Dálle a volta á túa clase con eTwinning

Dálle a volta á túa clase con eTwinning

Ferramentas TIC

Hai unhas semanas celebrouse en Madrid o V Encontro eTwinning de Profesores en Castelán: Proxecta eTwinning. Entre todos os relatorios e obradoiros que se levaron a cabo, tivo lugar un que, polo crecemento e a importancia que está a ter esta metodoloxía, queremos destacar. Trátase do obradoiro impartido por Inmaculada Contreras, “Flipped Classroom. Aprender dándolle a volta á clase”. Cada vez está máis presente o desexo de transformación do sistema educativo; a súa posta en marcha é unha necesidade que cada curso escolar se fai máis patente. Somos conscientes da importancia dun modelo de ensino-aprendizaxe centrado nas actividades que realiza o alumnado e non na memorización dunha longa listaxe de determinados contidos. Esta demanda tivo a súa resposta en novas metodoloxías (ou non tan novas?) cos seguintes puntos en común:

  • Diminución considerable do número de clases expositivas. Isto supón un cambio no rol tanto do profesorado coma do alumnado. Neste sentido, o profesorado deixa de ser un mero transmisor de coñecementos e pasa a ser un facilitador no proceso de aprendizaxe do seu alumnado. Pola súa banda, o alumnado deixa de ser un receptor pasivo e pasa a ser protagonista da súa propia aprendizaxe, desenvolvendo, deste modo, un papel moito máis activo.
  • Realización por parte do alumnado de actividades ou proxectos nos que teñan que aplicar o que aprenderon previamente. Esta relación entre os contidos que se ven na clase e o día a día do alumnado pode espertar a súa curiosidade, estimulando deste modo as súas ganas de aprender. Sabemos que o ideal é que o alumnado non estude para aprobar, senón para aprender e aplicar o que aprendeu.
  • Estreitamente relacionado co punto anterior, está a flexibilidade na aprendizaxe centrada no contexto. O alumnado aprende mediante a práctica, deixando nun segundo plano a memorización de grandes bloques de contidos.
  • Fomento, por un lado, da aprendizaxe autónoma do alumnado; por outro lado, da colaboración. O traballo en equipo facilita esta aprendizaxe entre iguais, pero hai que ter en conta que este proceso ten que estar sempre guiado polo profesorado.
  • O uso de ferramentas TIC vólvese imprescindible, aínda que hai que lembrar que o uso das TIC non supón ningunha mellora se non vai acompañado dun cambio metodolóxico.

Son moitas as metodoloxías que cumpren estes puntos (Aprendizaxe Baseada en Proxectos, Flipped Classroom, Aprendizaxe con Dispositivos Móbiles, e-Learning…), chegando en moitos casos a complementarse unhas con outras. Pero entón, que caracteriza o “flipped learning” do resto de metodoloxías? Que o fai único e especial? Son moitos os espazos, blogs e páxinas especializadas sobre flipped classroom. A finalidade deste artigo non é repetir o mesmo que podemos atopar nestes espazos, senón dar unhas pinceladas moi xerais e espertar a curiosidade, tal e como fixo Inmaculada Contreras na hora e media que durou o seu obradoiro, dos que aínda non saiban que é isto do “flipped learning”, “flipped classroom” ou “clase invertida”. Basicamente, e tal como explicaba esta docente de Plástica, trátase de facer o que se fai normalmente na casa na clase, e o que se fai na clase, facelo na casa. É dicir, ver a teoría na casa e afianzar os coñecementos na clase: a clase maxistral do docente pasa a verse na casa en forma de vídeo ou outro formato; na clase acláranse as dúbidas que puideran xurdir e empézase a traballar en actividades concretas.

 

flipped_classroom_2

As vantaxes desta metodoloxía son practicamente as que se sinalaron arriba: trátase dunha metodoloxía flexible, personalizada e adaptada ao contexto e ás necesidades de cada alumno e alumna. Por outro lado, ao ter a teoría en formato audiovisual, o alumnado pode acceder a ela sempre que queira, parar o vídeo as veces que considere oportuno, tomar notas, volver ver determinadas secuencias o número de veces que necesite, etc.

Pero como todas as metodoloxías, o “flipped learning” ten algúns puntos frouxos. O maior risco desta forma de dar clase é a exclusión do alumnado con menos medios. Temos que ser conscientes de que isto pode pasar e, en consecuencia, poñer os remedios correspondentes para evitarmos esta exclusión: se o alumnado non ten Internet, haberá que ofrecerlle o material nunha memoria externa; se non ten ordenador, facilitarlle un horario no centro escolar para que poida ver os contidos. Outro problema que nos pode xurdir é que haxa alumnos e alumnas que non cheguen a afacerse a esta forma de dar clase, ou familias que non apoien esta metodoloxía. Hai que estar preparados para estes posibles rexeitamentos.

Durante o seu obradoiro, Inmaculada Contreras tamén sinalou unha serie de recomendacións para lle “dar a volta á clase”.  Estes son algúns dos consellos:

  • En primeiro lugar, non pretender un cambio metodolóxico radical. Empezar paseniñamente, seleccionando só algúns grupos, algunhas materias e algunhas clases determinadas.
  • En canto ás producións e os materiais con contidos teóricos:
    • Non nos centrar só no vídeo. Este será a principal forma de mostrar a teoría, pero é conveniente utilizar outros elementos e adaptalos ás TIC (documentos PDF interactivos, por exemplo).
    • Non nos obsesionar coas producións audiovisuais que realicemos. Temos que ser conscientes de que non somos produtores audiovisuais e, polo tanto, non se espera unha calidade profesional nos materiais que creemos.
    • Aproveitar, por un lado, os recursos que se poden atopar na rede. Por outro lado, crear tamén contidos axeitados á nosa forma de dar clase. Pero se temos ao noso dispor multitude de vídeos e recursos que xa están feitos cos contidos que queremos traballar, por que molestarnos en facer uns novos? Tal e como indican Jon Bergmann e Aaron Sams (creadores do flipped learning) neste vídeo, ti como docente tes unha relación cos teus estudantes que ninguén máis ten, e iso non o vas atopar en ningún dos recursos de Internet. Se fas os teus propios contidos, poderás incorporar eses aspectos particulares e crear producións adecuadas á vosa forma de dar clase.
  • Outro aspecto moi importante é difundir o que se fai na aula e compartilo a través, por exemplo, das redes sociais.

 

claqueta

Para rematar, ensinounos as seguintes ferramentas TIC para traballar na aula: para realizar cuestionarios interactivos Kahoot; para crear e almacenar historias e cronoloxías a partir de contidos de redes sociais como Twitter ou Facebook, entre outras Strorify; para a creación de contidos Pinterest; e para crear infografías Piktochart.

Á parte destas ferramentas, aquí propoñemos outras que nos poden ser moi útiles á hora de lle “darmos a volta á nosa clase”: Symbaloo, para organizar os nosos recursos e crear paneis cos enlaces ás páxinas, vídeos e ferramentas que vaiamos utilizar nas nosas sesións de flipped learning; e para a creación de titoriais Screencast-o-matic; ou se o que queremos é crear e editar presentacións interactivas que permitan, entre outras cousas, realizarlle preguntas ao noso alumnado a medida que vaian vendo o vídeo, podemos utilizar Officemix (extensión gratuíta de power point) e EdPuzzle.

Tal e como se veu comentando ao longo deste artigo, unha característica destacable do flipped learning é a considerable redución da memorización de contidos a prol de actividades máis próximas e centradas no ámbito do alumnado. Deste modo, o tempo de traballo na aula optimízase e dedícase na maior parte a aspectos prácticos. Neste contexto, os proxectos eTwinning poden ser unha boa forma de iniciarse no flipped learning. Deixa a parte expositiva para a casa e traballa na aula nos teus proxectos eTwinning. Anímate a darlle a volta á túa clase con eTwinning!   Fonte das imaxes: Banco de imaxes INTEF. Creative Commons Attribution-NonCommercial-ShareAlike 3.0 Unported Pixabay. CC0 Public Domain.

 

 

Programación na aula con eTwinning

Programación na aula con eTwinning

Ferramentas TIC

O uso de aplicacións móbiles por todos nós é un hábito cotián. Non poderíamos concebir o noso día a día sen comunicarnos a través da mensaxería instantánea, sen comprobar antes de saír da casa o tempo que vai facer ou o estado do tráfico, sen motorizar a nosa actividade física, ou sen entreternos con ese xogo que tanto engancha.

Continuar leyendo

AIMS (Alternatives for Innovative Math Study)

Proxectos destacados

Título do proxecto: AIMS (Alternatives for Innovative Math Study)

Coordinadora do proxecto: Valentina Cuadrado Marcos

Centro: IES Alonso de Madrigal (Castela e León)

Categoría de idade: de 12 a 15 anos

 

 

 

 

AIMS é un proxecto eTwinning-Comenius cuxo obxectivo fundamental é motivar os alumnos no estudo das matemáticas investigando sobre intelixencias múltiples (MI) de Howard Gardner. O proxecto está deseñado para traballar na sección bilingüe de inglés do centro escolar a través dunha metodoloxía AICLE na que se integra a área de matemáticas.

Destacamos o intenso traballo desenvolvido polos alumnos e mais os docentes no proxecto que resulta nun extenso catálogo de produtos finais que se presentan, a orixinalidade e diversidade das actividades e os diferentes formatos e soportes usados. Tamén subliñamos a creatividade desenvolvida polos alumnos na resolución de problemas, a creación de poemas, a estética das presentacións, as representacións teatrais, as revistas, a produción plástica, etc.

Dámoslle a palabra a Valentina Cuadrado Marcos, coordinadora do proxecto no IES Alonso de Madrigal (Ávila) para que sexa ela a que nos conte como foi o desenvolvemento deste proxecto e o impacto que tivo no seu centro escolar.

AIMS é un eTwinning-Comenius levado a cabo por 7 centros de secundaria: Romanía, centro coordinador, Francia, Holanda, Italia, Polonia, Grecia e España. Non é a primeira vez que os equipos de profesores traballan xuntos, o que supón un valor positivo para o proxecto en canto ao nivel de esixencia e compromiso.

 

partners_AIMS

A pesar de que aínda non rematou xa xerou numerosos produtos finais e unha gran variedade de actividades que se atopan noTwin Space.

Descrición, obxectivos, resultados e implicación

AIMS, tal e como o seu título indica, traballa na busca de alternativas innovadoras para o estudo das matemáticas explorando a teoría sobre intelixencias múltiples de Howard Gardner co fin de descubrir e desenvolver os intereses, necesidades e habilidades particulares dos estudantes.

Neste sentido o equipo de profesores diferencia e adapta o seu sistema metodolóxico a estas particularidades.

 

flower_AIMS

O obxectivo principal do proxecto é aumentar a motivación e mais o interese polo estudo das matemáticas entre os participantes, especialmente entre aqueles cuxos resultados están por debaixo da media.

[youtube]https://www.youtube.com/watch?v=7l6Cpr9PynU#action=share[/youtube]

Por outra parte, trátase de estimular a curiosidade e o espírito investigador dos participantes conectando as matemáticas coa vida real, traballando colaborativamente en equipos transnacionais e utilizando unha gran variedade de ferramentas TIC. Búscase promover a autonomía e as habilidades de aprendizaxe independentes, co que se xera un clima de autoestima entre os estudantes.

Os acertos principais fundaméntanse no deseño de actividades específicas para cada unha das intelixencias e na distribución de tarefas entre os centros asociados.

Todos os centros realizan actividades para cada unha das intelixencias, tales como encrucillados, crebacabezas, vídeos, cancións, buscas do tesouro, mapas conceptuais, flipped lessons, gráficas, fotografías con elementos de matemáticas, etc.

Por outra banda, cada centro asume unha tarefa central dentro do proxecto.

España encárgase da creación dun DVD que forma parte dun Kit ou Guía para Profesores, onde se inclúe unha selección das actividades que desde o punto de vista dos resultados e da metodoloxía son consideradas máis útiles para cada intelixencia. Este material está publicado no blog.

 

blog_AIMS

A maior dificultade do proxecto vén dada pola gran variedade de subtemas que traballa, xa que cada unha das intelixencias require un tratamento diferente. Dada a diversificación de actividades non é fácil que todas elas teñan o mesmo nivel de aceptación e participación entre os participantes, aínda que se constata que tal como Gardner propón atender os distintos tipos de intelixencia favorece a aprendizaxe. Esta posibilidade de diferenciar sistemas serve para superar os obstáculos.

O nivel de implicación e participación activa entre os participantes, tanto estudantes coma profesores, é moi positivo. Trabállase nos obradoiros de inglés da sección bilingüe de inglés, en clases de matemáticas e tecnoloxía impartidas en inglés. Por iso os resultados non só son positivos en matemáticas senón tamén en inglés.

 

O carácter multidisciplinar do proxecto supón un incremento das colaboracións entre os departamentos implicados directamente como con outros que son colaboradores necesarios. Por exemplo o departamento de Lingua e Literatura desde o obradoiro de Publicidade e o departamento de Debuxo.

 

museo_di_metaponto_AIMS

Por outra parte mellora as relacións académicas e sociais entre os participantes xa que se traballa en tres cursos da sección bilingüe, poñéndose en valor a metodoloxía CLIL. Finalmente, pero non menos importante, a participación no proxecto achégalle riqueza e visibilidade ao centro.

 

Os materiais elaborados no Kit do produto final Guía para Profesores co seu DVD, publicados no blog xunto cos que se mostran no TS poden ser adaptados para a súa utilización por outros centros. Ademais, ao subilos tamén ao portal de EST teñen un uso máis xeneralizado.

Recoñecemento persoal

No ámbito profesional, o recoñecemento do traballado realizado no proxecto AIMS con este Premio Nacional 2015 é para min moi entrañable, especialmente neste ano no que eTwinning cumpre 10 anos.

Levo traballando en eTwinning desde que naceu e xa noutra ocasión mencionei que a viraxe que estaba a dar a miña carreira docente supoñía un éxito na miña busca de novas metodoloxías.

Por outra parte e dado que AIMS é un traballo de matemáticas supuxo para min, profesora de inglés, un gran reto. Só superado co traballo colaborativo de todos os meus compañeiros e estudantes do IES Alonso de Madrigal e dos profesores dos centros asociados, especialmente da coordinadora Comenius Irina Vasilescu.

 

ICMAT_AIMS

O noso centro xa conseguiu varios premios nacionais e un europeo, dos cales me sinto moi orgullosa. Con todo, este Premio Nacional 2015 ten un valor especial xa que se me concede o ano no que dou por rematada a miña carreira docente.

Moitas grazas polo apoio e mais as oportunidades.

 

 

Fonte das imaxees: TwinSpace e blog do proxecto.

Cyberdiscovery

Proxectos destacados

Cyberdiscovery

26

xaneiro

2015  |

Título do proxecto: Cyberdiscovery

Coordinadora do proxecto: María del Carmen Rodríguez

Centro: IES Viera y Clavijo

Categoría de idade: 12 a 15 anos

Enlace aos materiais do proxecto: Blog do proxecto

TwinSpace

 

 

 

 

Cyberdiscovery é un proxecto eTwinning cunha orixinal proposta no que alumnos/as dos centros escolares IES Viera y Clavijo (Tenerife), o Zespół Szkół Gimnazjum Nr 6 Szkoła Podstawowa Nr 13 w Zawierciu (Zawiercie, Polonia) e Heinrich-Böll-Gesamtschule (Oberhausen, Alemaña) centraron a súa investigación no uso de robots e a posibilidade de habitar o planeta Marte.

O proxecto destaca por un uso variado das TIC. Os alumnos investigan e experimentan coa robótica á vez que aprenden programación. Como resultado, o proxecto presenta un amplo catálogo de actividades e materiais orixinais e innovadores.

Trátase, sen dúbida, dunha enriquecedora forma de ensino-aprendizaxe na que se combina habilmente o traballo plástico, os cálculos, o uso dunha lingua estranxeira, o deseño, a actividade investigadora, e, sobre todo, o traballo en equipo.

María del Carmen Rodríguez e Martín Brandon Díaz Arvelo, os docentes participantes no IES Viera y Clavijo resúmennos como se levou a cabo todo o desenvolvemento deste proxecto.

 

 

cyberdiscovery_planetas

Obxectivos do proxecto

O alumnado de España, Polonia e Alemaña creou unha cidade virtual en Marte onde os robots coexisten e colaboran cos humanos, investigan e utilizan as tecnoloxías máis avanzadas. Como unha corporación internacional de científicos e tecnólogos utilizan o programa Deseñador Lego Digital Designer (CAD – ComputerAidedDesign) para deseñar sensores de cor, montar as pezas, comprobar a súa ensamblaxe en 3D, e ata crear o robot, dirixíndoo con teléfonos intelixentes, por medio de bluetooth ou seguindo instrucións desde Alemaña a España, a Polonia ou viceversa por skype.

Os alumnos investigaron e expuxeron os resultados en mapas conceptuais e chuvias de ideas (Brainstorming), representacións en cómics, vokis, diapositivas, pósteres, etc. Realizaron enquisas de opinión, entrevistando o resto do alumnado, pais, profesorado, astrónomos, científicos e empresarios sobre a cibernética, o uso de robots e as novas tecnoloxías, o uso de programas informáticos nas súas vidas diarias e profesións e como serían os futuros robots, o seu ideal de cidade virtual en Marte, o Universo, etc.

[youtube]https://www.youtube.com/watch?v=ZH39zAgFIfU[/youtube]

Fases do proxecto

Primeiro, enviaron un robot piloto, para explorar o planeta vermello e ver as posibilidades de asentamento e preparar o territorio para futuras misións. Por medio das matemáticas, elixiron a mellor situación para a aterraxe, crearon unha máquina do tempo e unha estación transmisor-receptor entre a Terra e Marte para transportar robots, dispositivos ou xente por un buraco de verme a unha velocidade maior ca a luz, atravesando as barreiras do espazo-tempo desde a Terra.

Paseniñamente, enviáronse outros robots e elementos necesarios para a construción dunha cidade (turbinas eólicas, guindastres, fitas transportadoras, materiais para a construción da cidade).

Posteriormente, enviaron un grupo de enxeñeiros para preparar a cidade e habitala, proporcionaron fogares con electricidade e auga e conectáronos á rede de sumidoiros.

Como empregados, participaron na construción de fábricas de produtos necesarios para a vida na cidade cósmica. Como enxeñeiros, deseñaron edificios en 3D, incluíndo invernadoiros, rúas, etc., co programa Google SketchUp 8.

Fases del proyecto cyberdiscovery

Como científicos, estudaron o clima e a atmosfera dentro e fóra dos edificios e do planeta vermello, realizando experimentos. Os nosos alumnos convertéronse nos primeiros habitantes do novo planeta. Crearon unha Constitución e elixiron a súa presidenta. O famoso cantautor tinerfeño Cristo Manuel Guerra Sánchez, e             ex-alumno do IES Viera y Clavijo, creou o himno nacional de Marte para o noso proxecto coa súa canción ‘She’s Electric‘. Creouse unha comunidade marciana que utilizaba o seu propio diñeiro, métodos innovadores para obter auga e alimentos sans, etc.

Finalmente concluíron o proxecto coa conquista doutros planetas do sistema solar e do Universo como Kepler 186f, lanzando foguetes e naves espaciais desde Marte.

En resumo, o alumnado utilizou a súa imaxinación e mais creatividade para deseñar un mundo virtual sostible e diferente á Terra.

Lego – The Lift

Metodoloxía de traballo

O tema da conquista do espazo e a colonización de Marte requiría un coñecemento da física, a astronomía, detalles do planeta e a análise dos fenómenos que ocorren alí. Para iso, entrevistaron astrónomos e científicos, estableceron debates, investigaron en fábricas e resumiron os resultados en diagramas e gráficas. A comunicación entre os socios foi intensa. Revisábase polo miúdo o material elaborado antes de publicalo. Usáronse formularios de avaliación cun deseño especial, analizáronse e estudáronse os fallos e desenvolvéronse estratexias de aprendizaxe para resolver problemas.

fotos proyecto cyberdiscovety

Beneficios para os alumnos

Os alumnos non só chegaron a coñecer os dispositivos modernos, e as futuras oportunidades que ofrecen estas marabillas tecnolóxicas, senón que tamén se enfrontaron coa necesidade de reflexionar sobre as cuestións relativas aos problemas do noso planeta e sobre nós mesmos. Tamén aprenderon a ser tolerantes, aceptando diferentes crenzas e actitudes, comprendendo mellor as regras do mundo e o seu funcionamento, aprendendo o respecto mutuo, pero ao mesmo tempo, xustificando os seus puntos de vista, e elixindo as mellores propostas dirixidas a todo o grupo.

 

Beneficios para os docentes participantes

O proxecto promoveu o desenvolvemento de metodoloxías pedagóxicas creativas e innovadoras que favoreceu o intercambio de experiencias e ideas entre os docentes participantes.

Beneficios para o centro

O proxecto serviu para mellorar a cooperación e comunicación entre as escolas asociadas e a comunidade educativa de cada centro. Destaca especialmente a colaboración entre departamentos e a participación dos pais dos alumnos. O proxecto tamén contou coa axuda de axentes externos, empresas e institucións diversas. O proxecto mellorou a convivencia escolar e facilitou a promoción e difusión do traballo que se realizou no centro escolar.

Acertos

  • A integración do proxecto no currículo escolar dos tres países participantes.
  • Experimentar coa robótica (Lego Mindstorm ev3) e deseñar programas para dispositivos móbiles proporcionándolle ao alumno a oportunidade de coñecer mellor distintos dispositivos tecnolóxicos innovadores.
  • Combinar no desenvolvemento do proxecto a dimensión humanista coas matemáticas, física e tecnoloxía.

Dificultades que xurdiron

  • Problemas técnicos no deseño e ensamblaxe de robots, localización de sensores, así como a elección do mellor modelo de teléfono intelixente para dirixilos.

Sobre o recoñecemento de premio nacional eTwinning 2015

Este premio supuxo un recoñecemento ao centro e ao noso labor profesional tanto para min coma para o meu compañeiro de tecnoloxía, Martín Brandon Díaz Arvelo, fomentando unha metodoloxía máis dinámica, interactiva e innovadora non só en inglés senón en todas as materias co uso variado das TIC e a robótica. O alumnado aprende deseñando materiais e realizando traballos orixinais. Isto anímame a traballar en máis proxectos deste tipo. O alumnado xa non reproduce o que se lle ensina, senón que investiga, experimenta, analiza, debate, resolve problemas, é autónomo, crea e goza do que está a aprender.

Promove que toda comunidade educativa e axentes externos se decaten de que a súa participación contribúe a deseñar unha escola máis moderna e futurista que vai alén das nosas fronteiras, das barreiras dos exercicios de clase e dos esquemas escolares.

O alumnado decátase de que a robótica e o uso innovador das TIC son esenciais na súa vida diaria e no seu futuro profesional, a cidade de Marte é a súa nova Europa.

Incluímosvos o simpático vídeo de peche do proxecto no que os alumnos simulan a súa saída do planeta Marte.

[youtube]https://youtu.be/IyYCKVTfe5M?list=UU4lObVyc3ut84oOZFkQMSoQ[/youtube]

Fonte das imaxes: Blog do proxecto Cyberdiscovery.

Prototipo de proyecto ‘En busca del arca perdida’

Prototipo de proyecto ‘En busca del arca perdida’

Kits eTwinning

Este elemento non está dispoñible no idioma solicitada. Desculpe. For the sake of viewer convenience, the content is shown below in the alternative language. You may click the link to switch the active language.

Hoy publicamos otra entrega en la sección ‘Prototipos de proyecto’. Se trata de una propuesta de proyecto de colaboración, diseñada para desarrollarse directamente en el aula o para que sirva de base a otros proyectos. Estos prototipos podrán servirte como ejemplo del desarrollo de las competencias básicas en los proyectos eTwinning.

Continuar leyendo

Prototipo de proyecto “Festival de cine”

Prototipo de proyecto “Festival de cine”

Kits eTwinning

Este elemento non está dispoñible no idioma solicitada. Desculpe. For the sake of viewer convenience, the content is shown below in the alternative language. You may click the link to switch the active language.

Hoy publicamos otra entrada en la sección ‘Prototipos de proyecto’. Como venimos diciendo, en ella, periódicamente saldrá una propuesta de proyecto de colaboración, diseñada para desarrollarse directamente en el aula o para que sirva de base a otros proyectos. Estos prototipos podrán servirte como ejemplo del desarrollo de las competencias básicas en los proyectos eTwinning.

Continuar leyendo