; se non se aprecian movementos, poranse en contacto contigo para comunicarche que é máis conveniente pechalo (p.ex. se un grupo novo non ten actividade durante 2 meses; ou se un grupo que xa existe estivo inactivo durante 3 meses, aínda que hai excepcións). Ademais, prestarase especial atención e actuarase con pulcritude para que o grupo se axuste ás políticas e á etiqueta eTwinning.
O SCA en colaboración cos SNA actúa para conseguir que os grupos funcionen, se incorporen máis membros e interactúen, para que sexan sostibles,… Todo isto conséguese cunha grande implicación e liderado do dinamizador. Se creas un grupo, tes que asumir, polo menos na etapa inicial, a dirección e mais o compromiso de coordinar e organizar as actividades e os encontros.
Xa existen unha serie de grupos destacados, creados e coordinados polo Servizo Central de Apoio (SCA) en Bruxelas. Estes grupos son de interese para os docentes polo tema que se trata, o número de membros, o nivel de actividade que teñen, etc. Están dinamizados por docentes que finalizaron o curso en liña para moderadores, ou por usuarios con experiencia en eTwinning que son expertos no/os tema(s) obxecto do grupo. Os moderadores destes grupos destacados son sempre designados polo SCA. Algúns destes grupos son:
Grupo Virxilio – your eTwinning guide (Axuda a principiantes en eTwinning).
Bringing eSafety into eTwinning projects (Seguridade en liña nos proxectos eTwinning).
Creative Classroom (Aula Creativa).
Entrepreneurship in education (O espírito emprendedor no ensino).
Game-based classroom (A Aula lúdica).
Inclusive education (Educación inclusiva).
Sustainability Education Network Service eTwinning (SENSE), (Servizo eTwinning da rede de educación para a sostibilidade, moderado por Agustín Bastida, do Centro de Formación Ambiental Ciudad Escolar e embaixador eTwinning pola Comunidade de Madrid).
Logo SENSE
STEM, (Ciencia, Tecnoloxía, Enxeñaría e Matemáticas (CTIM) de todos os niveis. Moderado por Rafael Montero, do Colexio Corazón de María e embaixador eTwinning polo Principado de Asturias).

Enlace aos grupos destacados de eTwinning: https://www.etwinning.net/es/pub/progress/groups.htm
Anímate, crea o teu propio grupo e enriquece a túa experiencia docente! Se estableces unha dinámica regular cun nivel crecente de intensidade na actividade, o grupo dará lugar a unha comunidade de docentes que aprenden uns doutros, intercambian boas prácticas, observan novos métodos didácticos de ensino, exploran novas ferramentas aplicadas a actividades de aula, etc. E non esquezas a creatividade, é vital para a supervivencia dun grupo!
Fonte da imaxe de cabeceira: Deseñada por wwww.freepik.com