22 de September de 2023

Os centros educativos están nun proceso de implementación de distintos dispositivos con conexión a Internet co obxectivo de desenvolver a competencia dixital dos alumnos.

Por outra banda, os nosos alumnos están a utilizar todos estes dispositivos desde idades cada vez máis temperás tanto no horario escolar coma na súa vida cotiá e os centros educativos, xunto coas familias, teñen a responsabilidade de desenvolver a competencia dixital dos alumnos.

Neste sentido, cómpre identificarmos cales son os distintos aspectos que hai que cubrir para que os nosos alumnos adquiran a competencia dixital que o mundo actual require. O proxecto europeo sobre competencias dixitais (EU Digital Competences Project) sinala no seu estudo que existen 5 áreas nas que se centra a competencia dixital: Información, Comunicación, Creación de contidos, Seguridade e Resolución de problemas. Estas son as competencias que deberán adquirir os nosos alumnos ao longo do período de escolarización.

O Marco Común de Competencia Dixital Docente, publicado no INTEF (http://educalab.es/intef/tecnologia/competencia-digital/competencia-digital-docente) establece unha referencia para identificar as distintas áreas e niveis de competencia dixital para os docentes.

Hoxe queremos presentar o esquema que elaborou Netsafe (http://www.netsafe.org.nz/), organización establecida en Nova Zelandia, que pode ser de grande axuda para establecer un plan de desenvolvemento da competencia dixital dos alumnos durante a súa escolarización (http://www.thegrid.org.nz).

Neste esquema establécense 4 niveis de competencia que se desenvolven ao longo da vida escolar: principiante (begginner), aprendiz (apprentice), usuario (practitioner) e usuario avanzado (master).

En cada un dos niveis establécense tres áreas:

  • A conexión, que implica comprender o impacto e mais o potencial do uso das TIC tanto a nivel persoal coma dentro da sociedade.
  • A seguridade, supón desenvolver estratexias persoais para un uso seguro de Internet.
  • A responsabilidade, enfocada a comprender, aplicar e promover as directrices do bo uso de Internet para favorecer as boas relacións entre os usuarios.

Neste esquema tamén se poden atopar ideas e actividades para realizar na aula cos alumnos en cada un dos distintos niveis e áreas, que consideramos de interese para docentes e centros educativos.

 

Fonte das imaxes: Banco de Imaxes do INTEF


Leave a Reply

Your email address will not be published. Required fields are marked *


Go to Top Skip to content